Que tempo vai facer en Nadal en Galicia? Estas son as previsións

O prognóstico apunta á influencia dun anticiclón que deixará tempo seco e apenas precipitacións nas xornadas festivas

A falta de sete días para a Noiteboa, os fogares galegos xa comezan a preparar os seus menús, os agasallos xa están pensados —ou se cadra mercados— e as celebracións planificadas. Pero que vestimenta será precisa? Que tempo vén para o Nadal? As previsións apuntan a que as baixas temperaturas serán as protagonistas nas xornadas festivas e que Galicia logrará sortear a chuvia.

“A pesar de que hai uns días semellaba que viría unha masa de aire bastante frío cara a Galicia pola Noiteboa, agora case se pode asegurar que un anticiclón afectará o territorio. Teremos ventos do nordés e un tempo seco sen case precipitacións“, asegura o catedrático de Física da Universidade de Santiago (USC) Gonzalo Míguez Macho. Así tamén o predí Meteogalicia.

Publicidade

Segundo a axencia meteorolóxica galega, a partir da fin de semana e de cara ao día de Nadal, Galicia recupera a influencia das altas presións, con ventos de compoñente norte e baixa probabilidade de chuvia en xeral, “agás na metade norte onde algunha fronte pouco activa pode deixar algunha precipitación feble”. Pero, e de cara ao resto do inverno, que tempo virá?

Predicións de inverno

Saber o tempo que afectará a unha zona concreta máis aló de tres, cinco ou dez días é “algo moi complicado, porque a atmosfera pode cambiar en calquera momento”, indica Míguez. Malia isto, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) vén de publicar un informe cos datos de temperaturas e precipitacións que se deron durante os pasados meses de setembro, outubro e novembro. No mesmo documento tamén se inclúe un pequeno prognóstico estacional do que podería ser o clima na península durante o inverno.

Publicidade

Este resumo climático reflicte a tendencia á alza da media dos termómetros que seguirá na mesma liña de cara á próxima estación: “Semella un clásico, pero é así en tódalas predicións”, apunta o portavoz da Aemet Rubén del Campo. “Pero isto hai que collelo con pinzas porque son modelos a longo prazo e con moita variedade de probabilidade”, advirte o catedrático da USC.

Coa chegada do inverno meteorolóxico, que deu comezo o pasado 1 de decembro, a AEMET publicou unha previsión estacional para o trimestre de xaneiro, febreiro e marzo, que coincide aproximadamente coa estación astronómica, que se iniciará o próximo día 21 ás 10.21 horas. Estes datos baséanse en información probable sobre tendencias xerais das temperaturas e precipitacións. É dicir, non predí fenómenos como vagas de frío ou temporais, senón que tenta prognosticar como poden ser os padróns da climatoloxía nestes meses.

Temperaturas superiores ao normal

Así, a axencia estatal sinala que o escenario máis probable —entre un 40 e 70%— é o de temperaturas superiores ao normal en todo o país e menos precipitacións do habitual —entre un 40 e 50%— nesta estación. Con todo, o catedrático da USC matiza que estes prognósticos baséanse nos padróns meteorolóxicos a grande escala, polo que “tentar predicir a máis de tres semanas vista é algo moi complicado, porque o tempo pode cambiar en calquera momento”.

Con respecto ao aumento dos termómetros, Míguez destaca que é algo lóxico debido ao quecemento global. “Os ventos do norte, que normalmente veñen acompañados de moito frío, xa comezan a ser máis cálidos”, advirte.

“Débese ter en conta que a atmosfera é un mecanismo de reloxería no que cada ‘rodiña’ vese influenciada do que faga o resto, por iso, o que poida pasar en lugares como o Pacífico terá a súa consecuencia en Galicia”, explica Míguez. Sobre isto, o catedrático apunta que o tempo en inverno no noso territorio “semella que seguirá uns padróns cambiantes”.

Inverno en Galicia

Neste sentido o catedrático afonda neste fenómenos que poden afectar á comunidade. Un padrón no que predomina o paso das borrascas de leste a oeste “o que vai traer é chuvia constante, vento, temporais e unha temperatura que non vai ser especialmente fría”.

Pola contra, cando existe un predominio de correntes de aire que veñen do norte e do interior do continente europeo, “teremos un padrón de temperatura moito máis frío e seco, xa que os ventos do nordés non tenden a producir chuvia en Galicia”, matiza.

Con todo, o catedrático —“tendo en conta a inercia destes últimos dous meses”— apunta a que este inverno o tempo virá moi cambiante. “Non será como o ano pasado que encadeamos temporais un detrás doutro, senón que vai ir variando. Pero isto podería mudar dentro de tres ou catro semanas e que de súpeto apareza unha dinámica de chuvias continuas das que non damos saído”, conclúe.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño