Científicos galegos abren a porta ao deseño de novos fármacos contra a colite e o Crohn

Un equipo do CiMUS e do IDIS emprega tecnoloxías de imaxe molecular para analizar o funcionamento e a eficacia do medicamento adalimumab

As enfermidades inflamatorias intestinais (EII), entre as que se atopan a colite e a enfermidade de Crohn, afecta en España ao 1% da poboación. A actual tendencia á alza levará a que, no próximos cinco anos, unha de cada 100 persoas padeza algunha destas doenzas. O fármaco adalimumab é un medicamento biolóxico amplamente utilizado para tratar este tipo de enfermidades autoinmunes. Agora, unha colaboración do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acaba de descubrir unha metodoloxía pioneira que abre a porta ao deseño de novos medicamentos para a abordaxe da EII, baseándose no fámarco adalimumab.

O uso de tecnoloxías de imaxe molecular como a tomografía por emisión de positróns (PET), habituais xa na práctica médica, posibilita un maior achegamento a fases clínicas. O traballo acaba de publicarse na revista International Journal of Pharmaceutics.

Publicidade

Fases clínicas

Os investigadores do CiMUS traballaron neste estudo con modelos animais de EII que se empregan no desenvolvemento de novos fármacos en fases preclínicas, xusto antes de iniciar os ensaios clínicos en pacientes. “O máis significativo desta nova metodoloxía podería ser de utilidade para laboratorios farmacéuticos que pretenden mellorar o deseño dos seus fármacos, tanto en fase preclínica como mesmo clínica, xa que aplicamos as mesmas tecnoloxías de imaxe molecular que se están empregando xa nas rutinas médicas”, explica Jessica Codesido, primeira asinante do artigo.

O nivel de inflamación no corpo

A metodoloxía consiste, en primeiro lugar, na marcaxe radioactiva do adalimumab, e posteriormente, no seguimento en tempo real da cinética do fármaco dentro do corpo mediante técnicas de imaxe molecular, en concreto, a tomografía por emisión de positróns.

Publicidade

“Traballamos especificamente no caso da enfermidade inflamatoria intestinal, e estudamos como se distribúe este principio activo cando se administra por vía intravenosa e subcutánea. Tamén estudamos como afectan a esta distribución do fármaco os diferentes niveis de inflamación que poden estar presentes en diferentes situacións”, segundo expón Codesido. Os resultados do estudo mostran que a cantidade de adalimumab que alcanza o colon é altamente dependente da vía de administración e do nivel de inflamación, sexa sistémica ou local.

Como se administra

Imaxe de como de administra o fármaco adalimumab en función de se é por vía intravenosa ou subcutánea.

Así, unha administración subcutánea do fármaco pode verse altamente afectada polos niveis de inflamación sistémicos e dificultar enormemente a súa chegada ao colon. Pacientes con altos niveis de inflamación sistémica estarían nunha situación moi desfavorable respecto a pacientes que presentan unha inflamación máis local. “Con isto demostramos que a eficacia terapéutica do adalimumab pode verse alterada para cada situación, e deberiamos optimizar a súa administración para cada paciente”, matiza Codesido.

En conclusión, a vía pola que se administra o adalimumab e o nivel de inflamación no corpo determinan enormemente a cantidade de fármaco que chega ao colon. O uso nesta nova metodoloxía podería axudar no deseño e na optimización de novos fármacos a nivel preclínico, coa finalidade de dispoñer de fármacos para pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal que se dirixan de forma máis eficaz e específica ao colon, aumentando así a súa eficacia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

O desafío de vivir cunha bolsa de ostomía: só hai 47 baños adaptados para 5.000 persoas en Galicia

A maior parte están na provincia de Pontevedra, onde se concentran 20 aseos, seguida da Coruña con 16, Lugo con 7 e Ourense con 4