Un mapa para non esquecer: a historia detrás das 96 foxas galegas da Guerra Civil

RTVE presenta o proxecto "El país de las 6.000 fosas", elaborado xunto á iniciativa "Nomes e voces", para documentar os enterramentos irregulares da represión franquista

Na España peninsular é practicamente imposible vivir nun concello situado a máis de 50 quilómetros dun lugar onde se cavou unha foxa común ou dun punto onde se arroxaron os corpos das persoas represaliadas. Pozos, minas, bodegas ou cantís; naquel momento, todo valía. Nas 5.848 foxas rexistradas contabilízanse arredor de 140.000 vítimas. En Galicia, en concreto, documentáronse 96 destas foxas.

Co obxectivo de visibilizar a súa historia, RTVE lanza o proxecto El país de las 6.000 fosas, un mapa histórico que recompila e contextualiza os enterramentos irregulares da Guerra Civil e da ditadura ao longo do tempo. O resultado final acadouse grazas á colaboración coa Secretaría de Estado de Memoria Democrática (SEMD) e co proxecto galego Nomes e Voces, liderado por Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago e líder de Histagra, entre outras institucións.

Publicidade

O traballo baséase nunha ampla tarefa de documentación, con información procedente de organismos oficiais, asociacións de memoria histórica, e mesmo imaxes e testemuños achegados polas familias das vítimas. Grazas a isto, o equipo de redacción de Noticias e o departamento de Datos conseguen ofrecer unha contextualización detallada das foxas comúns.

Na primeira versión do mapa, publicada en 2011, recollíanse 2.246 puntos. Catorce anos despois, a cifra ascende a 5.848 foxas. O proxecto continuará actualizándose a medida que se leven a cabo novas exhumacións e se identifiquen máis vítimas. Mentres tanto, cómpre seguir coñecendo a historia agochada baixo a terra dende a Guerra Civil.

Publicidade

39 foxas exhumadas

Das 96 foxas rexistradas en Galicia, 39 xa foron abertas para o seu estudo por parte de equipos forenses e arqueolóxicos. Outras 29, aínda que están documentadas e localizadas, seguen sen ser exhumadas.

Mais, cal é a situación das 28 restantes? O mapa tamén recolle aquelas foxas que foron abertas durante o franquismo para trasladar os corpos a Cuelgamuros, a maior foxa de España. En Galicia, 11 delas sufriron ese destino. Ademais, outras 10 foron catalogadas como desaparecidas.

Segundo o equipo de RTVE, as sete foxas que faltan están incluídas, xunto con outras 140 a nivel estatal, na categoría de “Outras”. Nesta clasificación agrúpanse xunto ás que carecen de información sobre o seu estado actual e, por tanto, non se reflicten nos datos dispoñibles. Entre elas figuran tamén aquelas que, por agora, foron obxecto de prospeccións sen éxito.

Os republicanos perseguidos

O mapa de RTVE non só amosa o elevado número de foxas existentes no territorio, senón tamén as historias que se agochan no seu interior. Nas provincias da Coruña, Lugo e Ourense recolléronse cinco relatos a través de documentos oficiais que narran episodios da vida das persoas enterradas nestes lugares.

No caso da foxa do cemiterio lucense de Vilavella, exhumada en 2010, recolléronse os restos de tres vítimas. Nesta foxa recuperouse a historia dos guerrilleiros coñecidos como “os do monte”. O 12 de novembro de 1943, un grupo de maquis quedou rodeado pola Garda Civil nesta parroquia do concello de Triacastela. Tres guerrilleiros morreron, mentres que outro conseguiu fuxir. Os corpos dos falecidos foron expostos ao público, e os veciños lembraban o sucedido. En 2013, foron identificados como Pedro Voces Canóniga, Félix Yáñez González e Antonio Vega Guerrero.

Con todo, as exhumacións revelaron que a masacre foi moito máis dura do que se pensaba. Durante os traballos de escavación dunha foxa en San Vicente de Fervenzas, o equipo da Asociación para a Recuperación de Desaparecidos no Franquismo (ARDF) buscaba tres guerrilleiros recoñecidos en Galicia: Marcelino Rodríguez Fernández, José Doldán Don e Lisardo Freijo López. Non obstante, apareceron restos de 15 persoas, dúas delas mulleres, e 12 sen identificar. Todos foron reenterrados nunha nova foxa dignificada.

O número de corpos que podían acoller estes espazos irregulares chegaba, nalgúns casos, ás 50 persoas. Foi o que ocorreu en Santa María a Maior do Val (Narón), onde se atoparon os restos de marines, oficiais e suboficiais da Armada que se mantiveron fieis á República.

Obxectos agochados

Na vila de Portomarín apareceu un achado que vai máis aló da recuperación dos corpos. Na foxa situada no exterior do cemiterio de San Mamede do Río, exhumada en 2010, identificouse unha única vítima: José Antonio Rivas Carballés.

O lucense foi expulsado da súa casa en Fraialde o 30 de agosto de 1936 e fusilado aos 39 anos. O seu irmán e o seu sobriño tamén foron asasinados. Con todo, o máis sorprendente ocorreu durante a exhumación: no curso da escavación apareceron as botas de José Antonio en excelente estado de conservación.

Isto amosa que, mesmo décadas despois, os obxectos poden falar e contar historias de vida e memoria que a historia nunca debería esquecer.


Podes consultar o mapa interactivo de RTVE na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os Foucellas, a resistencia republicana que se botou aos montes para loitar contra o fascismo

O grupo Histagra da USC inicia a exhumación dunha fosa da resistencia armada antifranquista en Teo

Así é o mapa das vítimas da violencia golpista por concellos

A bases de datos recolle información dunha grande cantidade de persoas reprimidas para axudar a dar luz á súa historia

Un equipo da USC exhuma en Rianxo a dous represaliados da violencia golpista en 1936

Manuel Piñeiro e Francisco López foron fusilados na parroquia de Asados con apenas un mes de diferenza

O Pazo de Meirás e as illas de San Simón e San Antón xa son Lugares de Memoria Democrática

A declaración recoñece o valor histórico e simbólico do edificio como residencia estival do ditador, e dos enclaves costeiros como cárcere de presos republicanos entre 1936 e 1943