A borrasca Nelson que regou Galicia durante a Semana Santa xa ten sucesora: Olivia. Malia que os efectos do novo sistema de baixas presións situado ao noroeste peninsular non se poden comparar co fenómeno que augou as vacacións da pasada semana, si traerá unha situación de inestabilidade que se prolongará durante varios días. Un dos primeiros efectos será o notable ascenso de temperaturas, que este venres acadarán os 25 graos nalgúns puntos de Galicia. Esta subida dos termómetros débese a que a borrasca desprazará unha masa de aire cálido a través dun corredor de ventos do sur. Porén, as baixas presións tamén deixarán chuvias, fortes refachos de vento e incluso temporal marítimo no litoral galego. De feito, Meteogalicia activou as alertas amarela e laranxa para os próximos dous días.
Este xoves será un dos días máis estables da semana, malia que o noroeste da Coruña e A Mariña lucense estean en alerta amarela por refachos superiores aos 80 km/h. Os efectos de Olivia sobre o mar deixaranse notar especialmente na Costa da Morte e no noroeste da Coruña, onde tamén están activados os avisos amarelos. No resto do territorio galego será unha xornada marcada polos ceos nubrados, especialmente no oeste da comunidade. A situación empeorará nas últimas horas do día pola entrada dunha fronte, enviada pola borrasca Olivia, polo litoral atlántico. As chuvias, de feito, serán de “intensidade moderada”, segundo prognostica Meteogalicia. En canto ás temperaturas, xa experimentarán un lixeiro ascenso térmico, con máximas que superarán os 22 graos en Ourense.
O venres Galicia estará nunha situación intermedia entre as baixas e as altas presións, coa borrasca Olivia exercendo a súa influencia sobre o territorio. De feito, toda Galicia estará en alerta amarela por refachos superiores aos 80 km/h pero a peor situación darase no mar. Os avisos laranxas afectarán especialmente ao oeste da Coruña e á montaña de Ourense, onde se rexistrarán ventos de máis de 100 km/h. Ademais, as ondas poderán acadar os 5 metros na Costa da Morte e nas Rías Baixas. A situación no resto de Galicia será relativamente estable ata a chegada da noite, cando entre unha nova fronte que deixará chuvias intensas no oeste. Este será o día de maior temperatura, dado que Ourense acadará os 25 de máxima, Pontevedra e Vigo chegarán aos 23 e o resto de cidades galegas roldarán os 22 graos agás Santiago, que non superará os 20.
A influencia anticiclónica farase esperar en Galicia, dado que a inestabilidade volverá ser protagonista durante a primeira fin de semana de abril. O sábado estará marcado polas precipitacións, sobre todo no leste da comunidade, e tamén por un acusado descenso térmico que baixará as máximas ata os 18 graos. É dicir, 7 graos de diferenza en apenas 24 horas. O domingo agárdase un día máis estable pero á noite chegará unha nova fronte que deixará unha probabilidade de precipitación do 90% durante o luns. Dende Meteogalicia prognostican que ao longo da vindeira semana Galicia quede baixo a influencia anticiclónica de forma progresiva. De feito, a partir do mércores as probabilidades de precipitación baixan considerablemente.














