Violante de Aragón, da raíña modelo á muller subversiva esquecida pola historia

Desenvolveu todo un proxecto político e teceu fortes alianzas co reino de Galicia, onde acabou fundando o mosteiro de Santa Clara de Allariz

A raíña Violante de Aragón foi descrita como unha muller maquiavélica, manipuladora e insubmisa. Algunhas crónicas describen os seus desenfreados arrebatos de ira e, incluso, foi acusada de envelenar a súa propia irmá. A historia non sempre facilita distinguir a verdade das acusacións infundadas, pero algúns dos retratos de Violante son tan esaxerados que fan sospeitar da súa veracidade. “Actuou como un home, e iso era inaceptable na sociedade hiperpatriarcal na que viviu”, asevera Rosa Rodríguez Porto, doutora en Historia da Arte e investigadora na Universidade de Santiago (USC). Violante foi unha raíña modelo durante 25 anos, ata que decidiu opoñerse aos desexos do seu marido, Afonso X O Sabio. Esta é a súa verdadeira historia.

Violante era unha raíña con todas as letras. Filla de Jaume I, O Conquistador, rei de Aragón, e de Violante de Hungría. A súa liñaxe materna era moi valorada naquela altura e por iso se converteu nun axente político de primeira orde para tecer alianzas cos reinos veciños. Cando tan só era unha nena chegou á corte castelá para casar con Afonso X, que naquel momento xa tivera varios fillos e fillas ilexítimos. “Os primeiros anos de Violante en Castela non son doados. Non chega a ansiada descendencia, pero probablemente porque nin sequera tivera a primeira regra. A sombra do repudio pende sobre ela”, explica Diana Pelaz Flores, historiadora e profesora da USC. O rexeitamento inicial desaparece por completo porque terá con Afonso X, nin máis nin menos, que seis fillas e cinco fillos. Unha extensa familia que non estará exenta de polémicas cando se deba resolver a cuestión sucesoria.

Publicidade

Un exemplo a seguir… nos primeiros anos

“Un dos aspectos que máis me fascinan da traxectoria de Violante é que nos seus 50 anos de vida pública, 25 deles vai ser unha raíña modelo“, apunta Rodríguez Porto. A historiadora describe unha boa relación entre a raíña e o seu home, sen grandes sobresaltos e, ao parecer, cunha próspera vida en común. De feito, sinala unhas crónicas aragonesas que describen a viaxe da parella rexia a Murcia debido a unha revolta e nas que se especifica que o rei e a raíña comparten a mesma cama. Este aspecto sorprende, incluso na época, dado que non é común que continúen compartindo o mesmo leito tras máis de dúas décadas de matrimonio.

Asombra, por tanto, a imaxe de muller subversiva e absolutamente malvada que se debuxará despois. En realidade, neses primeiros 25 anos de vida pública, Violante será unha salvagarda constante para as malas decisións políticas de Afonso X, só denominado “O Sabio” polo seu excepcional impulso da cultura durante o seu reinado.

Publicidade

“El sempre delega en Violante os aspectos máis difíciles da negociación política. Hai algún documento no que o rei lle agradece expresamente os servizos prestados. Por exemplo, durante unha revolta coa nobreza. Violante era un animal político“, describe Rodríguez Porto. A historiadora describe a raíña como alguén cunha visión práctica e intelixente da xeopolítica do momento, algo do que o seu home carecía. Violante ncluso establece unha relación estreita e fluída coa catedral de Santiago, mentres que Afonso X sempre optou por unha actitude hostil cara a Compostela e cara ao reino de Galicia en xeral, pese a criarse alí.

Fortes vínculos con Galicia

De feito, a relación de Violante con Galicia vai ser intensa e frecuente ao longo de toda a súa vida. Probablemente peregrinou a Santiago e estivo na capital galega en varias ocasións. Un exemplo que demostra o seu vínculo é que ela quedou ao cargo do reino de Galicia nunha das viaxes de Afonso X, mentres que o seu primoxénito e herdeiro naquela altura, Fernando de la Cerda, se ocupou de Castela e Andalucía. Ela, por tanto, vai tecendo un proxecto político e unha serie de relacións, tanto persoais como tamén políticas, no reino de Galicia. “Violante sentía que aquí tiña un territorio no que podía exercer o poder e por iso funda o mosteiro de Santa Clara de Allariz en torno a 1282”, sinala Rodríguez Porto.

