As consultas médicas cada vez reciben máis pacientes por Enfermidades Inflamatorias Intestinais (EII) en Galicia. Delas, segundo datos do Sergas, en torno a 5.000 requiren unha bolsa de ostomía. O proceso de baleirar ou cambiar o dispositivo presenta unha serie de requerimentos hixiénicos e estruturais para que un aseo se considere axeitado. Así e todo, segundo a aplicación OstomiAseo tan só hai 47 baños adaptados para persoas ostomizadas en Galicia, dos cales 20 se concentran entre Vigo e Pontevedra e 16 na provincia da Coruña.
O incremento de persoas que conviven cunha EII leva a un aumento paulatino da necesidade de adaptar espazos para quen padece unha destas afeccións dixestivas crónicas, das cales as máis representativas son a colite ulcerosa e a enfermidade de Crohn. Estas doenzas poden, nalgúns casos, requirir unha intervención cirúrxica denominada ostomía: trátase, como sinala o Sergas, dun orificio que se abre no abdome para sacar ao exterior o tubo dixestivo ou urinario para expulsar materia fecal ou ouriño cara a unha bolsa colocada para tal fin.
A presidenta da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomías (ASSEII), Ángela Paz, explica o impacto que isto supón nos hábitos diarios: “Cando non tes unha ostomía, contas cun esfínter que te avisa de que tes que ir ao aseo. Pero cunha bolsa tes que estar pendente de que non chegue a certo nivel, porque se se acumula moito peso pode haber fugas”. A drenaxe prodúcese de xeito espontáneo, non controlado, polo que, neste contexto, resulta imprescindible levar control sobre a capacidade da bolsa e dispoñer dun baño próximo no que poder realizar as maniobras de baleirado ou cambio. As dificultades chegan cando dito espazo non está preparado para acomodar este proceso.
Unha distribución dos baños desigual e insuficiente
A presidenta da asociación, que leva tres décadas convivindo coa enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa, sinala que en Pontevedra percibe unha importante conciencia en torno á necesidade de adaptación. A realidade confirma este apoio: trátase da provincia con máis aseos preparados para responder os requerimentos hixiénicos dunha bolsa de ostomía, con sete en Vigo e 13 en Pontevedra.
A seguinte provincia mellor capacitada é A Coruña, na que os seus 16 baños adaptados se atopan máis espallados: hai cinco na cidade herculina, catro en Santiago de Compostela, dous en Ferrol e un en Corcubión, Dumbría, Negreira, Melide e Santa Uxía de Ribeira.
Lugo e Ourense teñen menos de dez aseos apropiados para persoas ostomizadas en cada provincia. Na primeira hai sete, con dous baños en Lugo e un en Samos, en Triascatela, en Monforte, en Burela e en Ribadeo. Na provincia máis interior de Galicia hai tan só catro baños: dous atópanse na capital ourensá, un no hospital público de Verín e outro, no do Barco de Valdeorras.
Esta listaxe provén da aplicación OstomiAseo, unha ferramenta impulsada polo goberno de Cantabria que serve para localizar os servizos axeitados para persoas ostomizadas, que, como lembra a Federación de Asociacións de Persoas Ostomizadas de España (FAPOE), teñen características propias: “Nin os retretes convencionais, nin os adaptados a mobilidade reducida son funcionais para baleirar a bolsa de ostomía, e moito menos para enxaugala”.
“Temos que ser autocoidadores”
A escaseza de instalacións preparadas para acomodar as necesidades estruturais e hixiénicas das persoas ostomizadas deixa unha pegada directa na súa calidade vital. “A operación significa un cambio radical na túa vida, porque de súpeto tes un ano na barriga que te obriga a adaptarte. A nivel físico é un cambio moi grande; hai persoas que evitan mirar a barriga. E a nivel social hai xente á que lle dá medo saír da casa por todo o que implica: que se poida despegar a bolsa, que se abra…”, conta Ángela Paz. Insiste en que esta situación afecta todas as partes que compoñen a rutina diaria e que, polo tanto, supón un nivel de vixilancia e control practicamente constante. “Temos que ser autocoidadores”, recoñece.
É por isto polo que ter un baño accesible e preparado pode marcar unha diferenza tan ampla na forma en que alguén que leva unha ostomía organiza a súa vida social. Porén, menos de 50 baños concentrados nos grandes núcleos urbanos galegos deben dar servizo a unhas 5.000 persoas repartidas por toda a comunidade. Deste xeito, quen emprega unha bolsa de ostomía en moitas ocasións necesita buscar métodos para baleirar ou cambiar a bolsa da maneira máis rápida e hixiénica posible.
“O estoma está á altura da barriga, a uns 70 – 90 centímetros, segundo o que mida a persoa. Imaxina que poñemos unha botella de auga a esa elevación e tratamos de baleirala sobre un váter; vai salpicar”, explica a presidenta da ASSEII. Engade: “E poñerse de xeonllos diante dun servizo non sempre é unha opción, ben porque o espazo pode estar en moi mal estado de hixiene, ben porque unha persoa con ostomía tivo que pasar por unha cirurxía que pode limitar os movementos“.
Ademais das constricións motrices, tamén poden presentarse dificultades dende un punto de vista estrutural. “Chegas a un baño e o primeiro problema é que a luz está de costas, porque tes que baleirar de fronte ao servizo. Ademais, necesitas as dúas mans para manexar a bolsa, pero cando hai lámpadas por sensor tes que estar movéndote para non quedar a escuras”, sinala. A ‘solución’ que atopou para paliar a falta de instalacións apropiadas é levar unha lanterna colgada do pescozo e unha pinza para suxeitar a roupa. Así e todo, recoñece que estes remedios caseiros non deberían ser necesarios; a solución real é garantir o acceso a baños para persoas ostomizadas.
As características dos baños adaptados
Ángela Paz explica que as características que debe ter un baño para persoas con ostomía son as seguintes: posuír un servizo fondo a unha altura accesible, próxima á cintura ou abdome, para non ter que agacharse ao baleirar a bolsa; ter unha superficie limpa e ampla de apoio para deixar os aparellos necesarios para retirar os contidos da bolsa ou colocar un dispositivo novo; contar cun espello frontal que permita analizar o estado do orificio e da bolsa; estar equipado cunha billa alta ou extensible para enxaugar a bolsa; ter unha papeleira específica para descartar residuos de forma hixiénica; e contar sempre con xabón e cun dispensador de papel hixiénico.
A necesidade de ter un aseo a man vólvese aínda máis patente durante o verán. “Móveste máis, e coa calor e o suor as placas da ostomía aguantan menos. Isto é algo que se fai máis agudo nas zonas costeiras que teñen moita humidade“, explica Paz. A presidenta da ASSEII pon como exemplo o primeiro congreso que celebraron en Asturias, no que se reuniron decenas de persoas ostomizadas: “As persoas que viñan de zonas máis secas decatáronse de que os seus produtos duraban menos aquí; estaban habituados a que lles aguantaran unha semana, pero coa humidade había que cambialos en dous, tres días”.
A presidenta da asociación apunta que xa loitan por levar a lexislación a un punto de apoio, non de indiferenza: “Estamos pendentes de que se aprobe no Código Técnico de Edificación a necesidade de que calquera construción teña aseos para persoas ostomizadas”. Mentres, ferramentas como OstomiAseo axudan a reducir o impacto diario das ostomías e a manter unha vida social o máis cómoda posible.














