Unha aurora boreal ilumina o ceo da península ibérica

As nubes impediron contemplar este domingo dende Galicia un fenómeno visible en Barcelona, Navarra, Cáceres e tamén Portugal

Unha aurora boreal viuse dende a península ibérica durante a noite do domingo, especialmente entre as 21 e as 22 horas. Con todo, Galicia non tivo a sorte de contemplar o espectacular fenómeno de luminiscencia debido ás condicións atmosféricas. Tal e como confirma José Ángel Docobo, astrónomo da Universidade de Santiago (USC), a borrasca Domingos impediu observar a aurora boreal. Esta é a segunda vez en apenas sete meses que o espectacular fenómeno se deixa ver nas nosas latitudes, pero o tempo non acompañou nin en abril nin en novembro. Con todo, hai boas noticias: pode que os galegos teñamos máis oportunidades de velas de aquí a 2025.

“As auroras boreais están asociadas á actividade solar e, efectivamente, estamos dirixíndonos cara a un máximo da actividade do sol, previsto para mediados de 2025”, explica Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. De todos modos, o experto advirte de que non é unha cuestión exacta e de que a visibilidade de auroras boreais en latitudes tan baixas depende de moitos factores. De feito, Docobo recoñece que non estaba previsto que o fenómeno producido a noite do domingo se puidese contemplar desde España. “A previsión indicaba que se podería observar en zonas do norte de Europa e incluso en Polonia. Pero en zonas tan ao sur como Cáceres, non”, asegura o experto.

Publicidade

Aínda que en Galicia non hai testemuños gráficos da aurora boreal, si que os hai noutros puntos de España. O Observatorio de Pujalt, en Barcelona, captou o fenómeno cara ao horizonte norte, cunha tonalidade avermellada. Dende a Rede de Investigación de Bólidos e Meteoritos, coordinada polo Instituto de Ciencias do Espazo do CSIC, a colaboradora Belén Santamarina sacou a imaxe dun bólido cruzando o ceo de Ekala, en Navarra, tinguido por unha tenue luz avermellada correspondente á aurora boreal. Dende Estremadura, foi o astrofotógrafo Javier Caldera quen captou o fenómeno en imaxes e a través dun timelapse dunha hora, onde se ve como foi evolucionando a luz da aurora boreal en Cáceres.

Se unha observa as imaxes do Observatorio de Pujalt, de Santamarina e de Caldera pode pensar que o que aparece nas súas fotografías non é realmente unha aurora boreal. As máis coñecidas e intensas prodúcense en Escandinavia, con cores fortes, tanto verdes, amarelas como azuis, que cruzan o ceo. Porén, en latitudes tan ao sur como Galicia ou Estremadura, as tonalidades da aurora boreal varían e só é visible unha cor avermellada do ceo. “A variación débese á cantidade de partículas solares. Canto máis preto estean, mellor se verán”, explica Docobo.

Por que se producen?

A aurora boreal —austral cando se produce no hemisferio sur— é o resultado das tormentas solares. É dicir, unha serie de perturbacións que se producen na magnetosfera polo aumento da velocidade do vento solar, que produce unha liberación de enerxía en forma de luz. Dende a canle divulgativa da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) na rede social X (antes Twitter) explican que a partir desa tormenta solar se produce un espectacular fenómeno luminoso que se traduce en arcos, bandas e cortinas sobre o ceo. Unha definición que se axusta ás auroras boreais que se poden observar nas latitudes máis ao norte, como en Escandinavia. Pero que tan ao sur, como Italia ou Galicia, queda restrinxido a unha cor lixeiramente avermellada do ceo.

Máis en concreto, e seguindo a explicación da AEMET, as aurora prodúcense pola presenza de partículas cargadas electricamente e exectadas dende o sol, que actúan sobre os gases das capas superiores da atmosfera. O campo magnético da Terra canaliza estas partículas, que colisionan cos átomos e moléculas dos gases xa presentes nesta parte da atmosfera. O choque entre uns e outros provoca a “excitación” dos átomos de osíxeno e nitróxeno que, cando volven a niveis normais, liberan enerxía en forma de luz. As cores nas que se traducen as auroras van dende o verde ao amarelo, cando o gas responsable é o osíxeno. O nitróxeno produce unha luz de cor azul, agás se é nos bordes máis baixos ou nas partes externas máis curvadas que será de cor vermella ou púrpura.

Un fenómeno non tan excepcional en Galicia

Docobo confirma que as auroras boreais non son habituais en Galicia pero que todo depende da actividade solar, capaz de alterar os prognósticos. Amais da que se produciu en abril, que tampouco se puido ver a causa do tempo, o director do observatorio santiagués lembra a aurora boreal de 1989. “Os galegos fomos os únicos que a vimos de toda España, no mes de marzo. Eu fun un deles. Recodo que o ceo se puxo vermello en dirección noroeste unhas tres horas”, lembra o astrónomo. Pero esta non foi a única vez, aínda que si a máis visible na nosa historia recente.

Outros dous episodios gravados a lume na pel dos galegos producíronse a mediados dos séculos XIX e XX. En 1850 os veciños de Vigo asustáronse ao ver o ceo tinguido de vermello. Era, en realidade, unha aurora boreal, pero eles pensaban que se podía deber á aparición do demo. Moitas décadas despois, en plena Guerra Civil, unha nova aurora boreal de cor vermella apreciouse en toda a península. Os xornais deixaron constancia de que en Lalín, onde vivía o astrónomo Ramón María Aller, os veciños asustáronse e marcharon correndo cara ás súas casas. Afortunadamente, iso non pasaría en pleno 2023. Desafortunadamente, as dúas oportunidades que nos brindou o que levamos de ano non foron as propicias. Pero Docobo é optimista e lembra que é hai posibilidades de que volva a acontecer antes de mediados do 2025: “Maloserá”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Informes dunha catástrofe: a tormenta perfecta que condenou o marisco en 2023

A baixa salinidade producida polos temporais de outono estragou un marisco vulnerado polas subidas das temperaturas do mar

A Xunta publica o mapa de zonas de baño de Galicia: estas son as 39 praias non aptas

O último control microbiolóxico realizado pola Xunta identificou unha trintena de espazos marítimos e continentais con clasificación sanitaria insuficiente

Unha masa de aire polar e unha potente borrasca traen neve a Galicia esta semana

Meteogalicia prevé nevaradas nos cumios máis elevados, en cotas superiores aos 1.300 metros, a partir do mércores

Retirada unha acacia de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos

Un grupo de 16 voluntarios participa na primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes do curso fluvial de Outes