Venres 19 Abril 2024

Sonia Villapol: “A covid persistente vai ser unha crise de saúde pública”

Dous anos despois do inicio da pandemia, a investigadora galega, que traballa en Texas, alerta da magnitude dunha doenza aínda descoñecida

Hai unhas cantas horas de diferenza. En Galicia xa nos estamos achegando á fin do día pero alá, en Estados Unidos, aínda é cedo. Ao outro do lado da pantalla está Sonia Villapol (Lugo, 1977). O seu nome resoa sempre con forza. Foi unha voz divulgativa e potente durante aqueles primeiros meses de pandemia, tratando de verter luz onde só había incertezas e sombra. Agora, unha das súas principais liñas de investigación é a covid persistente, unha doenza aínda descoñecida. E iso é importante recordalo. Máis aínda estes días, cando se cumpren dous anos dende o inicio “oficial” da crise sanitaria por coronavirus.

A investigadora galega é licenciada en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e doutora en Neurociencias pola Universidad Autónoma de Barcelona. Dende o 2010 traballa en Estados Unidos e actualmente é investigadora principal e profesora no Hospital Methodist en Texas. É membro do equipo de investigación internacional COV-irt.og, onde coordina o equipo de neurocientíficos que analizan como afecta o coronavirus ao sistema nervioso. Porque aínda que xa pasaron dous anos, Villapol teno claro: hai que seguir mantendo a garda.

Publicidade

—Cumprimos dous anos de pandemia. E aínda que a situación epidemiolóxica mellorou considerablemente, non nos podemos esquecer da covid persistente. É o que máis nos debe preocupar a partir de agora?

—Penso que si. Todas as evidencias apuntan a iso. Vai ser unha crise de saúde pública porque non se estima con exactitude a magnitude que vai ter. Tamén hai bastante decoñecemento arredor da covid persistente. Así como todos os síntomas que poden aparecer despois, que non teñen que ser os mesmos que tiveches durante a enfermidade. Poden aparecen uns novos. Ademais, agora hai máis evidencias de que ómicron pode causar covid persistente aínda que a doenza fose leve. E como con esa variante se infectou moitísima xente e a porcentaxe é maior que con outras variantes, non podemos saber cal é a magnitude. Hai unha gran incógnita. Con outras variantes, a xente que presenta covid persistente está estimada nun 10%. Pero con ómicron aínda non o sabemos.

“Hai máis evidencias de que ómicron pode causar covid persistente aínda que a doenza fose leve”

—Fai falla máis concienciación ao respecto? Moitos enfermos de covid persistente denuncian a falta de comprensión, sobre todo nos servizos médicos. 

—É unha pena. De feito, a Sociedad Española de Medicina Familiar y Comunitaria publicou un comunicado no que dicían que hai que convivir coa covid, que non todo o mundo ten que ir aos hospitais. Iso é certo. Pero dalgunha maneira, na súa nota, subestimaban a infección. Pareceume alarmante e precipitado porque aínda non se coñecen as dimensións que pode ter a covid persistente en ómicron, que aínda que a pases sen síntomas, a longo prazo pode ser algo preocupante. É máis, o problema máis grave que poden atopar os pacientes xa de entrada é que os médicos lle digan que non é algo real, ou que é o estrés pandémico e que non lles atopen ningún medicamento, ningunha solución e non os atendan. Pero é algo real que está afectando a moita xente. Os síntomas poden ser moi debilitantes, impedíndoche facer unha vida normal. Hai quen xa non é capaz de ler nin a páxina dun libro.

—Cal é o motivo polo que o coronavirus pode provocar eses danos no cerebro?

—Entre os síntomas que atopamos, os neurolóxicos son os máis numerosos e probablemente os máis preocupantes porque non hai tratamentos realmente efectivos. A confusión, a perda de memoria ou a néboa mental son bastante comúns. É dicir, presentes nun 15% ou 20% de pacientes que pasaron outras variantes. Por outro lado, un dos síntomas clave é a perda do olfacto. Aí xa hai un dano no epitelio e no bulbo olfactivo. É dicir, xa estamos a falar de cerebro e sistema nervioso. Cando isto acontece xa hai un dano directo nos nervios. E esa inflamación no cerebro é a que altera os vasos sanguíneos e pode producir tamén morte neuronal e dano neuronal.

