Como se reproducen os polbos? Un vídeo gravado en Cíes retrata o seu ciclo vital

As femias morren tan só unhas semanas despois de que conclúa o seu primeiro e único proceso reprodutivo

Os polbos (Octopus vulgaris) son un dos animais máis curiosos do medio mariño. Un dos aspectos que máis chama a atención destes moluscos é o seu curioso ciclo de vida, que dura entre 1,5 e 2,5 anos. De feito, os polbos femia morren tan só unhas semanas despois de que conclúa o seu primeiro e único proceso reprodutivo. Agora, un vídeo gravado nas augas das illas Cíes fai seguimento dunha femia, dende que é fecundada por un polbo macho, ata que un congro devora o seu cadáver meses despois.

A gravación, que divulga o proceso reprodutivo dos polbos de principio a fin, forma parte do proxecto Aquopus e conta coa participación do biólogo galego Álvaro Roura. O vídeo comeza explicando como o macho estende un dos seus oito brazos —o terceiro pola dereita— que está especialmente modificado para reprodución. Chámase hectocólito e introdúcese dentro do manto da femia para transferirlle paquetes de esperma. Cando entran en contacto da auga, estes paquetes estoupan e liberan os espermatozoides. Todo este proceso pode durar ata unha hora.

Publicidade

Unha posta de 500.000 ovos

Cando chega o momento, a femia busca onde agocharse. No vídeo aparece escondida entre un muro de pedras e cunchas. Os mergulladores comproban coidadosamente a posta e confirman que hai centos de acios de ovos. A cor branca que se ve no vídeo indica que a femia os puxo moi recentemente. Neses intres, ela dedícase a limpalos e osixenalos continuamente, pois é capaz de poñer máis de 500.000 ovos, que colgan nos seus respectivos acios grazas a un pegamento especial que hai no teito da cova. Segundo recolle o documentalista José Irisarri na súa canle de Youtube, nos seguintes cinco meses á posta, a femia non se moverá nin comerá e vai perder máis do 50% da súa masa muscular.

Ao longo doutro mes, as paralarvas comezarán a eclosionar e o polbo femia abrirá unha pequena entrada do seu refuxio para que poidan saír nadando. Miden arredor de tres milímetros e van comezar a súa vida planctónica, nunha etapa que dura aproximadamente dous meses. Logo, asentaranse no fondo do mar para converterse en adultos. Mentres tanto, a femia continúa coidado os acios baleiros seguindo o seu instinto, pero o seu organismo continúa debilitándose. Unhas semanas máis tarde, o seu ciclo vital remata e, finalmente, congro devora o seu cadáver.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha campaña confirma a ocupación do castro das Cíes dende a época castrexa á Idade Media

O estudo levou a cabo dúas sondaxes na zona que confirmaron a presenza dun importante asentamento humano previo á chegada dos romanos

O éxodo dos polbos: por que desaparecen en Galicia e se multiplican nas costas británicas?

A explosión de cefalópodos nas augas do Reino Unido desconcerta os expertos, que o atribúen ao aumento da temperatura do mar e á diminución dos seus depredadores naturais

Un equipo de Vigo documenta por primeira vez un polbo de nove brazos no seu hábitat natural

É o primeiro estudo que rexistra como se usan as extremidades rexeneradas e bifurcadas nunha contorna salvaxe

As incribles imaxes dun polbo de Louro que namoraron a BBC

As instantáneas están feitas polo galego Xaime Beiro: "Moitas fotografías son do mesmo exemplar, ao que lle debo moito"