É precisamente nesta época, nun momento de grande inestabilidade política en Castela, cando Violante escolle Galicia para situar un centro relixioso e, por tanto, de poder. Pero os motivos detrás desta decisión, que parece inesperada, son máis complexos do que parecen. “Dicía o profesor Peter Lineham que Violante foi escoller o sitio máis afastado de onde estaba o seu marido e onde el se quería enterrar. É dicir, quería un territorio fóra do alcance de Afonso X”, continúa a historiadora da arte. Segundo a súa tese, escoller Galicia, e máis en concreto Allariz, non só se debeu a unha cuestión relixiosa, senón tamén persoal e, sobre todo, política.

Un encarnizado conflito sucesorio

Sancho IV, rei de Castela e fillo de Violante de Aragón e Afonso X.

Non obstante, afastarse do seu home non parece encaixar coas intencións da Violante descrita ata o momento, como unha raíña modelo e cunha boa relación co seu marido. Pero as circunstancias cambian a partir da década de 1270, cando a saúde de Afonso X se comeza a deteriorar de forma moi rápida. O seu comportamento errático, irritable e difícil de tratar complicou a relación coa súa muller. Pero, sobre todo, o que marcou un antes e un despois na súa relación foi o conflito sucesorio. A partir de aí, rompen todo vínculo posible e desenvolverán vidas completamente separadas.

O herdeiro ao trono, Fernando de la Cerda, falece en 1275 con apenas 20 anos. Pero naquel momento estaba casado con Blanca de Francia, coa que xa tivera dous fillos varóns. E aquí entra en xogo quen debe suceder a quen. “O conflito é un problema que, ata certo punto, crea o propio Afonso X. Nesa ambición por ser coroado emperador vai introducir moitas tradicións legais que veñen de fóra, do dereito romano, cun aire máis europeo. E cando morre Fernando de la Cerda non se sabe ben a que tradición legal asistir”, explica Pelaz Flores. Mentres que o rei aposta polo dereito castelán e, polo tanto, polo trono nas mans de Sancho, o segundo fillo varón do seu matrimonio con Violante; a raíña nai opta pola tradición máis europea e defende o dereito dos seus netos. E aquí comeza un conflito matrimonial que será irresoluble.

Exilio en Aragón e volta a Castela

“Violante vai reaccionar moi rapidamente. Sairá do reino coa súa nora e cos seus netos para buscar apoio en Aragón, no reino do seu irmán, sen que Afonso X poida ou saiba nada. É aquí cando a raíña modélica se torna nunha raíña incómoda”, describe Pelaz Flores. Dalgunha maneira, con esta posición que pode ser interpretada como de sororidade cara a súa nora, tamén se pode entender como unha defensa acérrima da legalidade do momento. Por que se vai cometer unha arbitrariedade se a norma que o propio Afonso X O Sabio impuxo é esa, que os fillos de Fernando de la Cerda sexan os lexítimos herdeiros. Pero a súa estadía en Aragón, que se prolongará durante dous anos, non será o que Violante esperaba.

“Están refuxiados na corte do seu irmán, Pedro III. Pero os nenos convértense nunha arma política; son reféns nun reino estranxeiro“, sinala a historiadora e estudante de doutoramento, tamén da USC, Carla Trincado. De novo, as decisións políticas de Violante, talvez imprudentes e inesperadas, volven provocar un xiro no guión. Malia que fuxiu de Castela cara a Aragón, cando ve que a situación na corte do seu irmán non mellora, decide volver e tender a man ao seu fillo Sancho, o futuro Sancho IV. “Volta a Castela nun contexto de amizade e de certo equilibrio. De feito, esta nova alianza será a que permite que Violante permaneza ao lado do seu fillo cando decidan depoñer a figura do seu marido, Afonso X”, sostén Trincado.

Non obstante, o derrocamento do rei non será un derrocamento ao uso. Desprázano do poder, pero continuará tendo o título. E o motivo era, fundamentalmente, a súa saúde tan deteriorada, os seus cambios de humor e a súa difícil personalidade. “Sancho e a súa nai van exercer a xustiza e vanse proxectar rapidamente sobre Galicia para establecerse alí como unha figura de poder”, apunta Pelaz Flores. Este movemento formaba parte dunha estratexia pola que pensaban ir escalando, gañando afectos en León e, finalmente, en todo o reino de Castela.

Por que en Allariz?