“Os síntomas neurolóxicos son os máis numerosos e, probablemente, os máis preocupantes”

Polo tanto, os danos neuronais son, na súa meirande parte, debidos á inflamación. Esa inflamación sistemática que tes debida á tormenta de citoquinas. Isto acontece normalmente cando a xente está hospitalizada. pero outras veces chega con que esa inflamación sexa a nivel local, polo olfacto. De todas formas, hai outras vías de entrada. Por exemplo, a través do nervio vago. Pode que dende os pulmóns, e a través do nervio vago, transmitas certas citoquinas, certas proteínas inflamatorias. Isto fai que che afecte directamente ao cerebro. Outra das vías é o sangue.

—E as mulleres son máis propensas a padecelo. 

—Ás mulleres aféctalles, talvez nunha menor porcentaxe, a covid aguda. Xa se viu ao principio da pandemia, polo menos coas outras variantes, que causaba un efecto inflamatorio agudo maior nos homes. Pasa completamente o contrario coa covid persistente. Os motivos, ademais de ser hormonais, teñen que ver coa inmunidade. Hai predisposición xenética das mulleres, por exemplo, para a autoinmunidade. E a autoinmunidade é un catalizador bastante importante da covid persistente. Por iso as mulleres son máis propensas.

“Ás mulleres aféctalles, talvez nunha menor porcentaxe, a covid aguda”

Por outra banda, a perda do sentido do olfacto, a anosmia, afecta directamente ao sistema nervioso e as mulleres tamén son máis propensas. E xa se viu que a perda de olfacto talvez estea máis asociada a ter problemas neurolóxicos a longo prazo. Isto está asociado á inflamación, á fatiga, á confusión cerebral. Mentres que os homes teñen máis problemas cardiovasculares e tromboses asociadas á fase aguda. Hai diferenzas de xénero e iso é unha obviedade. E non só polas hormonas, senón por todos estes factores de predisposicion xenética que te fan máis vulnerable a ter certos síntomas.

Covid-19 persistente: máis de 50 efectos da infección a longo prazo

—Ademais, semella que a covid persistente tamén pode aparecer naquelas persoas que pasaron a enfermidade leve ou asintomática. 

—As persoas que pasaron a covid grave teñen máis probabilidade de presentar covid persistente. O que si se baralla, segundo unha metaanálise, é que hai un rango dun 30% a un 60% da xente que presentou síntomas leves ou foron asintomáticos e que tamén presentan un síntoma despois. Isto dáche a entender que hai unha porcentaxe de xente que aínda que non pasara a covid grave tamén pode ter covid persistente. Talvez non nun abano de síntomas igual que os que pasaron a covid grave pero hai un risco. Por iso se di que ninguén está excluído. De todas formas, esa metaanálise non incluía a variante ómicron. Agora hai un paper que acaba de saír que di que os pacientes de ómicron, aínda que pasaran a covid leve, tamén poden sufrir covid persistente. De todas formas, as porcentaxes hai que tomalas con cautela porque hai moitos factores asociados como a idade, a vulnerabilidade… Sobre todo as persoas maiores. Unha de cada tres persoas maiores que sufriron a covid, teñen covid persistente.

“Hai un rango dun 30% a un 60% de xente que presentaron síntomas leves ou foron asintomáticos que tamén teñen covid persistente”

—As consecuencias nas persoas que xa presentaban alzhéimer ou demencia tamén son preocupantes. 

—Si, e xa só ser maior porque a idade é o factor de risco. Hai factores que xa coñecemos, como a diabetes, que está asociada á covid persistente. Ou se tes moitos anticorpos no sangue despois de pasar a covid, aínda que non tiveras moitos síntomas, é outro indicio de que no futuro podes desenvolver covid persistente. Ou se aínda tes carga viral, restos ou reservorios do virus no corpo que non se eliminaron. Ou incluso doutros virus persistentes que se reactivan. Pero, sobre todo, un factor que pode predicir a covid persistente é a perda do olfacto. E iso acontece porque coa perda da olfacto xa estás a falar de afectación nerviosa.

