A Axencia Espacial Española (AEE) emitiu un aviso o pasado domingo por unha forte tormenta solar, con risco de afectacións nos sistemas espaciais e de telecomunicacións. A alerta emitida pola institución advirte dun índice xeomagnético kp8 (tormenta severa), o segundo máis potente que emite a escala (que ten valores de 0 a 9).
Esta intensa actividade solar está causada por unha expulsión de masa coronal de alta velocidade. É dicir, que a estrela “lanza” unha gran cantidade de partículas con moita enerxía ao espazo e que distorce os campos magnéticos. Aínda que os valores xa se moderaron ata un nivel 6, non se descarta que poidan volver a aumentar.
As previsións feitas polo organismo estatal considera pouco probable que se chegue ao nivel extremo (kp9). As medicións do domingo alcanzaron o grao 8 en dúas ocasións, aínda que a segunda foi lixeiramente máis moderada. Durante este martes, volveu subir ata o nivel kp7 entre as 3 e as 6 horas da madrugada.
Segundo o Centro de Predición de Clima Espacial da Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica estadounidense (NOAA, polas súas siglas en inglés) e a Axencia Espacial Europea (ESA), o evento foi clasificado como unha tormenta xeomagnética de nivel G4 nunha escala que vai de G1 (menor) a G5 (extrema). Porén, ata o momento non se reportaron anomalías destacables por parte dos operadores de satélites, segundo a AEE.
Os perigos destes eventos
Esta tormenta solar pode afectar de diversas formas. Por exemplo, pode provocar alteracións en redes eléctricas de alta latitude, perturbacións en comunicacións por radio de alta frecuencia ou posibles erros temporais nalgúns sistemas de navegación que dependen de satélites.
Desde a AEE recomendan aos operadores de infraestruturas espaciais e terrestres manter a vixilancia e actualizar as previsións cos datos máis recentes das axencias internacionais. Mentres, a institución asegura que seguirán vixiando este evento, orixinado na rexión AR4100.














