Galicia arrinca 2025 co ceo tinguido de rosa por unha nova aurora boreal

O fenómeno viuse dende a provincia da Coruña, así como nas comunidades de Aragón, País Vasco, Castela e León, Cataluña e Andalucía

As últimas horas do 1 de xaneiro de 2025 deleitaron os galegos cun agasallo inesperado. Unha nova aurora boreal tinguiu o ceo de cores e puido verse en varios puntos da provincia da Coruña, como Arteixo e Malpica. Algúns astrofotógrafos e afeccionados capturaron imaxes da aurora, máis tenue que as producidas en maio e outubro de 2024, pero que tinguiu o ceo galego de tons rosados. É probable que se vira dende outros puntos do territorio, mais a esta hora só trascenderon testemuños gráficos da provincia coruñesa.

Amais de Galicia, a aurora boreal deixouse notar en Aragón, Cataluña, Castela e León, País Vasco e algúns puntos de Andalucía, segundo informan dende o portal eltiempo.es. De feito, o Observatorio de Torremocha del Jiloca, en Teruel, capturou as primeiras imaxes do espectacular fenómeno. De igual modo que aconteceu en Almería, no Observatorio de Calar Alto, malia que as cores foron máis tenues. Con todo, isto demostra que as auroras boreais, propias de rexións próximas aos polos, puideron verse en latitudes moito máis baixas do habitual.

Publicidade

O ciclo solar está no seu máximo

Que este espectacular fenómeno de cores se poida ver dende Galicia ou, incluso, dende o sur da península, débese a que o ciclo solar está no seu máximo. É dicir, as súas tormentas xeomagnéticas son máis frecuentes e intensas, o que se traduce nunha maior posibilidade de ver auroras boreais en lugares pouco frecuentes. De feito, é probable que este fenómeno se volva repetir na península nos próximos meses, con máis ou menos forza, e volva tinguir o ceo de tons púrpuras, o máis habitual nestas latitudes.

Neste caso, o punto de partida da última aurora boreal foi unha tormenta xeomagnética de categoría G4, considerada severa. Así o indican nunha peza publicada esta mañá en eltiempo.es. Nela explican que esa tormenta foi o resultado dunha exección de masa coronal (CME) lanzada polo Sol a unha velocidade de 700 quilómetros por segundo. “Segundo o Centro de Predición do Clima Espacial (SWPC), esta tormenta acadou o seu pico de intensidade entre as 18.00 e as 21.00 horas UTC (entre as 19 e as 22 hora española)”, indican.

Publicidade

Que é unha aurora boreal?

As auroras boreais son froito da interacción entre a atmosfera terrestre e o vento solar. O Sol dispara un regueiro de partículas eléctricas en todas as direccións cando se producen as tormentas xeomagnéticas como a desta pasada noite. Estas partículas son moi daniñas e poden causar radiación, mais a Terra conta co campo magnético que as desvía a través das súas liñas de forza cara aos polos. Neste tránsito, algunha partícula pode quedar atrapada na atmosfera e chocar cos atómos de osíxeno e nitróxeno, excitándoos. isto produce un extra de enerxía que se traduce na emisión de fotóns. É dicir, de partículas de luz. De aí nacen as auroras boreais.

Outro aspecto a ter en conta é que en Galicia e en España non se ven as cores intensas e impresionantes que se dan nas zonas polares. Isto débese á altura da atmosdera na que se produce o choque entre as partículas cargadas que proveñen do Sol e os átomos de osíxeno e nitróxeno presentes no aire. Cando son rosas é porque o fenómeno de produce nos niveis máis altos da ionosfera, a uns 240 quilómetros de altura, onde a concentración de osíxeno é moi baixa. Isto só sucede nos eventos máis enerxéticos do Sol que permiten ver auroras boreais en latitudes baixas, como aconteceu en maio e outubro de 2024 e esta mesma noite.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea