Perseidas, eclipse parcial e cometa: a guía astronómica que necesitas en Galicia este verán

As bágoas de San Lourenzo son o evento máis esperado, pero tamén se poderá observar a Vía Láctea e aliñacións planetarias

As noites de verán sempre sorprenden. Non só polas orquestras e as festas, senón por un motivo que vai moito máis alá. Os ceos desta estación traen consigo algúns dos fenómenos máis esperados. Algúns, como as Perseidas, convértense nos eventos clave da estación máis longa do ano, mais outros como os cometas van mudando a súa traxectoria. Así, dáselle a benvida ao verán a través dunha guía dos acontecementos astronómicos do estío.

As bágoas de San Lourenzo

Como cada ano, a chuvia de estrelas das Perseidas chega a Galicia. Estes meteoros poderanse ver no ceo co seu máximo esplendor o 12 de agosto, entre as 15 e as 18 horas. Como ocorre con cualquera fenómeno astronómico, un ceo despexado e pouco luminoso facilita a visión, mais a Lúa en cuarto crecente vai afectar negativamente a súa observación. En Galicia, o satélite ocultarase sobre a unha da madrugada, facilitando así a contemplación das Perseidas.

Publicidade

De todas formas, é unha chuvia de estrelas forte, e adoita presentar picos de actividade fóra do máximo, polo que nas noites próximas a esta data poderían apreciarse estes meteoros despois do ocaso luar. Poderase apreciar este fenómeno en condicións óptimas dende zonas sen contaminación luminosa, con ceos despexados e poucos obstáculos para a vista. Aínda que as Perseidas parecen vir da constelación de Perseo, pódense ver en calquera parte do ceo, dirixindo a mirada cara a zonas máis escuras. Así, poderíanse chegar a observar ata 100 meteoros/hora na cita astronómica máis relevante do verán.

O cometa 13/P Olbers

Este cometa poderá observarse a principios de xullo. Descuberto no ano 1815 polo astrónomo amateur alemán Heinrich Olbers dende Bremen (Alemaña), atópase na súa cuarta aparición cun período de 69,5 anos. O seu máximo será entre xuño e xullo deste ano, cando podería alcanzar magnitudes 6 e 7 en canto ao seu brillo. Con todo, dende o Observatorio de Forcarei advirten que non será fácil a súa visión a simple vista. Os cometas son elementos pequenos, polo que as condicións óptimas para a súa visión son a súa proximidade e unha cola grande.

Publicidade

Os cometas chegan ao seu mellor momento, cunha cola grande, cando están cerca do Sol. Polo tanto, para poder percibilos, deben observarse en canto anoitece ou ao amencer. Cando chegue o momento, para facilitar a súa visión, haberá que coñecer a orientación cara a onde se puxo o Sol e cara a onde vai saír para poder contemplar a súa marcha astronómica. Coas magnitudes do 13/P Olbers non será fácil de observar a simple vista, senón que farán falta instrumentos como prismáticos ou telescopios. Non obstante, “cos prismáticos tampouco se poderá apreciar gran cousa”.

Debuxo do cometa 13P/Olbers
Cometa Olbers 1887 V (coñecido agora como 13P/Olbers), debuxadopor William R. Brooks o 14 de outubro de 1887. Foto: Wikimedia Commons

Contemplación da Vía Láctea

Entre as recomendacións do Observatorio de Forcarei para contemplar os ceos do verán, atópase unha atracción que está xusto enriba das nosas cabezas: a Vía Láctea. Para observala fan falla dúas premisas: un ceo escuro, como todo fenómeno astronómico, e uns prismáticos 10×50, un instrumento de visionado pequeno e recorrente. Deste xeito, trátase dun espectáculo interesante e ao alcance de calquera.

No caso do verán, durante as primeiras horas da noite, cara ao sur pódense atopar as constelacións de Escorpio e Saxitario, marcando o centro da galaxia. Cos prismáticos (se pode ser con trípode, mellor) pódense ver cúmulos de estrelas e nebulosas. Esta actividade permite recorrer a Vía Láctea dende o chan, e no sur, onde remata, pódese ver un espectáculo cheo de fenómenos.

Visión astronómica dos planetas

Actualmente, Marte, Xúpiter e Saturno son visibles ao amencer, seguindo así no mes de xullo. A mediados de mes, Venus poderase contemplar logo do solpor. Haberá que agardar a setembro para que Saturno poida ser observado ao longo de toda a noite. A mediados de agosto, poderase asistir a un curioso achegamento aparente de Marte e Xúpiter, en tanto que o día 21 do mesmo mes, a Lúa ocultará a Saturno.

Con todo, dende o Observatorio anuncian que, por coincidencia, “están todos bastante cerca do Sol”. Polo tanto, o rango de horas no que se poderá proceder á súa visión comprenderá dende pouco antes do amencer ou do anoitecer.

Eclipse parcial de Lúa

Para rematar co verán, na noite do 17 ao 18 de setembro vai ter lugar unha eclipse parcial de Lúa. Entre as 4:13 e as 5:16 horas desa madrugada, poderase contemplar no ceo esta manifestación astronómica, mais de moi pouca magnitude, sendo practicamente penumbral. Será visible en toda España, e a súa observación pódese levar a cabo a simple vista, sen instrumentación especial e sen entrañar perigos.

Eclipse parcial de Lúa
Eclipse parcial de Lúa, como o que se producirá o 18 de setembro. Foto: Wikimedia Commons

O que ocorre neste fenómeno é que o satélite ponse un pouco máis vermello que de costume. O eclipse parcial luar ten que ser nunha noite escura para poder observalo, acompañada dun ceo despexado. De por si, é difícil de apreciar se a Lúa non está clara e elevada no ceo. Mais, se está despexado, as catro da mañá é unha boa hora porque é noite temperá.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño