Un verme invasor devora mexillóns e ameixas en Asturias: as posibilidades de que chegue a Galicia

A especie, orixinaria de Nova Zelandia e identificada por primeira vez en Europa, pode supoñer unha seria ameaza para especies con valor comercial

Unha nova  especie, potencialmente invasora, está xa en Asturias: a planaria (Postenterogonia orbicularis). Este verme plano, orixinario de Nova Zelandia e que por primeira vez se identifica en Europa, pode chegar a supoñer unha seria ameaza para o ecosistema mariño da zona. Poderíamos chegar a velo en Galicia?

O achado reportouse nun estudo realizado por investigadores da Universidade de Oviedo e do Centro de Biotecnoloxía Animal de Asturias, o SERIDA. Ricardo López Alonso, investigador predoutoral do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da nesa universidade e investigador principal do artigo, explica que este se encadra dentro da súa tese. A investigación “tenta unha detección temperá de especies invasoras, porque se viu que tanto economicamente como na efectividade á hora de erradicar unha especie invasora, o esencial é detectala nos estadios primarios de introdución”, desenvolve. “Unha vez xa asentada e implantada no ecosistema, dentro da rede trófica, é moi complicado poder eliminala”.

Publicidade

De aí a serie de mostraxes a través das cales atopáronse varios exemplares dunha planaria “que basicamente non concordaba con nada do que temos nativo”. Para asegurarse da identificación fixeron unha análise histolóxica, co obxectivo de estudar a anatomía interna, e tamén filoxenética, coas que certificaron “a presenza por primeira vez en Europa desta planaria”, a P. orbicularis.

Esta especie é un problema no seu lugar de orixe, Nova Zelandia. Catalogada como unha praga, están documentados os danos que provoca, especialmente, nas especies de mexillón (Mytilus galloprovincialis) —a típica de Galicia— e Perna canaliculus, e nas ostras Magallana gigas e Ostrea chilensis. Como lembran no estudo, España conta con varias explotacións acuícolas mariñas, “o que converte a chegada desta especie nun perigo potencial para as explotacións de moluscos”.

Presenza en varios puntos da costa asturiana

Os exemplares atopáronse en distintas localizacións da ría de Avilés e do porto de Xixón, aínda que con distinto impacto, segundo se detalla no artigo e repasa López Alonso. En concreto, os primeiros espécimes recolléronse durante o primeiro trimestre de 2023: un no porto de Avilés e catro no de Xixón, estes últimos entre grupos de exemplares de mexillóns da especie típica galega e dentro deles.

No porto de Avilés, en novembro dese mesmo ano acháronse 46 novos exemplares da planaria e, máis adiante, en febreiro de 2024, aparece un máis entre mexillóns. En xullo de 2024, atópanse 22 espécimes na zona de San Juan de Nieva, entre ostras mortas e entre as rocas dunha praia natural á boca da ría. Cabe destacar que a área de mostraxe abarca, aproximadamente, de Lastres a Cudillero. Isto é, non se inclúe a costa máis occidental de Asturias, a que estaría pegada a Galicia.

“Sabemos que non estaba presente antes porque levamos facendo mostraxes desde 2021”, explica López Alonso. O investigador relativiza a importancia de atopar exemplares no pantalán de espera dun porto, onde poden verse exemplares máis estraños. “Pero en Avilés non soamente o atopamos no propio porto”, destaca, “senón tamén en praias anexas ao porto e case xa na desembocadura da ría, en estado natural”.

Isto xa sería máis preocupante de por si, pero hai outro factor que agrava isto. “Ao facer os cortes histolóxicos, viuse que dentro dos animais había ovos que sabemos, polo tamaño que teñen, que son fértiles, porque nestes organismos se non chegasen a fertilizarse reabsórbense”. De aí a importancia do achado, xa que, explica, para determinar que unha especie exótica se implementou hai que atopar exemplares durante un período de tempo continuado e que haxa individuos que se estean reproducindo.

Pode aparecer en Galicia?

Sabendo que esta planaria está nun territorio tan próximo como a costa central asturiana, pode pensarse que é inevitable que chegue a Galicia. Sobre isto, López Alonso comenta que “a corrente que baña Asturias vai cara ao leste, como cara País Vasco. Polo que as correntes poderían, entre comiñas, protexer a Galicia”.

Isto no caso do movemento a través da propia auga, pero hai outras posibilidades. Rodolfo Barreiro, catedrático de ecoloxía e coordinador do Grupo Biocost da Universidade da Coruña, explica que hai varios factores de dispersión cando se trata de especies invasoras a través do mar: o tráfico marítimo por diferentes vías, por exemplo pegadas ao casco; coa auga de lastre, ou en importación de marisco vivo con fins de acuicultura. Pese ás lexislacións que regulan isto, pode pasar que algúns exemplares eludan a vixilancia. A isto engádeselle, sinala López Alonso, que as larvas do organismo poden vivir dentro do molusco adulto, o que dificulta calquera tratamento e podería facilitar a súa mobilidade.

Hai que contar ademais con factores vinculados ao cambio climático, explica Barreiro. “Por unha parte, pode crear unhas condicións favorables para as especies propias de augas máis cálidas, e que pode ser que atopen condicións favorables para adaptarse. Por outra parte, o cambio climático non deixa de ser unha fonte de estrés máis, co que as comunidades nativas están máis perturbadas e pode ser que máis facilmente entren comunidades de fóra”.

Habería que temer pois unha potencial invasión, se chegan a Galicia? “O impacto sempre é máis difícil de predicir, xa que por sorte ou por desgracia, non sempre se comportan igual en todos os sitios”, sinala Barreiro, quen aclara que esta non é a súa área específica de traballo. Pon o exemplo da Crepidula fornicata, unha especie introducida na costa francesa e que deu bastantes problemas no cultivo de ostra pero que aquí xa leva un tempo sen que se vexa un impacto notable.

Alertar, sen alarmar

Non nos podemos poñer catastrofistas porque chegue algo de fóra”, comenta Barreiro, quen recoñece a problemática pero chama a unha espera, sempre desde a prevención, o control e a vixilancia. “Non todas as especies non nativas introducidas son invasións, porque non todas elas proliferan de maneira descontrolada e crean problemas”. De suceder, iso si, erradicalo sería complicado e custoso. “O problema é que isto afecta, sobre todo en Galicia, a especies comerciais, aos bivalvos, que ademais é aquí un sector economicamente importante no medio mariño”; un sector que, lembra, está xa a sufrir problemas de produtividade nos últimos anos.

López Alonso chama a non alarmar “pero si concienciar”. “Hai que mirar de que maneira podemos intentar paralo”, sinala. “Temos que estudalo, porque non está estudado, só hai tres artigos na bibliografía relacionados con este animal”, pon en relevo. “Hai moito que investigar para poder de verdade determinar un plan de actuación”.


Referencia: A new threat to the European marine environment: The exotic polyclad flatworm Postenterogonia orbicularis (Schmarda, 1859), publicado en Regional Studies in Marine Science

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

2 COMENTÁRIOS

  1. «Isto é, non se inclúe a costa máis oriental de Asturias, a que estaría pegada a Galicia.»
    De verdade cren que a costa máis ORIENTAL de Asturias é a que está pegada a Galicia??? Pois vai ser que non…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tormenta solar que deixou ver auroras boreais en Galicia en maio de 2024 foi a máis intensa en 35 anos

Os episodios volvéronse repetir en outubro de 2024 e en aninovo, e neste 2025 o ciclo solar está no seu máximo

Producir viño sen alcol (pero coas mesmas propiedades): o desafío dun proxecto con raíces en Galicia

A iniciativa nacional UBAVIDA, no que participa unha bodega do Salnés, busca as mellores prácticas para estandarizar a bebida

O mapa do cancro de Galicia revela as comarcas con maior incidencia

En Vigo, Lugo e Valdeorras diagnosticáronse en 2022 máis novos casos en homes, mentres que en mulleres lideran Bergantiños, A Mariña Occidental e O Baixo Miño

Dúas frontes moi activas deixarán unha fin de semana de temporal e ventos furacanados en Galicia

Os refachos poderán superar os 100 km/h na montaña de Ourense e na Mariña lucense durante o venres 24 de xaneiro