Os ceos poderían volver ser protagonistas a semana que vén. O motivo: as auroras boreais que poderían ser visibles en Galicia. É só un “podería”, porque hai varios factores que inflúen neste proceso e que poden permitir ou non a súa observación. Entre eles, a meteoroloxía. Segundo as estimacións de MeteoGalicia, non parece que os galegos vaian ter esa posibilidade. O evento podería producirse a partir do día 20 de outubro, malia que é difícil establecer unha data con exactitude.
“Cando se detecta algunha labarada solar, normalmente tarda entre 24 e 32 horas en chegar á Terra“, explica Enrique Alonso, divulgador científico do Observatorio Astronómico de Forcarei. A zona de Galicia na que se podería ver mellor sería no norte da provincia de Lugo. “Por exemplo, na zona da Mariña”, concreta. Para poder velo é preciso evitar a luz, que sexan zonas escuras pero, tamén, é imprescindible que o ceo estea despexado.
Chuvia para a próxima semana
Actualmente, as previsións de MeteoGalicia apuntan a que os ceos estarán cubertos nos días con alta probabilidade de auroras, que serán entre o 20 e o 28 de outubro. “A semana que vén esperamos chuvia en Galicia así que non creo que estean os ceos para ver auroras“, apunta Joel Cid, técnico de MeteoGalicia. Os modelos dan unha probabilidade de choivas moi elevada, de máis do 85%, a partir do domingo 19 e que se manterán no medio prazo. De permitilo os ceos, as mellores horas para poder observalas serían nas seguintes ao anoitecer, segundo Alonso.
En outubro do ano pasado, unha potente tormenta solar deixou unha peculiar estampa nas vilas, nas que se puido observar o ceo vermello. Especialmente na zona da Costa da Morte, ao redor de entre as 1:30 e as 3:30 horas da madrugada.
“É un evento marabilloso da natureza”, destaca o divulgador, que recorda que é inofensivo e que non se require ningún elemento especial para poder velas. Iso si, captalo a través das cámaras, que teñen máis sensibilidade á luz débil, será algo máis doado que a súa observación directa co ollo humano. Outro factor importante é que non son fáciles de predicir, o que complica poder avisar con antelación sobre cando ou con que intensidade se poderán observar.
Por que se producen?
O Sol emite partículas atómicas cargadas (sobre todo protóns e electróns) que chegan os planetas, como pasa con Mercurio e Venus. O que ocorre coa Terra é que as partículas interactúan co campo magnético que nos protexe. “Isto provoca como se fose unha reacción química, libera enerxía que se pode observar en forma de luz”, explica Alonso. Normalmente, o campo magnético redirixe esas partículas cara aos polos e protéxenos en gran medida. Ese é o motivo polo que habitualmente as auroras boreais se producen en latitudes máis altas. Dependendo do gas (nitróxeno, osíxeno), destaca, pode observarse cunha cor máis vermella, máis verde, violeta…
As emisións destas partículas solares tamén poden afectar no campo das telecomunicacións e outras tecnoloxías. De feito, este verán a Axencia Espacial Española advertiu dos posibles problemas que poderían ter os dispositivos de navegación polas consecuencias que unha forte tormenta solar podería provocar nos satélites. Iso si, cando todo está aliñado, o espectáculo visual convértese nun dos máis prezados pola cidadanía.














