Na escuridade da noite, hai xa moito tempo, os nosos antepasados comezaron a facerse preguntarse mirando os puntos luminosos que tinguían o teito do mundo. Aquela curiosidade foi o comezo de todo, do avance e da consecuente perda daquela escuridade que o mundo moderno xa non atopa nas súas noites e que limita a observación das estrelas menos luminosas.
Hoxe en día, as emisións de luz artificial maquillan a noite ata facela irrecoñecible. A luminosidade esparéxese pola nosa atmosfera, facendo brillar o aire e os aerosois que este contén. Segundo MeteoGalicia, unha consecuencia deste fenómeno é “o aumento do brillo do ceo nocturno por enriba dos seus valores naturais característicos”, o cal altera os parámetros ambientais da noite.
Co obxectivo de monitorizar a evolución da contaminación luminosa en Galicia, o organismo meteorolóxico impulsa coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela a Rede de Medida do Brillo do Ceo Nocturno. Os datos acadados por ambas institucións poden ser consultados tanto pola cidadanía como pola comunidade científica na páxina web de MeteoGalicia, e permítenos identificar cales son as rexións ou puntos onde é máis probable identificar as estrelas no ceo nocturno: nas cidades como Coruña, nunha noite como a do luns, tan só poderemos ver unha trintenta de astros, os que máis brillan. Porén, nas zonas con maior despoboamento, os ceos escuros convértense nun espectáculo.
Maior contaminación, menor contraste
Para medir o brillo, a Rede emprega detectores de luminosidade instalados nas 38 estacións automáticas de MeteoGalicia. A súa función e captala nun campo visual de ata 20 graos dentro da bóveda celeste, o cal lles permite calcular a magnitude da luminosidade. As magnitudes son unidades estándar de brillo tradicionalmente empregadas na astronomía. Segundo explican dende o organismo pertencente á Xunta, “se unha estrela ten 5 magnitudes máis que outra, a enerxía que recibimos dela é 100 veces menor”.
A magnitude do brillo do ceo afecta directamente á nosa experiencia cando observamos as estrelas na escuridade da noite: canto menos brille o aire, máis estrelas seremos capaces de ver nunha noite calquera. Isto débese ao noso propio sistema visual, o cal detecta os obxectos en función do seu contraste, é dicir, “de canto resalta o seu brillo sobre o brillo do fondo que o rodea”. A maior contaminación luminosa, menor contraste e, polo tanto, menor posibilidade de advertir as estrelas que menos brillen na noite.
Menos de trinta estrelas
Dun xeito gráfico, MeteoGalicia ofrece unha táboa onde se pode consultar o número de estrelas que se poden identificar na noite dependendo do valor do brillo do ceo:
Segundo explican, un ceo non afectado por fontes de luz artificial pode chegar a acadar un valor de 21.8 mag/arcsec2. Os ceos con valores superiores ás 21 mag/arcsec2 son considerados ceos escuros. Nas zonas afastadas das grandes cidades os valores adoitan atoparse entre 19 e 20.
Porén, nos núcleos urbanos o normal é que a magnitude baixe ata 16 ou mesmo 15 mag/arcsec2 por mor da alta luminosidade artificial. Ademais, a presenza de nubes aumenta significativamente o brillo do ceo debido ás fortes reflexións daluz na base das mesmas, o cal dificulta aínda máis a identificación das estrelas no ceo nocturno.
A contaminación luminosa, nas cidades
Grazas aos datos recompilados por MeteoGalicia e a USC, calquera usuario pode consultar a calidade do ceo nocturno nas distintas estacións meteorolóxicas localizadas nas catro provincias.
Na estación da Torre de Hércules, na cidade da Coruña, as medidas acadan a cifra de 15.7 mag/arcsec2, o cal quere dicir que a contaminación luminosa é moi alta: na noite do luns, os cidadáns serían capaces de identificar menos de 30 estrelas na noite. No porto de Vigo a medida é semellante, entre os 15 e os 16 mag/arcsec2, o cal dificulta e moito a observación das estrelas menos brillantes.
No Penedo do Galo (Viveiro), a máis de 500 metros sobre o nivel do mar e nunha zona pouco poboada, o brillo do ceo acada unha magnitude de 19: isto permítenos gozar dun ceo maioritariamente escuro, no cal poderíamos chegar a contar máis de 500 estrelas. En Cabeza de Manzaneda (Ourense), a 1.000 metros, o brillo do ceo é de 18 mag/arcsec2. algo menor.
Os datos das distintas estacións poden ser consultados na páxina web de MeteoGalicia. Só hai que filtrar o municipio, a estación e apremar no botón que indica “Brillo do ceo nocturno”. As magnitudes poden ser consultadas tanto na súa máxima diaria, como nun nivel diario ou ata mensual. E ti, canta contaminación luminosa tes onde vives?















Cabeza de Manzaneda non está en Lugo, esta en Ourense