Os restos achados na foxa de Celanova pertencen a dous asturianos fusilados en 1939

Especialistas en historia e arqueoloxía, así como forenses e xenetistas pecharon os expedientes das exhumacións realizadas en Celanova, A Capela e Vilacoba

Marcelino Fernández e Abelardo Suárez fuxiron de Xixón a finais de outubro de 1937. Foron xulgados en Camposancos e, posteriormente, trasladados con outros cinco individuos —da mesma cidade e cun periplo vital moi semellante— á prisión de Celanova. Os sete foron condenados a pena de morte e, tras pasar máis de seis meses recluídos na vila ourensá, as autoridades militares ordenaron a execución en 1939. Malia que a súa historia caeu no esquecemento durante décadas, as súas respectivas familias non deixaron de buscalos. A finais de 2022 iniciouse a exhumación no cementerio de Celanova onde se atoparon varios restos óseos. O equipo encargado constatou que pertencen a Marcelino Fernández e Abelardo Suárez.

Así o comunicaron os investigadores responsables da actuación nunha rolda de prensa celebrada esta mañá no Liceo de Ourense. Estiveron presentes a historiadora do grupo Histagra da Universidade de Santiago (USC) e responsable de documentación da foxa, Conchi López; o antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), Fernando Serrulla; o arqueólogo e responsable de Tiempos Arqueólogos, a empresa que executou a escavación, Mario César Vila; e tamén a investigadora do Laboratorio de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, Ana Mosquera.

Publicidade

Segundo a análise forense, os restos de Marcelino Fernández García correspóndense co Individuo 3 exhumado e os restos de Abelardo Suárez do Busto correspóndense co individuo 9. Os restos de Marcelino Fernández García presentan sinais de violencia no cranio e pescozo con, polo menos, dous disparos de arma de fogo. Os restos de Abelardo Suárez do Busto presentan sinais de violencia no cranio e no resto do corpo cun patrón de morte xudicial, é dicir con lesións por fusilamento e tiro de graza na cabeza. As dúas mortes foron violentas de tipo homicida, tal e como conclúe o estudo.

Esta actuación, levada a cabo por un equipo multidisciplinar e capitaneado dende a USC, non só pechou o expediente relativo á exhumación de Celanova, senón tamén á da Capela e Vilacoba (Lousame), onde se actuou en 2022 ao abeiro do Plan de Memoria Democrática. Esta iniciativa, que ademais de exhumar, localizar e identificar as vítimas, tamén busca darlles recoñecemento, é unha sinerxía entre varias institucións. Por unha banda está a USC, que colabora coa Vicepresidencia segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes; e a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia para a realización das actuacións dentro do Plan Cuadrienal 2021/2024 de Memoria Democrática de Galicia.

Publicidade

Vilacoba-Lousame

Manuel García Hermo, Perfecto Félix Vilas Romero, seu irmán, Antonio, María Josefa Becerra Laíño e Avelino Méndez Suárez eran as persoas buscadas na fosa do cemiterio de Vilacoba-Lousame (A Coruña). Todas elas foron asasinadas a consecuencia de “paseos” en diferentes momentos da retagarda: a finais de agosto de 1936, a finais de febreiro de 1938 e cara ao final da guerra. A intervención arqueolóxica executouse en catro sectores diferentes. Os resultados negativos na primeira área demandaron abrir novos espazos, incluso con ampliacións, nos que se recuperaron e exhumaron os restos dun individuo adulto, de sexo masculino e de mediana idade. O estudo xenético permitiu excluír que os devanditos restos pertenzan a Manuel García Hermo, dada a incompatibilidade nun total de 5 e 7 marcadores xenéticos, analizados en dous restos óseos diferentes.

A Capela

Finalemente, a investigación histórica profundou nas historias de Joaquín Antón Rodeiro, Francisco Guerreiro Guerreiro, Manuel Franco Bermúdez, Ramón Agras Fernández, Manuel Prado Allegue e dos irmáns Sardiña Navarro (Celestino e Ramón). Todos eles foron asasinados cun día de diferencia no mes de agosto de 1936 e enterrados no cemiterio da Capela.  Os datos achegados pola prospección xeo-radar amosan a complexidade da disposición do subsolo das áreas exploradas do cemiterio (antiga parte civil e eclesiástica). Isto dificulta a identificación de elementos compatibles cos enterramentos que se procuraban.

Nas diferentes tarefas a realizar colaboran o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto; o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo; o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA; e o equipo do xenetista Ángel Carracedo, que se ocupa do cotexo xenético cos familiares dos e das asasinadas. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta clausura a planta soto do centro de saúde de Ponteareas pola elevada concentración de radon

O gas está catalogado como canceríxeno e está vinculado causalmente ao cancro de pulmón

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Atención: carrachas!

Confirmada a circulación en Galicia do virus da encefalite transmitida por carrachas

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación