Nin ‘xove’, nin ‘fai frío’: os 20 castelanismos máis frecuentes que debes evitar

A mestra lucense, Noemí García, resalta nun dos seus proxectos dixitais en prol do "galego de calidade" os termos mal empregados no día a día

En Galicia a mocidade non é ‘xove’, nin ‘fai frío’ en inverno, nin tampouco pasamos ‘un rato’ facendo algo. Estes son algúns dos exemplos dos castelanismos que quizáis empregamos no noso día a día cando falamos galego e que, grazas ao proxecto didáctico de Noemí García, podemos ir corrixindo aos poucos e “sen morrer no intento”, como ben expón nas súas redes sociais. Con este obxectivo nace, da man desta mestra de Lingua Galega e Literatura, o blog “As Chaves da Lingua”.

Nado no mes de marzo do pasado ano, o proxecto dixital consta de artigos no seu blog que buscan axudar a mellorar o uso da lingua ou dar a coñecer outras opcións culturais en galego. “Decidín crear este espazo para promover o galego de calidade, en base ás dúbidas que vexo que, ano tras ano, ten o meu alumnado da escola de idiomas en canto á lingua”, sinala a creadora deste blog e profesora de galego.

Publicidade

Nova publicación cada mércores

Cunha comunicación amena e divertida e unha temática que varía entre vocabulario, gramática, ortografía e lecer, no blog da lucense pódense atopar artigos sobre xeitos para diferenciar ‘te’ e ‘che’, aprender a colocar os pronomes, palabras con distinto xénero en castelán e en galego ou mesmo palabras galegas que non se deben empregar en Portugal ou Brasil.

Con case 1.000 persoas subscritas a súa newsletter, García actualiza este proxecto todos os mércores. “O feedback é moi positivo, sempre hai algún comentario que non gusta, pero o 99% é de xente agradecida polas cousas que aprende”, apunta

Publicidade

20 castelanismos frecuentes

Unha das últimas entradas publicadas no blog de “As Chaves da Lingua” é 20 castelanismos frecuentes que debes eliminar. Nela, Garcia explica que termos como *aportar ―no canto de achegar―, *buzón ―no canto de caixa do correo― ou *lexos ―en vez de lonxe― son mal empregados no galego do día a día. Entre a vintena de palabras pódese destacar verbos como “plantexar”, un castelanismo que se pode substituír por expoñer. “Se tes unha idea, non a *plantexes, expona”, destaca García no seu texto.

Do mesmo xeito, nesta entrada tamén aparecen termos como ‘pobo’, que é “usado incorrectamente para referirnos a unha vila ou aldea”, matiza a mestra. No seu canto, deberemos utilizar estes dous últimos termos, dependendo do tamaño que teñan.

Tamén *soer ―derivado do verbo ‘soler’ en castelán― é unha forma incorrecta, polo que García recomenda os termos adoitar ou acostumar. Ademais, a mestra tamén destaca palabras como *xove, que en galego debe ser nova ou novo cando se fai referencia a unha persoa.

Dentro desta escolma tamén están termos como *casilla ―en vez de casa―, *chicle ―goma de mascar―, *conlevar ―implicar ou supor―, *cumpreanos ―aniversario―, *enterarse ―decatarse―, *espalda ―costas ou lombo―, *gafas ―lentes ou anteollos―, *grifo ―billa da auga―, *orquesta ―orquestra―, *pegatina ―adhesivo―, *plantilla ―cadro, soleta ou modelo―, *sen embargo ―porén ou con todo― e *ubicar ―situar ou localizar―.

Receitas con galego de calidade

“As Chaves da Lingua” nace como unha evolución de “Media Laranxa“, un proxecto nado durante o confinamento pola covid-19 no que García uniu as súas dúas paixóns: gastronomía e galego. “O plus que ten Media Laranxa, máis aló de atopar receitas sinxelas de cousas que podemos cociñar todas e todos na casa, é que están escritas en galego de calidade”, asegura a mestra. A través dunha web e os seus perfís en Instagram ou TikTok, a mestra non só comparte receitas, senon tamén termos relacionados co eido gastronómico que xa non se empregan no día a día.

Ademáis de receitas como madalenas feitas con cabaciña, empanadillas de chourizo crioulo ou torta de requeixo, entre outras moitas, “Media Laranxa” tamén afonda no correcto uso dos termos gastronómicos en galego. Entre as súas últimas publicacións no seu perfil de Instagram sinala todos os verbos que se poden empregar para referirnos a facer un pequeno corte na castaña como adentar, amordicar, amosegar, amozcar, anozcar ou ataniscar.

“Un dos aspectos do proxecto que máis conecta co público é que aprendemos palabras que hoxe en día están en desuso, por exemplo, o verbo recuncar, que sería repetir un prato de algo. Ademais, xa que en Galicia temos un vocabulario super extenso e cheo de sinónimos, cando expoño unha palabra que é máis da zona de Lugo a xente sempre interactúa dando a coñecer os sinónimos do seu territorio“, explica a mestra.

Diccionario galego para boomers

Se estas dúas iniciativas non chegasen, García tamén foi creadora do proxecto educativo “Galego para boomers”―defínese como boomers á xente nada entre 1946 e 1965 ou, de xeito coloquial, aquelas persoas anticuadas con independencia da idade que teñan―, un perfil de Instagram no que se explican en galego aqueles termos máis actuais que igual outras xeracións non entenden.

As entradas do perfil, que recolle palabras como ‘shippear’, ‘crush’ ou ‘vibes’, foron creadas por cativos e cativas que nun comezo “tiñan menos mil de motivación para aprender galego e que remataron por pedir quedar no recreo para poder practicalo”, sinala García. Así foi que, baseándose no proxecto Cristian Olivé, creou o diccionario “galego para boomers” da man do seu alumnado.

“A repercusión foi tal que en dúas semanas tiñamos máis de 1.000 seguidores en Instagram, o que fixo que a rapazada se motivase moito. Isto, sumado ás entrevistas e a boa acollida dos termos, fixo que o alumnado que en un principio non tiña nada de ganas de aprender galego, mesmo me chegase a pedir que quedaramos no recreo na aula para practicar o galego oral“, conclúe.

1 comentario

  1. Xa era hora de que alguén con estudos dixera o que os galegofalantes tradicionais botamos a dicir toda a vida.

    Agora só lles falta o posicionamento tralas preposicións ‘por’ e ‘para’ e a fonética, e xa está o galego vivo de volta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Internet e redes en menores: as razóns dos especialistas galegos para a prohibición

Os expertos alertan dos riscos e consecuencias que ten para a rapazada a utilización excesiva e sen supervisión dos dispositivos móbiles

Rula, choia, paíño… Os 600 nomes de aves en galego que atoparás nesta ferramenta dixital

A RAG estrea unha plataforma para realizar procuras pola denominación, o nome científico ou a familia á que pertence cada especie

Tecnoloxía inclusiva galega: premiada unha aplicación para previr a atrofia muscular

O CITIC celebrou esta semana un encontro europeo no que tamén galardoou o deseño adaptado dunha cesta da compra para cadeira de rodas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares