Tanto como un bo amencer ou escoitar as ondas do mar, ver as estrelas é unha opción das opcións favoritas para os fans dos plans relaxados. Porén, non en todos os puntos hai zonas nas que a visibilidade das estrelas sexa igual de boa. Ten que ser un sitio sen luz, polo que en moitas ocasións pensamos en puntos do monte que apenas están visibles. Non é unha mala opción, pero hai certos lugares nos que a calidade do ceo é única e que precisan de protección e conservación. E, a modo de recoñecemento, están os destinos turísticos con certificación da Fundación Starlight.
O sistema de certificación, que está apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (OMT) e a Unión Astronómica Internacional (IAU), destaca puntos de toda a xeografía galega. Por exemplo, é o caso de Muras. O Miradoiro das Campelas de Auga e o Alto da Amosa son algúns dos puntos das dúas áreas nas que mellor se pode observar no ceo. Preto tamén hai unha área de caravanas que conta cunha boa visibilidade para observar as estrelas.
A Costa da Morte é outro dos lugares destacados, no que tamén se realza a posibilidade de ver praias salvaxes e cantís espectaculares ao mesmo tempo que se observan os ceos estrelados. Gran parte do seu territorio forma parte da Rede Natura 2000 e ademais da certificación Starlight, alberga territorio en rede Natura 2000, dous Lugares de Importancia Comunitaria, unha Zona de Especial Protección para as Aves e unha Paisaxe Protexida, polo que ver as estrelas non é a única actividade posible na zona.
Actividades ao ceo
Por suposto, algúns dos mellores lugares atópanse nas illas fronte a Galicia: Cortegada e Sálvora, Ons e as Cíes. E é que o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia teñen unha ampla diversidade de fauna e flora e paisaxes impoñentes, pero tamén uns ceos perfectos para desfrutar das estrelas sen os efectos da contaminación luminosa. Ademais, hai dúas estacións destinadas a protexer o ceo nocturno e permitir mellor a súa observación.
Entre outras das opcións atópase, por exemplo, Trevinca. A zona conta ademais durante o ano con actividades como as xornadas “AstroTrevinca” e os concertos “Nanas para Trevinca”, que se realizan baixo o paraugas do Destino Turístico Starlight. Un bo lugar por estar lonxe de núcleos de poboación e pola súa altitude.
O corazón de Galicia
En pleno centro de Galicia tamén hai outros dous puntos: o Concello de Chantada e Lalín, que contan con esta denominación. O primeiro, situado na provincia de Lugo, está preto do encoro de Belesar. Un lugar no que a calidade do ceo é excepcional e rodeado de natureza e no que destaca o Monte Faro. Ademais, está integrado na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e serras de Oribio e Courel. No caso de Lalín, a parroquia de Maceira ofrece unha panorámica fantástica para observar o ceo na súa mellor versión en pleno corazón de Galicia. Ademais, Lalín foi fogar dun dos astrónomos galegos máis recoñecidos: Ramón María Aller.
Por último, tamén están incluídas na lista a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, que se estende por 17 concellos e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e os montes de Navia, Cervantes e Becerreá. A súa declaración como destino Starlight en 2024 supón unha oportunidade para realizar actuacións que potencien aínda máis a súa capacidade de organizar actividades de turismo astronómico.
Turismo Starlight
O pasado 22 de outubro, expertos e institucións de diversas partes de España reuníronse para falar e debater sobre a astronomía. Un evento que contou con recoñecidos relatores e cunha programación variada.
Alí tamén estivo presente unha delegación galega, que aproveitou para intercambiar opinións sobre como se deben preparar turisticamente para o eclipse solar de 2026. Con oito destinos turísticos Starlight certificados, a comunidade conta co 17% do total en España.
As Leónidas en Galicia
Coñecer todos estes puntos é perfecto para ver as Leónidas, a próxima choiva de estrelas que se espera para 2025. A súa máxima actividade terá lugar o 17 de novembro ás 19 horas malia que pode haber momentos durante a noite con picos de maior intensidade. Ademais, a Lúa non terá unha iluminación forte, polo que facilitará a súa observación.
Todos estes lugares poden ser perfectos, se o tempo o permite, para desfrutar dos fragmentos que caen do cometa 55P/Tempel-Tuttle, descuberto en 1865 e que atravesa a Terra todos os anos por estas datas. E se non podes cadrar as datas ou se a meteoroloxía non acompaña, tes unha última posibilidade para observalas antes de que remate o ano coa chegada das Xemínidas.













Bos días,
Primeiramente, felicitarvos polo traballo que facedes en prol da ciencia e da cultura no noso país. Ogallá houbera mais iniciativas como a vosa en todo o mundo para aportar luz nestes tempos incertos e sombríos de involución intelectual.
Pero esta vez toca escribir para advertirvos dun erros neste artigo “Destinos Starlight en Galicia:…”
Onde decides:
“En pleno centro de Galicia tamén hai outros dous puntos: o Concello de Chantada e Lalín, que contan con esta denominación. O primeiro, situado na provincia de Ourense,…”
indicarvos que Chantada pertence á provincia de Lugo, e non a de Ourense.
Tal vez a confusión estea en que a vila está mais preto, xeográficamente, da cidade das Burgas que da Muralla de Lugo.
Grazas polo voso traballo.
Unha aperta