Un proxecto avanza no uso da resina natural galega para aromatizar cosméticos

Un grupo de empresas e institucións únense para potenciar a industria resineira e mellorar a competitividade do sector en Galicia

Un proxecto busca desenvolver novos produtos derivados da resina natural galega para que sexan utilizados no sector dos pesticidas ou mesmo da cosmética. O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu este martes a presentación dunha iniciativa destinada a potenciar a industria resineira galega e mellorar a competitividade do sector.

A finalidade do proxecto, que desenvolve o Grupo Operativo RESFO (Resina, Fortalezas e Oportunidades de Mercado), é aumentar a rendibilidade dos montes galegos a través da mellora do aproveitamento resineiro, optimizando o proceso de destilación da resina natural de Galicia en envase pechado, situándoa como un produto de alta calidade.

Publicidade

Por outro lado, determinarán a calidade da resina natural galega, para o que levarán a cabo unha caracterización exhaustiva da mesma, identificando os atributos que lle confiren un valor diferencial no mercado global. Ademais, o proxecto inclúe o deseño de estratexias de promoción específicas para dar a coñecer as vantaxes da resina que se obtén en Galicia, fomentando a súa demanda tanto no eido nacional como no internacional.

Novos produtos derivados da resina, 100% naturais

O proxecto contempla así mesmo o desenvolvemento de novos produtos derivados da resina, que permitan substituír os derivados do petróleo en diversos sectores industriais. Así, preténdese valorizar a trementina da resina no sector dos pesticidas ou como ingrediente base de aromatizantes en cosmética, substituíndo compostos principais de orixe sintética e ofrecendo un produto 100% bio.

Publicidade

O plan, que acaba de poñerse en marcha, terá unha duración de dous anos. Busca impulsar a industria resineira galega, destacando as súas vantaxes competitivas e contribuíndo ao desenvolvemento sostible dos nosos montes.

Cooperación de empresas e institucións galegas

Estará coordinado pola empresa coruñesa Foresin, dedicada á consultoría e enxeñaría medioambiental, especializada en xestión forestal e no aproveitamento resineiro. Participan ademais o Grupo para a Análise Empresarial da Universidade de Vigo; a empresa Xagoaza Pinaster (O Barco de Valdeorras), industria que transforma resinas naturais procedentes de bosques xestionados de maneira sostible; Glecex, firma biotecnolóxica especializada en extractos naturais para sectores como a alimentación, nutracéutica e cosmética, con sede en Tecnópole; e a Fundación Cetemas, centro tecnolóxico e forestal da madeira de Asturias. Cóntase ademais coa colaboración de Enyiris Design Thinking Lab, dedicada ao deseño e a programación, situada en Tecnópole.

O Grupo Operativo RESFO recibiu o apoio na última convocatoria de Axudas para a Execución de Proxectos Innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea de Innovación, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro