Fin á busca de 107 vítimas do franquismo en Galicia: “Non só é atopalas, é saber que fixeron con elas”

O plan de memoria democrática liderado dende a USC remata con sete executados identificados despois de realizar exhumacións en once localizacións

O cemiterio de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, acolle este mércores a inauguración dun monumento en memoria das persoas asasinadas e enterradas vítimas da violencia franquista. A iniciativa encádrase dentro da parte de memorialización do Plan de Memoria Democrática, posto que esta foi a localización na que comezaron os seus traballos. Foi na campaña de 2021: este sería o primeiro dos 11 emprazamentos que se analizarían.

Agora, a primeira edición deste proxecto toca á súa fin. O I Plan Cuadrienal de Memoria Democrática (2021-2024) buscou durante as diversas campañas organizadas nestes anos a 107 vítimas da violencia franquista asasinadas entre 1936 e 1939. O proxecto, que conta co apoio da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galicia, está composto por un equipo multidisciplinar de investigación liderado por persoal do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural —Histagra, vinculado ao Centro Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da Universidade de Santiago (USC)—. Neste equipo hai persoas especializadas en historia e arqueoloxía, ademais de persoal forense e xenetistas.

Tres anos en datos

A doutora en Historia Contemporánea e investigadora de Histagra, Conchi López Sánchez, resume as cifras máis importantes das campañas. Atendeuse ás demandas de 27 familias. Identificáronse os restos de sete executados, que foron localizados na foxa de Celanova. Acháronse os restos doutras 11 persoas con signos de violencia; aínda que non se lles puido asignar unha identidade, si se determinou que eran vítimas da violencia franquista neses anos.

En total, fixéronse escavacións en 11 localizacións, nalgunhas das cales durante máis dunha campaña e algunhas en varios emprazamentos da mesma parroquia. Foron en Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), Filgueira (Crecente), Vilacoba (Lousame), A Capela, San Breixo (Celanova), O Val (Narón), San Pedro do Castro (Viana do Bolo), Trasanquelos (Oza-Cesuras) e Cabreira (Salvaterra), a última na que se traballou. Na meirande parte dos casos nos que se fixeron escavacións, aclara López Sánchez, atoparon restos, aínda que non todos se puideran identificar.

Hai un factor que complica os achados: as características do terreo en Galicia. “Non son moi favorables a que atopemos os restos nunhas condicións óptimas para poder facer estas análises. A gran parte de restos óseos están moi degradados ou en moi mal estado, e isto dificulta moitísimo poder extraer unha secuencia de ADN que sirva para facer unha comparación”, asevera.

Un modelo de traballo completo e exhaustivo

A doutora explica o procedemento de traballo, que consta dunha primeira fase de investigación histórica sobre as fontes documentais que permite dilucidar onde pode haber soterradas vítimas. Despois iría a intervención arqueolóxica no campo. “Cando temos a localización da foxa nun alto grao confirmada e localizada, pasamos a exhumar”, indica. Aquí irían as seguintes fases, primeiro a de análise forense dos restos e despois a análise xenética.

López Sánchez fala dun “traballo do que estamos moi satisfeitos; as familias así nolo fixeron sentir en todo momento, tanto nos casos nos que puidemos establecer unha identificación como nos que non”. Tamén enfatiza que “non todo son cifras” e avisa do risco de reducir os logros aos números.

Os casos detrás das cifras

A doutora López lembra, en concreto, o caso de Anuncia Casado Atanes, “unha muller moi particular para a súa época”. “De feito, era coñecida como a comunista de Viana”, expón. Esta muller de 38 anos, nai de catro fillos, foi perseguida, torturada e asasinada. Deixaron o seu cadáver á intemperie nunha leira ata que, cinco días despois, informaron o seu irmán, quen foi ante as autoridades. Malia os esforzos na campaña de Viana do Bolo: “Non puidemos atopala. Insistiuse dúas veces”. Porén, López Sánchez destaca que todos os casos teñen importancia. “Non me gustaría singularizar porque todos me parecen igual de relevantes. O que pasa é que, ás veces, está ben poñer aquilo que en termos numéricos non destacaría tanto”, recoñece.

Para quen teña curiosidade por todas esas historias, igual de importantes, as campañas realizadas pódense consultar na web de Nomes e voces. Este proxecto de recuperación da memoria oral da guerra civil e das vítimas do franquismo que está coordinado por Lourenzo Fernández Prieto, director do CISPAC e do equipo de investigación do plan de exhumacións. Nelas pódese acceder aos casos do máis de centenar de vítimas que se buscaron durante estes catro anos.

Os achados da campaña

Máis aló do propio proceso de identificación de vítimas, sen dúbida moi relevante, o Plan está a servir para acumular máis información sobre todo o proceso de violencia franquista que se viviu entre os anos 1936 e 1939 en Galicia e aínda despois, ata o punto de que se está a preparar un libro para o próximo ano. “O sentido da campaña non é só atopar persoas, é tamén saber que fixeron con elas”, explica Fernández Prieto. “Estamos pasando dunha fase na que o realmente importante era devolver os restos ás familias, por razóns humanitarias que nós compartimos, a unha fase na que, ademais, queremos saber, queremos utilizar todo este proceso como unha fonte de coñecemento do pasado”.

Neste sentido, achega algunhas das claves nas que se están a indagar. “As pautas da memoria están confundidas polo propio manexo que os verdugos fixeron da memoria durante 40 anos; é dicir, que a memoria que teñen as vítimas e as familias está confundida”. Tanto para o bando golpista como para o resto da poboación, “a memoria dominante é a que constrúe a ditadura”: é unha “memoria dos verdugos”. Un proceso que, indica, duraría nunha primeira fase ata os anos 60; despois, calquera evolución dáse sobre esa memoria, que ten implícita a idea de non remover o pasado.

“Confrontación de memorias”

“Despois do 75, outra cousa que estamos documentando é que hai unha gran liberación e se moven moitas tumbas”, indica. Cita casos de xente que recupera os cadáveres de familiares e os traslada aos panteóns familiares. Fernández fala da “confrontación de memorias” no momento da Transición, dunha “memoria das vítimas que funciona a favor das vítimas” que duraría ata 1981, co intento de golpe de Estado de Tejero.

Relacionado con isto, fala da posibilidade dunhas “pautas de ocultación” dos crimes que se produciron estes anos. “Entre 1936 e 1975, nos cemiterios, as autoridades foron tomando decisións que casualmente provocaban que o lugar onde estaban sepultadas aquelas persoas fusiladas ou paseadas se acabara de esvaer, por un lado da memoria e, por outro lado, de forma material”, apunta. Refírese tanto ao traslado de cemiterios ou foxas como á construción de nichos por riba do que se sabía que eran enterramentos colectivos de persoas asasinadas, un comportamento que están a comprobar se tamén se puido producir noutros lugares de España.

Non só isto. “Todo este conxunto de matanzas ten unha lóxica”, sintetiza. Nun primeiro momento, “mataron por unha razón moi simple: porque era un golpe de Estado e querían arrebatar ás persoas o seu poder. Por iso mataban a persoas que tiñan poder”. Pero tras estes primeiros asasinatos, veñen outros que seguían “unha lóxica que hoxe é moi difícil de entender, pero que era bastante común en toda Europa”, desenvolve, equiparando estes asasinatos aos procesos de exterminio vividos neses anos e nos posteriores fóra de Galicia.

Como foron tratados

Outro dos aspectos que está a deixar a investigación é o relativo á materialidade, como explica López. “Está sendo moi importante para ver que tipo de feridas hai nos corpos, como foron tratados”. Pon como exemplo a escavación no Val, onde a investigación histórica identificou a medio centenar de vítimas da violencia franquista, en gran parte mariños e oficiais da Armada. Aquí atoparon un grupo de persoas con cadeas e cravos na zona dos nocellos. “Temos que darlle unha volta e saber contar o que lles pasou, como os trasladaron, como os botaron á foxa, como se enterraron”, indica. Isto ten relación coas pautas da memoria das que fala Fernández Prieto, sinala López. “Creáronse mitos arredor dos paseados, de como se asasinaron, de como se trasladaron. Unha vez se contrasta coa materialidade das cousas, hai diferenzas moi importantes”, engade.

Aínda que a Secretaría de Estado de Memoria Democrática anunciou que habería unha segunda edición deste programa, a continuidade do proxecto depende de que se renoven os convenios con Xunta e Goberno.

María Ramos
María Ramos
Xornalista freelance con experiencia en prensa online e radio. Licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e con grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.

1 comentario

  1. Debemos recordar tamén os casos de galegos que foron asasinados, tras un consello de guerra (supoño), fóra de Galicia, como é un caso dalgúns galegos que estaban facendo mili no norte de África. Este caso está documentado por un investigador ceutí

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Anunciación Casado, a ‘Pasionaria de Viana’: comezan os traballos de exhumación

As accións enmárcanse no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023 liderado por un equipo interdisciplinario da USC

Un novo relato da Guerra Civil en Galicia: “Nada facía pensar que o golpe triunfaría aquí”

Científicos das tres universidades galegas propoñen un novo relato da guerra e da ditadura baseado na memoria soterrada dos vencidos