Ghichar, fanado, pai-fillo-nai: as 400 palabras (e un cento de refráns) do galego de Vigo

Un libro do filólogo da UVigo Xosé-Henrique Costas defende os trazos propios do idioma na cidade máis castelanizada de Galicia

Se vives en Vigo e alugas un baixo lóbrego non significa que teña pouca luz, senón que está totalmente baleiro. E cando un vigués di que unha persoa “está fanada” , o que quere dicir, é que lle falta un dente. Estas son dúas dos centos de palabras que definen os trazos diferenciais do galego que se fala na cidade olívica, malia que é a urbe máis castelanizada de Galicia. Co obxectivo de reivindicar que o idioma aínda é a lingua habitual en moitas zonas do rural vigués, e de conservar a súa fala, o filólogo da Universidade de Vigo (UVigo) Xosé-Henrique Costas acaba de publicar un libro no que recompila 400 palabras e máis dun cento de refráns propios do galego máis vigués.

“Vigo é moito máis que o centro urbano castelanizado, Vigo é tamén Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual”, dixo categórico o experto durante a presentación de A fala de Vigo.Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, un libro presentado este mércores e editado co apoio da Área de Normalización Lingüística da universidade viguesa. O autor, pese ás estatísticas do baixo número de falantes de galego en Vigo, defendeu que aínda se escoita galego pola rúa, nos buses e mercados, nos bares e nas tendas e, sobre todo, no rural.

Publicidade

Os trazos característicos

O volume ábrese cun soneto a Vigo de Darío Xohán Cabana, continúa cun limiar dun “vigués de adopción” como Xosé Luís Méndez Ferrín e arrinca coa descrición dos principais trazos fonéticos e morfolóxicos do falar de Vigo. “A de Vigo é unha fala suroccidental galega, con todas as súas características macrodiferenciais: miña irmán, a mañán, as rans, as mans, gheada, seseo etc.”, explicou Costas durante a presentación do libro. Unha obra que naceu dunha conferencia que deu o propio Costas na asociación Faladoiros-Vigo e cuxo obxectivo é que chegue a centros de ensino, asociacións veciñas, deportivas, culturais e musicais pero, tamén, a todas aquelas persoas curiosas que queiran saber como se fala o galego de Vigo.

Máis dun cento de refráns…

Amais da información sobre a fonética, fonoloxía e prosodia propia das diferentes parroquias do concello, a obra recolle un cento de refráns, frases feitas e locucións típicas do galego falado en Vigo. Dende dar en tolo ou ir a Vigho por mirar Canghas ata quen che dera piche pola costa de Peniche’ pasando por: a cabra co visio dá cos cornos no cu / quen cala fode a quen fala / quen de novo foi bailador de vello dálle un xeitiño etc.

Publicidade

E 400 palabras

Os exemplos de palabras “propiamente viguesas” son múltiples. Chiflaso, Delourar, Fanado, Fariñoque, Ghaldrumeiro, Ghichar, Marmanxo, Marreca, Pello, Petouraso, Pisca-pisca… “En Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai’ no canto de ao tres en raia, dicimos pelo no canto de mariola e prememos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente”.

Na obra tamén se afonda nalgúns sufixos especiais (un peleiro / un pelo), Así mesmo defínense arredor de 400 palabras de uso común en Vigo que raramente aparecen en dicionarios ou aparecen con outros significados, algunhas exclusivas de Vigo e outras comúns co suroeste de Pontevedra, incorporando tamén galicismos, anglicismos, xitanismos e castelanismos adaptados ao falar vigués. “Cando un vigués di que se aluga un baixo lóbrego, non se refire a falla de luz como acontecería en calquera outro lugar galego, senón simplemente a que está totalmente baleiro, sen divisións”, exemplificou o docente, quen fixo fincapé en que hai moitas palabras que son iguais, pero que teñen unha significación distinta.

1 comentario

  1. De certo agora tamén existe o “VIGUÉS”como lingua?.
    De verdade?
    A língua galega esmorecendo…
    E dende GALICIA CIENCIA a perderen o tempo con estas merdalhadas…
    A nosa língua ( o galego,que non o vigués nin o korunho) tén estas cousas…
    prohibición,esquecemento e vergonha do proprio…
    deron lugar a moitas variedades lingüísticas
    ( e non todas próprias)…
    Deixémonos de andrómenas e defendamos de certo a nosa língua nai…
    o GALEGO

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto