Galicia é a comunidade autónoma con máis mortes por afogamento en espazos acuáticos no que levamos de 2024. Así o confirma a última actualización do Informe Nacional de Ahogamientos, elaborado periodicamente pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo (RFESS). O documento cifra en 15 os falecementos nos primeiros tres meses do ano, producíndose 4 deles só en marzo. As cifras que notifica Galicia están lonxe da meirande parte de comunidades agás Andalucía, a seguinte na lista, que rexistrou 11 mortes en 2024 e 4 delas no último mes. En total, en España houbo 79 decesos por afogamento este ano, 27 deles en marzo.
Segundo o informe, a única comunidade na que non houbo falecementos en todo o ano foi Madrid, así como as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. A Rioxa e Aragón rexistran unha morte cada unha, que coincide cos datos de marzo. As demais comunidades oscilian entre os 6 e os 8 falecementos, sendo este último o caso de Canarias. No que respecta aos datos detallados do último mes, Galicia e Andalucía encabezan a lista, con 4 decesos cada unha. Cataluña e Estremadura rexistran 3 mortes. As únicas comunidades que quedan a cero en marzo son o País Vasco, Murcia e Madrid, así como Ceuta e Melilla.
As cifras totais do informe da RFESS achegan información contextual sobre os afogamentos producidos en España. Por sexo, 68 mortes rexistráronse en homes e 11 en mulleres. No que respecta ao lugar do falemento, 30 decesos foron en praias, 25 en ríos e 24 deles noutros espazos non especificados no documento. En relación á idade, as maiores cifradas acádaas a franxa de 35 a 44 anos, con 14 mortes, seguida dos 55 aos 64 anos e dos 65 aos 74, con 12 falecementos cada unha.
As outras variables que ten en conta o estudo son a procedencia, a vixilancia e a hora á que se produciu o afogamento. No primeiro caso, 69 dos 79 falecidos ao longo dos últimos tres meses tiñan a nacionalidade española, outros seis eran europeos, dous americanos e dous africanos. Ademais, 28 dos falecementos totais producíronse en zonas onde non debería haber servizo de socorrismo e outra dúas onde si; sen datos que avalen os 49 falecementos restantes. Por último, a meirande parte dos decesos ocorreron entre as 10.00 e as 11.00 horas, as 12.00 e as 13.59 e as 16.00 e as 17.59 horas, con 12 mortes en cada unha desas franxas.














