Venres 6 Decembro 2024

Paul Sampedro, o sarxento de Ribeira que foi testemuña do ataque a Pearl Harbor

Un documental repasa a carreira militar do galego que viviu a Segunda Guerra Mundial no Pacífico a través do testemuño do seu fillo

Pablo Sampedro é Director da Área de Cultura da Universidade de Santiago (USC). Hai uns meses leu no diario da institución un novo estudo que revelaba que a maioría dos recrutados da península polas forzas armadas estadounidenses durante a Segunda Guerra Mundial eran galegos. Ao dar con esta referencia, Sampedro preguntouse se na listaxe que elaborara o grupo de investigadores figuraba o nome do seu pai, Paul Sampedro, ex sarxento ribeirense que pasou toda a contenda no Pacífico e que viu, cos seus propios ollos, os avións xaponeses no ceo camiño a Pearl Harbor. A través do gabinete de prensa, Sampedro puido poñerse en contacto con Javier Fernández, profesor da USC e un dos autores do traballo, que ficou abraiado pola proximidade. Intercambiaron a información con agarimo para compoñer o crebacabezas da carreira militar de Paul Sampedro. O resultado toma forma hoxe nunha curtametraxe elaborada por Óscar Galansky, creador da canle ‘Tropa Guripa’: Paul Sampedro, un español no día que cambiou a historia.

O 11 de outubro de 1913 Pablo Sampedro, que se pasaría a chamar ‘Paul’ cando se integra na sociedade americana, naceu en Ribeira. Con 16 anos emigrou a Estados Unidos e traballou en Nova York como barbeiro, seguindo a estela do seu pai. Cada poucos meses regresaba á súa terra e nunha desas ocasións, entre 1935 e 1936, chamárono para preparar o servizo militar da Guerra Civil Española. Con todo, non quixo realizalo e escapou por Portugal. Na investigación realizada pola USC, os expertos descubriron un documento de 1937 onde aparece na listaxe de prófugos. A anécdota foi recollida incluso pola prensa local de Honolulu en 1942. “Escapou de España e despois alistouse en Estados Unidos para loitar contra os de Franco dunha maneira indirecta”, explica o seu fillo no documental. En 1940, o goberno estadounidense declara o primeiro servizo militar obrigatorio cando Paul tiña 27 anos. Ese mesmo ano, Paul obtivera con alegría a nacionalidade americana, de maneira que o convocaron para o exército.

Publicidade

Paul Sampedro, en uniforme. Foto: Javier Fernández

Un ano máis tarde Sampedro viaxa cara a illa de Oahu, en Hawai. Neste punto exacto é onde se atopaba o ribeirense cando tivo lugar o ataque xaponés á base de Pearl Harbor. Por aquel entón formaba parte do Rexemento de Artillería de Costa, no centro da illa. Sampedro foi soldado de primeira clase e despois foi ascendido a sarxento. Así o demostran as fotografías e os uniformes que vestía. A pesar das arduas pesquisas, sobre a súa vida militar existen grandes baleiros de información. “Non sabemos se estivo na fronte, fáltannos moitos datos. El case non falaba da guerra. A miña lectura é que regresou trastornado da lide, meteu iso nun canto da súa memoria e para el xa quedou conxelado”, conta o seu fillo a Gciencia.

Para el, que conserva obxectos do seu pai como uns prismáticos e un espello para facer sinais coa luz do Sol, este documental é “revelador”, xa que puido acceder a fotos e recortes de prensa dos que non sabía da súa existencia. O protagonista, segundo revela o documental, foi dende xefe de comunicacións ata delineante e sarxento técnico, realizando planos e fotolitografías dentro das Forzas Aéreas. O seu fillo Pablo engade que tiña formación para realizar esas tarefas e tivo ata doce soldados ao seu cargo.

Publicidade

Sampedro quería abrir un restaurante en Hawai

Javier Fernández explica que de Paul Sampedro só coñecían os seus datos vitais no contexto do primer traballo publicado na USC sobre os recrutados. En xeral, atopar os rexistros de alistamentos é sinxelo, xa que están dixitalizados e son accesibles dende a web. Con todo, sostén que moita documentación da guerra se perdeu no camiño e que é moi particular o caso dos Sampedro: atopar a familiares vivos que estean en Galicia e tan preto. “En ocasións traballamos coa vista posta no público. Cando falamos de divulgación a xente quere cousas interesantes. Sabemos que houbo soldados que pasaron a guerra adestrando ou vixiando nalgún cuartel. O máis salientábel, como neste caso, é ser testemuña de operacións importantes, como tamén ocorreu con Manuel Otero e o Desembarco en Normandía”, alega Fernández. Aínda que Sampedro presenciou a chegada dos avións a Pearl Harbor e observou o fume tralo ataque, para o investigador da USC o máis salientable da historia é o carácter humano. “Grazas ao seu fillo pensamos que estaba integrado na sociedade americana. Estaba pensando en quedarse en Hawai e abrir un restaurante español ou galego.” Ademais, Fernández cre que Paul Sampedro colaborou máis na guerra do que se sabe.

Carta de rexistro para o servizo militar. Foto: Javier Fernández

O sarxento estaba moi arraigado á súa terra. Era un espléndido pandereteiro e nun club, de “carácter antifranquista”, cantaban e tocaban. Alí, cos seus compatriotas, facían picnis e importaban polbo e mariscos galegos. Despois da contenda, Paul Sampedro traballou varios anos en Estados Unidos como xefe de mantemento dun cruceiro de luxo que facía rutas de Nova York ao Caribe. Así rematou a súa vida laboral e el e a súa muller decidiron regresar a Ribeira. En 1969, nos primeiros anos de vida de Pablo, foron vivir a Santiago de Compostela. “Lémbroo con exactitude. Foi o día que Neil Armstrong pisou a Lúa, a casa aínda estaba empaquetada”, conta con morriña o actual director de Cultura da USC. O matrimonio tivo que regresar a Estados Unidos para que Sampedro puidese cobrar a pensión completa por ser veterano de guerra, e nos seus últimos anos de vida aínda seguía facendo planos como en Hawai. En 1970, voltaron a Galicia e non regresarían a América.

Segundo define o seu fillo, era moi “parco” en palabras. Morreu cando el tiña 20 anos e recorda que cunha frase o resumía todo. Na súa casa non vían películas de guerra —Pablo tiña que velas na casa dos seus amigos— e moito menos se falaba do pasado militar de Sampedro. No seu fogar tampouco había xoguetes bélicos. Na actualidade, a súa muller, de 92 anos, vive en Santiago de Compostela. O encontro entre Pablo Sampedro fillo e o grupo da USC é para Javier Fernández a “culminación do proceso”. Quen lles ía dicir que, no seu centro de traballo, se achaba a persoa que buscaban; un fillo que atesoura as lentes polas que o seu pai viu no Nadal do 41 sobrevoar os avións que cambiarían, para sempre, o curso da historia.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dolmen de Axeitos: ídolos, pinturas e gravados

Un dos monumentos megalíticos máis visitados de Galicia agocha tamén algúns segredos malia ter padecido séculos de vandalización

Menhires en Galicia: do Cristal á Lapa de Gargantáns

As pedras altas da cultura megalítica non teñen no territorio galego e do norte de Portugal unha presenza tan notable como as mámoas

De Portosín a Rianxo: fin da viaxe pola contorna do Barbanza

A visita aérea entre as dúas vilas, á beira das rías de Muros e Noia e Arousa, pecha o percorrido por case 1000 km da costa da provincia da Coruña

Os dous canóns da Armada Invencible rescatados en Corrubedo

O achado dun percebeiro permite recuperar as dúas pezas de artillería que levan os selos do rei Filipe II e que están datadas no século XVI