Domingo 28 Abril 2024

Unha aurora boreal vermella na Galicia de 1737

Algo estraño houbo sobre o ceo de Galicia a noite do 16 ao 17 de decembro de 1737. Quen o viu, seguro que ficou abraiado mirando cara arriba, e houbo quen, como foi o caso de Anselmo Arias Teixeiro, tomou nota do que estaba acontecendo. Unha luz vermella alumeou o ceo no solpor, e logo xa de noite. Desde a aldea de Cabanelas, no Carballiño, Anselmo, membro dunha familia fidalga rural, deixou escrito:

Hoxe, 16 de decembro de 1737, logo de que anoitecera, deixouse ver no ceo unha nube vermella (como cando na posta do Sol se ven) e ás veces branca, que despedía de sí bastante resplandor e luz. Viña de oriente a ponente, discontinuada, e durou moitas horas, e aínda ata o día.

A descrición coincide co que é unha aurora boreal vermella, menos frecuentes que as verdosas e amareladas, pero que tamén existen. Anselmo Non foi o único que a observou aquel día na Península, situada nunha latitude no que estes fenómenos son raros. Desde Oviedo, o Padre Feijoo tamén anotou o que acontecía e bautizouno nas súas Cartas Eruditas y Curiosas como “batallas aéreas” e “chuvias sanguíneas”. E coma a de Feijoo e Anselmo Arias, hai outras vinte referencias polo estilo. O episodio da aurora vermella de 1737 é, despois das de 1726 e 1716, o terceiro máis citado na literatura do século XVIII.

Publicidade

O responsable deste achado é Miguel Álvarez Soaje, doutor en Historia da Ciencia, cuxa tese tratou sobre os escritos científicos de Anselmo Arias Teixeiro e o seu irmán Antonio, que foi crego en Esgos. Ambos amosaron interese pola alquimia e eran ferventes seguidores das ensinanzas de Ramón Llull. Por casualidade, mentres estudaba os escritos que deixou Anselmo, Miguel Álvarez atopou a descrición da aurora vermella, e en 2013 presentou os resultados deste achado no congreso de Enciga (Ensinantes de Ciencia de Galicia), colectivo ao que pertence.

A primeira aurora rexistrada en Galicia?

De ter sido unha aurora, como estes indicios apuntan, a rescatada por Miguel Álvarez sería a primeira da historia que foi documentada en Galicia. En datas máis recentes (1850, 1938, 1957 e 1989) fenómenos semellantes xeraron gran expectación ao facerse visible no país.

Porén, precisamente no primeiro dos casos, o de 1850, hai un feito histórico que deixa aberta unha pequena incógnita: é posible, aínda que improbable, que o que viu Anselmo Arias Teixeiro non fose exactamente unha aurora boreal vermella.

Segundo contaba Eduardo Rolland en GCiencia, en 1850 aconteceu que podería ser tamén a causa de que o ceo tornase vermello. O escritor Xosé María Álvarez Blázquez, na súa obra A cidade e os días, dixo: “Unha aurora boreal é observada na nosa cidade. A media tarde, o ceo e os montes próximos tínguense dunha luz cor granate intensa, que ocasiona a natural expectación e aínda a alarma da veciñanza. Despois do inusitado fenómeno, o ceo se anubrou. A temperatura era moi baixa”.

É posible que o fenómeno descrito en Vigo en 1850 fose debido a unha erupción, non a unha aurora

O ano coincide cunha gran erupción volcánica, a que fixo nacer en abril o Cerro Negro, en Nicaragua, que hoxe acada xa os 726 metros de altitude. Naquel momento, en só dúas semanas, medrara xa 50 metros. Aquela erupción expulsou a atmosfera toneladas de residuos, que puideron ter influído na cor do ceo arredor do planeta, como aconteceu 33 anos despois coa explosión do Krakatoa, que lle pintou a Edvard Munch o ceo da súa obra O berro, segundo unha teoría exposta por uns astrónomos estadounidenses.

En 1737, a historia dá conta de importantes erupcións: no Vesubio, no Volcán de Fuego en Guatemala e, sobre todo, a do volcán Kliuchevskoi, na península de Kamchatka, que coincidiu no mesmo ano cun gran terremoto. Pero nada proba que os efectos chegaran a verse no Carballiño.

O feito de que a suposta aurora de Vigo en 1850 se vise de día, e non de noite, reforza a opción de que aquilo era en realidade outro fenómeno. Mais, ao mesmo tempo, como describiu Anselmo Arias, o do Carballiño aconteceu no solpor e xa de noite, inclina a pensar que o episodio de 1737 si fose unha aurora vermella e non unha nube causada por unha erupción.

Que é unha aurora polar?

É un fenómeno brillante ou luminescente que se pode observar no ceo nocturno, xeralmente en zonas polares, aínda que pode ser visible en latitudes máis baixas durante breves períodos e en circunstancias dunha excepcional actividade solar.

Prodúcese debido á interacción entre as partículas do vento solar e a magnetosfera da Terra, unha capa que protexe ao planeta da radiación solar, desviando estas partículas cara os polos magnéticos, xa que o campo magnético terrestre entra e sae por ámbolos dous polos, norte e sur, de aí que as auroras se vexan de forma máis frecuente nas latitudes polares. Esta interacción xera enerxía en forma de luz, que se manifesta nas auroras.

No hemisferio sur é coñecida como “aurora austral”, e no hemisferio norte como “aurora boreal”. Este nome provén de “Aurora”, a deusa romana do amencer, e da palabra grega “Bóreas”, que significa norte.

1 comentario

  1. En 1957, sendo muí nena, preguntéille a miña nai ” que son aquelas luces? Son restos de la Aurora Polar, fou a súa resposta; non o esquecerei.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os manuscritos ocultos dos irmáns Arias Teixeiro, os últimos alquimistas de Galicia

O farmacéutico Miguel Álvarez Soaje rescatou do esquecemento a Anselmo e Antonio, dous intelectuais do século XVIII

As auroras boreais veranse en Galicia nos vindeiros meses

Rexistráronse tres episodios en apenas sete meses, mais as condicións atmosféricas impediron gozar do espectáculo

As catro veces que o fenómeno se puido ver en Galicia nos últimos cen anos

A primeira do século aconteceu o pasado domingo, pero os ceos cubertos polo paso dunha borrasca atlántica impediron a súa visualización
00:01:03

Así se viu a aurora boreal dende Almería

Unha das cámaras do Observatorio de Calar Alto gravou un vídeo 'timelapse' do histórico fenómeno