Venres 29 Marzo 2024

A ciencia ao rescate da memoria dos 18 asasinados na foxa de Vilagarcía

Un equipo interdisciplinar inicia os traballos de exhumación no cemiterio municipal, tratando de atopar os restos dos represaliados entre 1936 e 1937

Josefina, Antonio, Rodrigo, Pilar, Manolo, Avelino. Tiñan nome, tiñan rostro e tiñan voz. Son só cinco das dezaoito persoas asasinadas polos golpistas entre 1936 e 1937 en Vilagarcía, cuxos restos aínda permanecen nunha foxa común, á espera de que a memoria os rescate do esquecemento. O primeiro paso xa está dado. Acaban de comezar os traballos de exhumación no cemiterio municipal, coa esperanza de que aparezan. “Non é fácil xestionar as emocións. Dáme medo que non se atope nada”, di Margarita Teijeiro dende O Faiado da Memoria, a asociación que leva décadas investigando a vida destas persoas.

A actuación, que se está a levar a cabo grazas ao convenio establecido entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), conta co financiamento da Secretaría de Estado de Memoria Democrática. Nela está a traballar todo un equipo multidisciplinar, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, do grupo Histagra. Está acompañado polos equipos que tamén lideran o arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense Fernando Serrulla e o xenetista Ángel Carracedo. O seu obxectivo: rematar coa incerteza.

Publicidade

Un traballo complexo

“É unha foxa complexa, non podemos prometer ningún resultado”, di Serrulla. Segundo continúa explicando, os cemiterios son espazos complicados porque se están a reutilizar constantemente. “Non sabemos se encima desa foxa común se contruíu unha fila de nichos ou un paseo. Hai unha gran cantidade de capas de memoria, de terra, de cambios, de contrucións e de destrución. Non é chegar, furar e atopar“, apunta Fernández Prieto, que volve sinalar o complicado desta intervención. Ademais, moitas das pistas poden estar borradas.

“Hai unha gran cantidade de capas de memoria, de terra, de cambios, de construcións e de destrución”

O grupo de historiadores non só revisou a documentación, como os rexistros civís e os libros de cemiterio, senón que tamén consultaron fontes orais. Entrevistáronse cos enterradores máis vellos posto que, algúns deles, coñeceron aos que traballaban alí no 1936. Mais toda esa información tense que tomar con cautela. “Arredor do 40% das exhumacións en cemiterios nunca se atopan. Como exemplo: aí tendes a Lorca”, incide Fernández Prieto. E insiste en que hai demasiados intentos “dos verdugos” por borrar o rastro do que fixeron. Con esta actuación, só intentan resolver a confusión memorial. “Queremos atopar os restos para que os familiares saiban onde están e este espazo se converta nun espazo de memoria“, apunta o coordinador da exhumación.

Sentimentos enfrontados

“Por unha parte sinto alegría, porque o simple feito de abrir é unha maneira de reparar e de homenaxear. Por outra parte, tristeza: por como viviron os últimos días, dando a vida por ideais que hoxe son normais”, di Margarita Teijeiro, que leva anos indagando na vida de todas esas persoas que foron asasinadas. Ela tamén recoñece que se trata dunha foxa complexa, xa non só por como cambiou o cemiterio nos últimos 80 anos. Tamén polas fontes consultadas. “A principios dos 40 foron ás casas dos familiares a dicirlles que tiñan que pagar para enterralos durante cinco anos nunha foxa individual. Como non tiñan cartos, os outros tirábanos ás foxas comúns e as viúvas ían alí cada certo tempo a poñerlles flores. Pero en realidade non sabemos se os tiraron a unha foxa común, a un osario…”, explica Teijeiro, recoñecendo que as expectativas non son boas.

“Sinto tristeza por como viviron os últimos días, dando a vida por ideais que hoxe son normais”

Polo de pronto, os traballos continuarán durante, polo menos, unha semana. Empezaron a escavar nunha esquina do cemiterio coa intención de ir situando as exhumacións e saber se algunha delas se corresponden cos cadáveres que andan a buscar. Unha das claves, malia a dificultade desta foxa, achégaa Serrulla. “É posible que poidamos encontrar o que buscamos se atopamos restos en posición secundaria”, di o antropólogo forense. É dicir, os individuos que non son soterrados xusto despois de morrer, senón anos despois, non teñen os ósos colocados en posición anatómica. Esa sería unha pista. Tamén, aqueles cadáveres que mostren signos de violencia, posto que foron asasinados por disparos de arma de fogo.

