Diana Guallar e Alejandro Fuentes, autores do artigo premiado pola RAGC. Foto: CiMUS.
Diana Guallar e Alejandro Fuentes, autores do artigo premiado pola RAGC. Foto: CiMUS.

Na procura das células nai que poidan reparar tecidos humanos

O traballo do CiMUS liderado por Diana Guallar e Alejandro Fuentes acaba de ser premiado pola Real Academia Galega de Ciencias

O avellentamento e as enfermidades asociadas a el, así como os ‘erros’ no funcionamento das células que provocan doenzas como o cancro, son o prezo que os seres humanos pagan por ter conseguido o seu gran éxito evolutivo. Reverter estes ‘erros’ é un dos grandes obxectivos da ciencia, xa que deste xeito se podería coñecer o camiño para previr moitos tipos de problemas de saúde. En maio deste ano, un equipo de investigadores do CiMUS de Santiago marcaba un fito na disciplina ao converterse na primeira investigación impulsada desde Galicia que foi publicada na revista Cell Stem Cell, a máis relevante do mundo en materia de células nai. Os autores, pertencentes aos laboratorios dirixidos por Diana Guallar e Miguel Fidalgo, demostraban que as modificacións químicas nas moléculas de ARN son esenciais na reprogramación celular.

As modificacións descritas polos científicos eran producidas pola proteína ADAR1, necesaria durante as etapas iniciais da reprogramación, cuxa función de xeito erróneo pode inducir na aparición de enfermidades. “Había moi poucos traballos que demostraran que as modificacións do ARN fosen importantes na reprogramación”, explica Diana Guallar, “e por iso foi tan relevante o noso artigo”. A investigación, que levaron a cabo Guallar e Alejandro Fuentes, coautor do traballo publicado en maio, acaba de ser recoñecida co Premio de Investigación Ernesto Viéitez, que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). “É unha gran felicidade e un empurrón para o equipo, porque había outros traballos excepcionais que tamén optaban ao premio”, explica a científica.

“O noso traballo é moi prometedor na medicina rexenerativa, xa que seguimos descoñecendo moitos procesos moleculares implicados na reprogramación celular”, continúa a investigadora do CiMUS. Segundo destaca a RAGC no anuncio do galardón, o traballo desenvolvido desde Santiago achega un importante avance “no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente de células nai pluripotentes inducidas (iPSC)“, un tipo celular que pode reprogramarse para actuar de xeito semellante ás células nai embrionarias. É coñecido o potencial terapéutico destas últimas en enfermidades que implican o deterioro celular pola súa capacidade natural para perpetuarse de maneira ilimitada e replicar calquera célula dun organismo adulto. Pola súa parte, a vantaxe que ofrecen as iPSC é que, estimuladas do xeito correcto, poden facer o mesmo papel de reparación de tecidos humanos danados que as embrionarias, evitando os problemas éticos asociados á destrución de embrións para obtelas.

Con todo, segundo advirte Diana Guallar, aínda queda moito camiño por diante. “Temos que coñecer mellor cales poden ser os posibles efectos colaterais, para que non sexa peor o remedio cá enfermidade, e entender o proceso de reprogramación destas células, así como a función das modificacións mediadas por ADAR1 noutros procesos relevantes como a na metástase, a cicatrización, etc.”.

Fito de científicos galegos cun estudo sobre reprogramación celular

Nos últimos anos foron numerosos os traballos que puxeron de manifesto que este novo nivel de regulación molecular dentro das células é máis importante do que inicialmente se pensaba a nivel fisiolóxico e patolóxico, o que propiciou que países como Estados Unidos consideren liña prioritaria de investimento a investigación das funcións das modificacións químicas no ARN. Esta é a liña de traballo de Diana Guallar desde que comezou a interesarse por ela na súa estadía posdoutoral no Mount Sinai de New York. Posteriormente, ao chegar ao CiMUS, uníndose co equipo de Miguel Fidalgo, ambos impulsaron desde Santiago varias iniciativas arredor do estudo deste tipo de células nai.

“É moi complicado estabilizarse en España”

Na actualidade, Guallar e o seu equipo teñen boas condicións no CiMUS de Santiago, grazas á recente obtención dun contrato Ramón y Cajal que permite unha certa establidade e a concesión de proxectos cun sólido financiamento. Porén, destaca que estas situacións seguen sendo a excepción: “Unha vez que os científicos saen fóra, é moi complicado volver e estabilizarse; eu son consciente de que tiven moi boas oportunidades, pero hai moita xente moi boa que non o conseguiu e igualmente o merece”.

Sobre a situación en Galicia, Diana expón que se percibe un avance nos últimos anos. “Estamos facéndoo ben, impulsando grupos de moita relevancia; aínda non chegamos ao nivel do País Vasco ou Cataluña, pero é un bo camiño”. Para conseguir un progreso común, expón, habería que facer plans de longo percorrido: “Os gobernos encargados de deseñalos adoitan pensar a catro anos, pero hai que chegar a un acordo de país e investir decididamente; igual os que gobernan cando se aproban non verán os froitos estando no poder, pero alguén ten que dar o paso para comezar, senón seguiremos sempre con parches”, conclúe.

O equipo do CiMUS recibirá o recoñecemento durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro, xunto a Raúl Santoveña, gañador do premio na categoría de científicos menores de 30 anos, e as mencións honoríficas outorgadas nas respectivas categorías, a Jesús Balado, da UVigo, e Esteban Suárez, do CiQUS da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.