—Entón, unha persoa que pasa a covid, cura, e anos despois poden aparecerlle síntomas vinculados a esa primeira infección?

—Exactamente, aínda que son casos menores. Pero hai que estar alerta. Aínda que pasaras a covid sen síntomas, iso que padeces meses despois pode ser unha consecuencia. Dependendo do que teñas podes aplicar uns tratamentos ou non. Hai antivirais que se poden aplicar para a covid persistente ou antihistamínicos. Dependen un pouco dos marcadores ou dos efectos que tes.

“Aínda que pasaras a covid sen síntomas, iso que padeces meses despois pode ser unha consecuencia”

—Insiste, por tanto, en mandar unha mensaxe de cautela e non banalizar a covid. 

—Si, aínda que tamén hai boas novas. Xa hai estudos que demostran que hai prevención de covid persistente se estás vacinado. Se estás vacinado tes un 40% máis de probabilidade de protexerte fronte á covid persistente que se non estiveras. Non só coa vacina te protexiches da fase aguda, senón tamén da fase persistente nunha porcentaxe bastante alta.

—E a covid persistente? É unha enfermidade crónica ou os seus síntomas poderanse ir mitigando co tempo?

—Depende, como boa galega [risas]. Depende dos síntomas. O que sabemos é o que hai xa feito. Obviamente non hai que ir de meigas. Eu intenteino e recibín críticas. Nunha entrevista que fixen en 2020 dixen que era moi probable que nalgúns pacientes aumentara moito o risco de alzhéimer e párkinson. Porque é moi lóxico cando tes un virus que che entra no cerebro e causa inflamación. E sabemos de sobra que a inflamación causa neurodexeneración e iso acelera os procesos de beta amiloide.

Obviamente as persoas maiores que pasaron a covid, os que xa tiñan alzhéimer, xa se demostrou que iso acelerou a enfermidade. Todos os síntomas cognitivos empeoraron. Pero os que non tiñan, agora xa se está vendo, incluso xente nova de menos de 60 anos, que apareceron placas beta amiloide no cerebro. Os estudos que o recollen saíron hai un mes. É dicir, dous anos despois de que eu o dixera. Pero eu son neurocientífica. Levo 20 anos estudando a inflamación no cerebro. Xa hai casos clínicos que encontraron, en persoas que morreron de covid, placas amiloides no tecido post mortem. Iso é moi raro atopalo en xente nova, de menos de 60 anos. E esa era unha consecuencia de ter pasado a covid.

“As persoas maiores que pasaron a covid, que xa tiñan alzhéimer, demostrouse que iso acelerou a enfermidade”

En relación ao anterior, as secuelas dependen moito dos síntomas. Podémonos apoiar no que sabemos do anterior coronavirus, do SARS. Daquela sabíase que moitos seguiron aos dous anos con fibrose pulmonar, problemas persistentes durante anos despois. Pero en xeral, a maioría dos síntomas de SARS persistente remataron nun ano. A xente recuperábase case de todo. Porén, coa covid persistente viuse que o 30% dos síntomas quedaban no primeiro ano. Porén, o que atoparon co SARS, co primeiro, catro anos despois, é que as condicións cerebrais mostraron sinais limitadas e problemas asociados. Os problemas neurolóxicos foron os que máis duraron co outro SARS. Podemos predicir un pouquiño o mesmo con este coronavuris porque non hai bos tratamentos. Nin antes nin agora. Os síntomas neurolóxicos serían os máis preocupantes e os que durarían máis.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Así se desenvolve o medo no cerebro

Neurobiólogos da Universidade de California descubriron en ratos como a tensión e o abafo convértense en afeccións como o trastorno de estrés postraumático

Isto é todo o que sabemos sobre o papel da microbiota na fertilidade masculina

Un traballo publicado en 'Nature' mostra diferenzas entre a microbiota seminal das persoas sas e a dos individuos con anomalías na mobilidade e concentración do esperma

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados