A noite do luns 19 ao martes 20 de xaneiro, a Terra viuse afectada por unha tormenta solar cualificada como “severa” polo Centro de Predición do Clima Espacial da NOAA, a máis intensa rexistrada nos últimos 20 anos. Así o comunicou o Instituto de Xeociencias (CSIC-UCM) a través da rede social X. As consecuencias deste fenómeno puideron observarse en forma de auroras boreais en lugares como Stonehenge (Inglaterra), Islandia e mesmo A Veiga. Aínda que en Galicia as condicións metereolóxicas non foron favorables, o Observatorio da Veiga logrou captar un lixeiro ton rosado nas imaxes.
Este episodio foi provocado por unha enorme erupción solar e unha grande abertura na atmosfera do Sol, que xeraron condicións G4, correspondentes a unha tormenta xeomagnética severa. Este tipo de eventos pode afectar ás redes eléctricas, xa que a enerxía do clima espacial induce correntes eléctricas no campo magnético terrestre e no solo. En paralelo, a tormenta alcanzou o nivel S4 na escala de radiación solar, o máis alto rexistrado dende 2003.
Segundo os expertos, a tormenta aínda podería intensificarse ata un nivel G5, a categoría extrema que xa provocou actividade auroral en maio de 2024. Por iso, axencias de meteoroloxía espacial de todo o mundo prevén auroras moi potentes, visibles incluso en latitudes pouco habituais, cun alcance comparable ao da histórica supertormenta de 2024.
Aínda que a fase máis intensa da tormenta de radiación xa remitiu, a actividade xeomagnética asociada á expulsión de masa coroal pode continuar mentres o campo magnético da Terra segue reaccionando ás actuais condicións do vento solar.
Como se produce unha tormenta xeomagnética?
Unha tormenta xeomagnética é consecuencia directa da actividade do Sol. Segundo ScienceAlert, o 18 de xaneiro o Sol emitiu unha enorme bengala de clase X1.9, a máis potente que se pode emitir. Con todo, as labaradas solares por si soas non provocan estas tormentas: para iso é necesaria unha exección de masa coronal (EMC), é dicir, a expulsión ao espazo de miles de millóns de toneladas de partículas solares atrapadas en campos magnéticos.
Pode compararse cun esbirro do Sol. Cando esa nube de partículas se dirixe á Terra, como aconteceu recentemente, impacta contra a magnetosfera e transmite unha enorme cantidade de enerxía. Isto acelera as partículas cargadas que xa están atrapadas no campo magnético terrestre, guiándoas cara á atmosfera superior, sobre todo arredor dos polos. Ao interactuar cos gases atmosféricos, prodúcese o característico brillo das auroras.
A intensidade da tormenta aumenta cando a EMC vai acompañada de vento solar moi rápido. Neste caso, o fenómeno vén reforzado por un gran buraco coroal, unha zona do Sol onde os campos magnéticos se abren e permiten que o vento solar escape con maior forza cara ao Sistema Solar.
No momento das medicións, o vento solar alcanzaba velocidades de 1.069,9 quilómetros por segundo, case o triplo da media habitual de 400 km/s. Aínda que un vento solar rápido xa pode xerar auroras visibles, a súa combinación cunha EMC dai que estas sexan moito máis intensas e espectaculares.
Un clima espacial salvaxe
Este tipo de clima espacial extremo leva asociados varios riscos. A radiación X emitida por unha bengala solar pode provocar apagóns temporais nas comunicacións. Pola súa banda, as perturbacións xeomagnéticas causadas por unha exección de masa coroal poden interferir coa radio, afectar ás operacións das naves espaciais e mesmo causar problemas nas redes eléctricas.
Outro factor importante son as tormentas de radiación, que se producen cando unha forte erupción solar acelera unha gran cantidade de partículas altamente enerxéticas, principalmente protóns, que se desprazan dende o Sol antes de que chegue a EMC.
Estas partículas alcanzan a Terra moito máis rápido ca nube principal e supoñen un risco sobre todo para os astronautas, os sistemas electrónicos das naves espaciais e a aviación a grande altitude. Afortunadamente, a maior parte desta radiación queda absorbida pola atmosfera, o que reduce o seu impacto na superficie.














