Unha aurora boreal en Galicia: a actividade solar iluminou o ceo do domingo

As nubes impediron desfrutar do espectacular fenómeno, que se puido observar dende zonas como Extremadura e Andalucía

O pasado domingo o Observatorio de Calar Alto, en Almería, capturou unha aurora boreal ás 20.16 horas da tarde. Foi unha tormenta magnética a causante de que chegara este fenómeno aos ceos da Península. En Galicia choveu practicamente durante toda a fin de semana, e foi o clima precisamente o que impediu que tamén se puidese apreciar. “Se se ven dende Almería, teñen que verse dende aquí”, explica Pedro Pablo Campo, do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller. Dende o centro non estaba previsto a aparición dunha aurora boreal en ceos galegos, só en zonas do norte de Europa. Pero como explica Campo, é tempo de aurora boreais e hai que estar alerta.

Dende o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller confirman que o domingo entrou unha masa solar que provocou o fenómeno. Isto corrobora a formación de auroras boreais, xa que se producen cando as partículas do Sol chocan co campo magnético da Terra. Non é fácil aprecialas, xa que existen varios niveis de intensidade e de cores, e entra en xogo a situación metereolóxica e a contaminación lumínica. É por iso polo que, cos ceos nubrados que cubriron Galicia este domingo, non se puido identificar e capturar a aurora boreal. Sen embargo, haberá máis oportunidades, e hai maneiras de planificar a súa contemplación. Por exemplo, Campo deriva ao observador a páxinas como Space Weather Live onde se poden comprobar os pronósticos de auroras boreais.

Publicidade

Fotografía da aurora boreal realizada polo Observatorio de Calar Alto, en Almería. Crédito: Gerd Baumgarten & Michael Priester (AIP) / Jens Helmling (CAHA)

“Dende Galicia tivo que verse da mesma maneira que na foto de Almería, cun pequeno resplandor no horizonte. O que se ve non se aprecia como no norte, que se enche o ceo de luces verdes”, explica o tamén investigador da Universidade de Santiago (USC). “Aparece de cor vermella porque é o que se produce nas capas máis altas da atmosfera. Entón é maís fácil de ver en zonas máis alonxadas dos polos. As cores verdosas que se ven preto do polo se producen en capas máis baixas. A menos que se produza unha tormenta enorme, non ser verá desa maneira dende Galicia”. A tonalidade varía en función coas moléculas coas que interacciona o vento solar: cada unha delas produce unha cor totalmente diferente.

Tempo de aurora boreais

Estamos entrando no período de máxima actividade solar. “O vento solar emite con maior intensidade, e incluso pode emitir execcións de masa coronal, que son grandes expulsións de materia que cando chegan a nós producen auroras moito máis intensas e máis alonxadas dos polos”, comenta Pedro Pablo. A temporada comeza en verán, dende finais de agosto e mediados de abril no hemisferio norte, e de maio a setembro no hemisferio sur. Segundo as estatísticas, a primavera e o outono son as estacións que maior actividade rexistran de auroras boreais, aínda que sexa posible que aparezan nos ceos durante novembro, decembro, xaneiro e febreiro.

Publicidade

Este é un dos fenómenos máis sorprendentes do planeta, tanto para os astrónomos como para os aficionados. En Galicia existen varios rexistros sobre a aparición destes brillos nos ceos nocturnos. En 1850, os veciños de Vigo asustáronse por unhas luces que relacionaban coa aparición do demo. Moito tempo despois, en plena Guerra Civil, unha aurora avermellada puido apreciarse en toda a Península Ibérica. Nos xornais publicouse que en Lalín, onde vivía o astrónomo Ramón María Aller, os veciños correron asustados ás súas casas. Agora, son miles de persoas as que desplazan a zonas como Islandia para poder velas e fotografialas. Hoxe, a NASA elixe como a foto do día a aurora boreal vista dende Estremadura. Dende o Observatorio da USC afirman que poderán verse dende Galicia, basta con previsión, alonxarse da contaminación lumínica e axeitar os ollos á escuridade para poder velas. Iso si, a súa cor probablemente será vermella ou púrpura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A máis chuvia, máis flores?

Florecer non é simplemente “ter auga suficiente”, senón o resultado dun delicado axuste entre múltiples sinais ambientais

O segredo das flores: como saben as plantas que chegou a primavera?

Un estudo realizado en Reino Unido confirma que a floración en xeral adiantouse unha media dun mes desde os anos oitenta, sobre todo nas especies herbáceas

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Destinos Starlight en Galicia: lugares cruciais para desfrutar das novas choivas de estrelas

As Leónidas acadarán o seu punto álxido o próximo 17 de novembro cunha Lúa que favorecerá a súa visibilidade que dependerá da meteoroloxía