Dúas pezas de artillaría de bronce cunha historia de case cinco séculos emerxeron este venres de augas fronte preto da vila de Ribeira, en Corrubedo. Eran un canón e unha culebrina cos escudos do rei Filipe II e que todo apunta a que pertenceron a algún buque dos que participaron en La Grande y Felicísima Armada, que foi o nome que lle deu o monarca á gran frota que armou en 1588 co obxectivo de invadir Inglaterra, e que finalmente foi chamada despectivametne polos ingleses como Armada Invencible, tras fracasar no seu obxectivo de conquista.
Mergulladores da Armada Española pertencentes á Unidade de Mergullo de Ferrol (UBUFER), con base na Estación Naval da Graña, en coordinación co Servizo de Patrimonio Arqueolóxico e Gardacostas da Xunta de Galicia, interviñeron durante a mañá deste venres 15 de abril nas proximidades de cabo Corrubedo, para levar a cabo a extracción das dúas pezas de bronce, un canón e unha culebrina, que na primeira inspección xa semellaban pertencer a un buque de Estado do século XVI.
O achado realizouse durante o día anterior por un percebeiro, Sergio García, que tras atopar os canóns decidiu sinalizalos cunha boia e dar aviso á Patrimonio da Xunta de Galicia. Ao tratarse dun buque de guerra, a responsabilidade do rescate era da Armada, xa que a Lei de Navegación Marítima que lle outorga as competencias sobre os buques de Estado. Por esta razón, mobilizose un equipo da Unidade de Mergullo de Ferrol para, en coordinación e seguindo directrices do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, realizar a extracción das pezas con total seguridade para poder estudar a súa procedencia e antigüidade.
Xa os propios técnicos da Armada apuntaron tras o rescate que todo indicaba que estaban ante artillería propia do século XVI. “Nas pezas rescatadas figuran algúns escudos que poderían relacionalas coa Armada de Felipe II, aínda que é necesario realizar un estudo máis exhaustivo que permita precisar a súa procedencia con máis exactitude”, explicaban nunha nota oficial. O arqueólogo submarino Miguel San Claudio amosouse convencido de que o buque pertence á alcumada Armada Invencible e transmitiu a necesidade de facer unha campaña de investigación na zona, xa que pode haber máis pezas de artillería. O percebeiro Sergio García animou esta teoría ao asegurar que ten avistado balas de canón e unha áncora na mesma zona fronte a Corrubedo.
Aínda que serán os vindeiros estudos os que determinen a orixe e procedencia desas pezas, para relacionalas con algún dos moitos afundimentos que se rexistraron nesta zona.
Moi bos artigos relacionando actualidade con historia