A relación xa nula con Afonso X, que vivirá no sur, sobre todo en Sevilla, deixa a Violante un papel libre e independente da sombra do seu home. Precisamente é aquí cando decide fundar o mosteiro de Santa Clara en Allariz, talvez co obxectivo de crear un panteón rexio. “A parte máis fácil de interpretar é que estea dedicado a Santa Clara. Foi a primeira orde creada por unha muller para mulleres. Había certas conexións coa súa liñaxe hungaresa, dado que a raíña Santa Isabel de Portugal, da mesma familia, fundara un mosteiro en Coímbra”, indica Pelaz Flores. Pode que entre o vínculo de sangue e a proximidade con Portugal levasen a Violante a escoller Allariz como un punto idóneo para fundar o seu mosteiro.

“Tamén pode interpretarse como unha tradición feminina dentro das familias reais, a de fundar un espazo monástico propio. Sobre todo, nos momentos nos que non hai unha harmonía entre a parella rexia. Así, o mosteiro funcionaría como espazo de memoria“, apunta Trincado. Unha forma, por tanto, na que Violante trataría de garantir o seu legado máis alá da etiqueta de raíña consorte de Afonso X, co que xa non existía relación algunha tras o delicado conflito sucesorio.

Onde está enterrada?

En realidade, o proxecto de Violante fracasou. Non se sabe onde está enterrada. Enténdese que fundou o mosteiro de Allariz porque o seu desexo era descansar alí, pero non hai ningunha evidencia. “Un lume devastou a mediados do século XVIII a antiga fábrica medieval. Dise que alí estaba a tumba da raíña Violante pero non temos confirmación algunha”, indica Rodríguez Porto. Outra das hipóteses que mencionan as tres investigadoras da USC é que Violante morrese no camiño de volta a Castela despois dunha viaxe a Roma, arredor do 1300. Non se saben os motivos do seu desprazamento, mais barállase a opción de que falecera en Roncesvalles e fose enterrada alí. Pero, de novo, non se ten constancia.

“É unha historia triste. Pasan dous anos ata que se le o seu testamento. E só se leu pola insistencia da abadesa de Allariz”, di Rodríguez Porto. Naquela altura, Violante xa era vista —ou iso nos contan as crónicas— como unha muller malvada, maquiavélica, manipuladora, teimada, insubmisa, irreverente, subversiva e chea de ira. E todos os adxectivos que se poidan empregar para imaxinar unha muller chea de carraxe, envexa e sen miramento algún. “Pode que haxa algo de verdade pero hai retratos moi esaxerados. Incluso cando a acusan de asasinato, é todo tan folclórico que me fai pensar que é unha invención”, apunta a historiadora da arte. Un conto que case recorda a Brancaneves.

Ser muller

O certo é que a súa iniciativa, intelixencia e capacidade de negociación sempre foron valoradas cando estaba do lado do seu marido. Cando se opuxo aos desexos de Afonso X e intentou defender a legalidade, o curso da historia cambiou para Violante. Talvez non xogou ben as súas cartas, pero atreveuse a ir en contra dos designios. A súa comparación coa súa nora María de Molina, raíña consorte de Sancho IV, revela certos aspectos de Violante ocultados pola historiografía máis androcéntrica. De Molina sempre actuou con prudencia, como se non quixera molestar, sen que se notara. E foi considerada unha raíña modelo. Violante cambiou e fíxoo explicitamente. Por iso foi problemática.

“Non hai dúas Violantes. Só hai unha muller”, di Rodríguez Porto. A versión maniquea da raíña demostra que, independentemente do difícil que puidera ser o seu carácter, hai unha manipulación evidente de certos trazos da súa personalidade. Igual que Xoana de Castro foi A Desamada e Dona Urraca A Temeraria, sobre as mulleres, e sobre todo sobre as raíñas, pode recaer unha visión nesgada do seu poder. Só porque se atreveron a romper moldes, ir en contra do mandado e rachar co modelo socialmente imposto. Ser subversivas, en definitiva, como o fixo Violante.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular

Xoana Vázquez das Seixas: como a loita polo señorío de Chantada enfrontou a dúas mulleres

A nobre litigou coa poderosa Isabel de Castro, tomou a iniciativa de anular o seu matrimonio e deixou unha interesante pegada cultural

Ilduara Eiriz, a grande aristócrata galega do século X

Xestionou un inxente patrimonio de seu e fundou o mosteiro de San Salvador de Celanova, un dos máis importantes da Galicia medieval