A tormenta solar que deixou ver auroras boreais en Galicia en maio de 2024 foi a máis intensa en 35 anos

Os episodios volvéronse repetir en outubro de 2024 e en aninovo, e neste 2025 o ciclo solar está no seu máximo

En maio de 2024, a tormenta solar máis intensa en 35 anos deixou pegada nos datos sísmicos adquiridos en todo o planeta. En Galicia os ceos tinguíronse de cores permitindo aos cidadáns observar este espectacular fenómeno dende diversos puntos da comunidade. Un novo estudo liderado por Jordi Díaz Cusi, sismólogo de Xeociencias Barcelona, do Consello Superior de Investigacións Científicas (GEO3BCN-CSIC), demostrou que os sinais magnéticos foron claramente rexistrados durante un intervalo de máis de 55 horas.

A investigación, publicada na revista Scientific Reports, revela que é unha das tormentas xeomagnéticas máis longas xamais rexistradas por sismógrafo. “As medidas de moitos destes aparellos de banda ancha distribuídos ao redor do mundo víronse afectados polas interferencias debidas a esta gran tormenta solar”, explica o investigador.

Publicidade

Nivel máis alto de intensidade

Entre o 10 e o 13 de maio, as ondas solares chegaron á Terra, desencadeando unha tormenta xeomagnética de intensidade G5, o nivel máis alto. Esta intensidade fixo posible que durante o mes de maio do pasado ano se puidesen observar unhas espectaculares auroras boreais nos ceos de Galicia. Ademais, aínda que non coa mesma potencia, este fenómeno volveuse repetir en outubro de 2024 e durante o aninovo deste 2025. Este ano o ciclo solar atópase no seu máximo, polo que é probable que se poidan volver repetir episodios semellantes nos próximos meses, segundo os expertos.

Estes eventos, ademais de provocar a aparición de auroras boreais, poden perturbar as redes eléctricas, os satélites, os sistemas de navegación e afectar a animais migratorios. O estudo de Díaz analiza como as correntes eléctricas xeradas por cambios no campo magnético inflúen nos sensores sísmicos. Estes sinais detéctanse en frecuencias por baixo de 10 mHz, sendo máis claras entre 1.5 e 5 mHz, dentro das chamadas pulsacións magnéticas Pc5.

Publicidade

Unha nova ferramenta para a investigación xeomagnética

Aínda que os magnetómetros son os instrumentos tradicionais para medir o campo magnético terrestre, o traballo de Díaz destaca o potencial dos sismógrafos de banda ancha para complementar o seu labor. Grazas á súa ampla distribución global, estes aparellos ofrecen unha cobertura moito máis extensa, proporcionando trazas detalladas que axudan a entender mellor as distintas fases destes eventos. Por exemplo, durante a tormenta de maio, en Europa obtivéronse máis de 300 trazas sísmicas, en comparación con 30 magnetogramas.

O investigador de GEO3BCN-CSIC sinala que “as variacións bruscas do campo magnético perturban o rexistro de vibracións sísmicas de baixa frecuencia e por iso algunhas estacións sísmicas tentan illarse do campo magnético. Con todo, esta interferencia pode converterse nunha oportunidade para estudar con maior detalle a evolución das tormentas solares e os seus efectos sobre a Terra.

Para esta análise, o equipo de Díaz utilizou datos sísmicos obtidos a través das plataformas EIDA-EPOS (Infraestrutura Europea de Datos Integrados para EPOS) e a FDSN (Federación Internacional de Redes de Sismógrafos Dixitais), o que permitiu identificar patróns nos sinais magnéticos detectados polos sismógrafos europeos e polas principais redes sísmicas a escala mundial. Este enfoque abre novas vías para explorar os impactos do clima espacial, mostrando como os sinais sísmicos poden ofrecer información complementaria sobre estes fenómenos.

Transformar a vixilancia das tormentas solares

“Os sismógrafos detectan en detalle a variación co tempo do campo magnético. Con todo, poden estar afectados por efectos locais que modifiquen a súa amplitude e polaridade”, detalla Díaz. É por iso que “aínda que non suplan completamente os rexistros obtidos por magnetómetros, os sinais sísmicos poden axudar a estudar mellor a evolución temporal das tormentas solares” dado que o número de sismógrafos en funcionamento a escala global é sensiblemente maior que o de magnetómetros.

Achados como este poderían transformar a vixilancia de tormentas solares, consolidando o papel dos sismógrafos como ferramentas clave na observación do espazo e os seus efectos no noso planeta.


Referencia: Monitoring May 2024 solar and geomagnetic storm using broadband seismometers (Publicado en Scientific Reports)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A excepcional historia da casa romana que se agocha baixo a muralla de Lugo

O museo lucense da Domus do Mitreo conmemora o 25 aniversario do descubrimento do xacemento no Pazo de Montenegro cun amplo programa de actividades

Os golfiños fan as beiras? Un estudo galego analiza a comunicación vocal entre parellas

Un traballo do biólogo Bruno Díaz investiga as variacións sonoras entre arroaces: "Os machos e femias interactúan na época de apareamento"

Unha biotecnolóxica galega avanza nunha nova terapia contra o cancro de ovario resistente

O proxecto, que vén de recibir 1,8 millóns de euros, ten o obxectivo de crear unha estratexia máis eficaz e segura

As incribles imaxes dun polbo de Louro que namoraron a BBC

As instantáneas están feitas polo galego Xaime Beiro: "Moitas fotografías son do mesmo exemplar, ao que lle debo moito"