O cultivo de millo a gran escala en enormes extensións agrícolas de Estados Unidos aumenta as precipitacións. Un estudo no que participou o investigador Gonzalo Míguez Macho da Universidade de Santiago (USC) analizou o Cinto do Millo (US Corn Belt), que abrangue ata 13 estados do medio oeste e do sur de Estados Unidos. O traballo publícase esta semana na revista PNAS, e no que colaboran especialistas chineses e estadounidenses.
“Esa zona ten un clima continental onde a estación máis chuviosa é a estación cálida, primavera-verán, que se corresponde coa de crecemento das plantas. A chuvia desa época é frecuentemente en forma de tormentas convectivas, ás veces moi intensas”, explica o profesor da USC.
Por que inflúe o millo nas chuvias?
O que se descoñecía ata o de agora é en que medida influían os cultivos nas precipitacións, e iso é o que revela a investigación, tal como explica Míguez Macho: “A gran cobertura de cultivos, sobre todo millo, moitas veces irrigados, fai que aumente de maneira apreciable a evaporación e transpiración, e este fluxo incrementado de vapor de auga cara á atmosfera a grande escala tradúcese nun aumento da precipitación. Hai un crecemento do que se chama a ‘taxa de reciclaxe’, é dicir, da parte da chuvia que provén da evaporación da rexión na que cae”.
Segundo se sinala no artigo, “o aumento na chuvia é atribuído a un significativo incremento da proporción de reciclaxe da precipitación desde o 14% ao 18%. Este incremento da reciclaxe é máis forte nun ano seco que nos anos normais e húmidos, dependendo tanto do transporte de humidade a grande escala como da evotranspiración local”.
Outra novidade que achega o traballo é subliñar a relevancia no ciclo da auga no Cinto do Millo estadounidense da hidroloxía subterránea e da xestión agrícola, “con implicacións moi importante para as predicións climáticas rexionais e para a seguridade alimentaria e hidrolóxica”.
Referencia: US Corn Belt enhances regional precipitation recycling (Publicado en PNAS)
Unha grande praga tamén na Galiza, a das grandes extensiós de millo cultivado de xeito intensivo, alomenos en boa parte da Terra Chá; unha deforestación prácticamente total da superficie agraria (cortan toda árbore ou mato que medre nos lindeiros pra que esteña máis ‘soleada’), grandes cantidades de velenos e metais pesados en forma de pesticidas (neurotóxicos) e herbicidas, unha perda importante da materia orgánica da terra polas continuas mecanizaciós do terreo i-as treboadas (cada vez máis presentes) que arrastran grandes cantidades de terra ós cauces fluviais. Coido dende o meu punto de vista, treboadas propiciadas, ademáis da muda climática, en parte polo efecto térmico refractario que ofrecen enormes extensiós de terra labradas, ligando co exposto neste artigo.
Coido ter visto referencias a outros estudos no mesmo tema, pero referidos ás árbores, que, se ben podía aumentar as chuvias, o balance hídrico total non era positivo.