Venres 6 Marzo 2026

Animais, auroras boreais, eclipse de sol… As mellores imaxes científicas de 2024

A revista 'Nature' publica unha escolma das fotografías máis representativas do ano

A revista Nature fixo unha selección de imaxes científicas para destacar aquelas máis representativas ou rechamantes de 2024. As instantáneas recollen desde acontecementos como a eclipse de sol total do 8 de abril deste ano —que se puido ver en gran parte de América do Norte— e outros fenómenos naturais como a chuvia de meteoros das Perseidas, o Etna producindo aneis de vórtice volcánico ou as precipitacións torrenciais en Kenia (África). Tamén recada outras fotografías icónicas como pingüíns precipitándose ao baleiro e a Estación Espacial Internacional durante as auroras na Terra. Estas son algunhas delas:

Primeiro plano dun escaravello vermello

Primeiro plano dun escaravello vermello (Rhynchophorus ferrugineus), unha instantánea que recibiu unha distinción no Concurso de Fotomicrografía do Pequeno Mundo de Nikon, realizada por Sherif Abdallah Ahmed.

Publicidade

Unha cría de pingüín saltando

Unha cría de pingüín emperador (Aptenodytes forsteri) salta ao océano desde o alto dun cantil de 15 metros de altura no bordo da plataforma de xeo Ekström, na Antártida. Unha imaxe de Bertie Gregory para National Geographic.

Gaivota sobre tartaruga

Unha gaivota montada nunha tartaruga no mar Mediterráneo. A imaxe foi finalista no concurso Oceanographer of the Year de Oceanographic e o seu autor é Enric Gener.

Publicidade

Un dos fósiles máis antigos

Exemplar de Prestosuchus chiniquensis, un arcosauromorfo que viviu fai 237 millóns de anos. Ao seu lado, o paleontólogo Rodrigo Temp Muller sostén un dos fósiles máis antigos xamais descubertos, da especie de réptil Gondwanax paraisensis. Fotografía de Diego Vara para Reuters.

Eclipse parcial de sol

Eclipse total de sol en abril. Na imaxe, unha eclipse parcial detrás do Monumento a Washington en Washington DC. Para os científicos, o acontecemento foi unha oportunidade única de observar a coroa do Sol, a súa tenue atmosfera exterior. Fotografía de Chip Somodevilla para Getty.

Auroras boreais na Terra

A Estación Espacial Internacional flutúa contra as auroras boreais na Terra. O Sol está a atravesar o pico do seu ciclo de actividade de 11 anos, polo que se viron auroras na Terra en latitudes máis baixas do habitual. Fotografía de Donald Pettit (NASA, Handout) vía Reuters.

Guepardos arrastrados pola corrente

As intensas choivas arrasaron este ano máis do 80 % das terras áridas de Kenia, afectando a máis de 1,5 millóns de persoas. A fauna salvaxe do país tamén sufriu as consecuencias. Nesta instantánea, finalista do Concurso de Fotografía do Mundo Natural BigPicture deste ano, Buddhilini de Soyza captou guepardos (Acinonyx jubatus) do sueste africano arrastrados pola corrente cando tentaban cruzar un río na Reserva Nacional de Masai Mara.

“Aneis de fume” no Etna

En abril, o Etna italiano produciu unha rara exhibición de “aneis de fume”. Estes círculos, chamados aneis de vórtice volcánico, prodúcense cando o gas escapa a través dos cráteres recentemente formados. Imaxe de Fabrizio Villa para Getty.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza unha nova edición do ciclo de charlas ‘Ciencia en feminino’

O programa en colaboración coa Deputación de Pontevedra arrinca o mércores 4 coa entrevista da inmunóloga África González

Dez científicas galegas que deberías coñecer

Co gallo do 11F recuperamos perfís de mulleres sobresaíntes en farmacia, neuroloxía, arquitectura, enxeñaría agrónoma e pedagoxía

O ‘top 10’ da ciencia galega en 2025

Cirurxías pioneiras, achados paleontolóxicos e curación de enfermidades como a hemofilia B e a vertixe lideran os avances deste ano

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón