Londres ten unha gran fama popular polas súas néboas e a súa chuvia, uns fenómenos meteorolóxicos que dan forma á personalidade do territorio e que se ven reflictidos en innumerables representacións da capital inglesa. Pero grazas aos artigos dun meteorólogo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) podemos comprobar que Vigo supera nestos eidos á gran cidade británica.
Nos seus artigos sobre as “falsas crenzas sobre o tempo en Londres”, Benito José Fuentes López relata como un dos prexuizos máis coñecidos da capital inglesa é o moito que chove. Segundo os datos da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) entre os anos 1981 e 2010 recolléronse unha media anual de 557,5 litros por metro cadrado (l/m2) na cidade británica. Mais isto é pouco ou moito? Por canto supera Vigo esta referencia?
Máis litros por metro cadrado e máis días
Segundo os datos da Aemet, a precipitación media anual da cidade olívica supera por case catro veces a de Londres. É dicir, en Vigo recóllense ao ano 1.791 l/m2. Sendo tal a diferenza, por que a o territorio inglés posúe esta falsa crenza? Segundo detalla Fuentes “é polo reparto das precipitacións, é dicir, chove máis días pero en menos cantidade”.
Así, atopámonos que en Londres chove unha media anual de 109,6 días ao ano, segundo os mesmos datos da OMM, mentres que en Vigo a cifra ascende a 129,2 días, acorde a información da Aemet. Se ben a diferencia de días é notoria, a cantidade de auga recollida na cidade olívica supera case por tres a da británica, o que indicaque en Galicia chove algo máis e en maior cantidade.
Máis días de néboas
Ademáis das chuvias persistentes, se algo que tamén reside no prexuizo popular sobre Londres son as súas intensas néboas. Estas están compostas de partículas de auga en suspensión, de maior ou menor densidade, influenciadas por unha masa de aire estable. A humidade do lugar, o preto que esté a costa ou a altura do territorio, influén moito neste fenómeno.
Segundo destaca Fuentes, a diferencia do prexuizo que ten a xente, na cidade británica non existe a estabilidade de masas de aire precisas para que se formen estas néboas, aínda que sí poidan darse brumas ―que teñen unha visbilidad maior, por debaixo dos 5.000 metros, a diferenza das néboas, cuxa visibilidade horizontal é inferior a 1.000 metros―. E en Vigo?
O experto meteorólogo destaca que, para estes datos, tívose en conta os recadados na estación do aeroporto de Peinador, o cal “é un caso moi particular, xa que combina a proximidade á costa e a altura sobre o nivel do mar”. Isto conleva a que, se no centro da cidade olívica existen nubes baixas, nas pistas do aeródromo vigués pódense dar intensas néboas locais, afectando a visibilidade e a circulación aérea.
Tendo en conta este matiz, Fuentes destaca que, segundo os datos recadados dos partes meteorolóxicos emitidos polos aeroportos dalgunhas cidades, Vigo supera con creces os días de néboa ao ano de Londres. Na gráfica que adxunta no seu artigo pódese ver que a cidade olívica está preto dos 200 días ao ano, metres que a capital inglesa supera mínimamente as 20 xornadas. “Hai tamén que dicir que estes partes consideran un día de néboa sen importar se esta dura 30 minutos ou 12 horas”, subliña o meteorólogo.
O podería darse ‘A gran néboa’ en Vigo?
A comezos de decembro do ano 1952 durante catro días Londres vivíu unha das néboas máis famosas da súa historia que acabou por levar o nome de ‘A gran néboa’ ―’The Great Smog’ en inglés―. A contaminación creada pola queima de carbón de baixa calidade e o paso dunha fronte fría creou un fenómeno que levou a cidade a unha cegueira histórica. Tanto, que “os bombeiros e condutores de ambulancias apenas se separaban dos vehículos para non perdelos de vista”, destaca Fuentes.
As consecuencias non só foron económicas, senón tamén persoais, xa que “a franxa de falecementos estivo entre os 4.000 e 12.000 segundo as fontes”, resalta o meteorólogo no seu artigo. Tendo isto en conta, podería darse algunha néboa así en Vigo? Fuentes non o ten seguro, “mais case seguro que non”, apunta.
Malia que Peinador reúne as características suficientes para que se formen néboas que reducen moito a visibilidade, Fuentes asegura que as circunstancias para que se de un fenómeno así non é probable que se volvan dar. “En Vigo non se queima carbón tan sucio como daquelas en Londres e a contaminación non é tan elevada, polo que, se puidese ocurrir, xa tería acontecido”, conclúe.