Os dereitos humanos

Fronte á dificultade, “hai que intentalo”. Así o di Serrulla. “Esta actuación está ao abeiro dos dereitos humanos. É dicir, o dereito que ten toda persoa a ser enterrada con dignidade. Que as familias que reclaman ás vítimas poidan finalmente descansar e pasar a pena como corresponde“, recoñece o antropólogo forense, ao tempo que asegura que esta parte da medicina forense aínda ten que empezar a activarse. “Hai máis foxas en Galicia. Hai unha en Celanova, a dos asturianos. A filla dun deles ten 93 anos e leva 50 intentado localizar a seu pai. Pronto irei a Gijón a recollerlle unha mostra de ADN. Non quero que ela morra pensando que non o estamos intentado“, di Serrulla.

“É unha actuación ao abeiro dos dereitos humanos. Do dereito que ten toda persoa a ser enterrada con dignidade”

Se se chegan a atopar os restos na foxa de Vilagarcía, habería que extraelos arqueoloxicamente e levalos ao laboratorio. Alí, e unha vez limpos e estudados, verase se poden ser compatible con cada unha das familias. Tamén está previsto que se fagan cotexos de ADN entre os cadáveres atopados e os descendentes vivos. Desa parte ocuparase o equipo de Ángel Carracedo. Porén, Serrulla advirte que son “80 anos de degradación no solo” e que cabe a posibilidade de que non se poida extraer ADN dos ósos.

Un equipo interdisciplinar

Outro dos aspectos a salientar é a forma na que se está levando a cabo esta exhumación. É dicir, con todo un grupo interdisciplinar detrás. “Xa era hora de facelo desta maneira”, di Fernández Prieto. Esta actuación estase levando a cabo seguindo un protocolo deseñado en Galicia hai 13 anos. Non obstante, nunca se puxo en práctica, tan só nunhas escavacións no Val Miñor á altura do 2009. O punto forte está xustamente na mestura de disciplinas, co traballo coordinado de historiadores, arqueólogos, antropólogos e xenetistas forenses. “Por fin temos un proceso de exhumación onde traballan equipos expertos. Isto é unha garantía porque os poderes públicos tamén se están a facer cargo”, sinala Fernández Prieto.

“Por fin temos un proceso de exhumación onde traballan equipos expertos”

“A min non me gusta a palabra dignificar porque en realidade prefiro falar de recoñecemento e de creación de espazos de memoria”, apunta o coordinador da actuación. E recorda que, en realidade, nesa foxa común había 19 persoas, mais unha delas xa foi exhumada hai anos pola súa familia. “Nós só tiñamos constancia de 16 porque hai outros dous que non aparecían na documentación. Pero si dan conta diso as familias e a memoria de Vilagarcía”, sinala o historiador.

O Faiado da Memoria

Unha memoria que permanece viva grazas a Margarita Teijeiro e a todas as persoas que están detrás de O Faiado da Memoria. A investigación das 70 persoas asasinadas en Vilagarcía rematárona a comezos do 2000 e pouco despois, coa axuda do Concello, construíron un momumento para homenaxealos. Talvez encontralos sexa outra maneira de renderlles tributo, por iso se están a levar a cabo eses labores no cemiterio, para atopar o que a documentación e as testemuñas orais describen na foxa común. E é que, detrás de cada un deses nomes, escóndese unha historia.

Teijeiro fala da figura de Pilar Fernández Seijo, unha das dúas mulleres asasinadas e que se pensa que está na foxa común. “Era unha muller moi libre para a época, moi concienciada. Tiña dúas fillas das que coidaba un familiar e ela vía que a República non só traía melloras laborais, senón tamén para a muller”, describe Teijeiro. Ela formaba parte da cuadrilla de “O Gitano” e refuxiáronse no monte ata que foron asasinados varios dos membros do grupo. “Nicolás Barcala, nun artigo dos 80, dicía que era a muller que mellor tiraba con pistola de toda Galicia”, sinala a investigadora.

“O Gitano”

Outro dos asasinados foi “O Gitano”, “a cabeza do sindicato e dos avances na Arousa”, segundo as palabras dadas dende O Faiado da Memoria. De feito, ela di que mentres non o capturaron, non acabou a guerra na zona. “Tardei anos en descubrir o seu nome, ata que din con Rodrigo Berruete Alejandre“, di Teijeiro. Curiosamente, un dos membros da súa cuadrilla foi Antonio Sayanes Otero, que naceu o mesmo día e no mesmo lugar que “O Gitano”. A asociación vilagarciá ten rexistrada, deste último, unha carta que lle escribiu á súa muller e na que xa sospeitaba o que ía acontecer.

“Tardei anos en descubrir cal era o nome do Gitano”

Tamén están Manolo Limeres e Josefa González Barreiro. Desta última, Teijeiro di que a tiveron que sentar nunha cadeira para matala. “Quen sabe se era porque xa a torturaran ou porque ela non podía máis”, apunta a investigadora. Hai anos, Teijeiro atopou á única neta de Josefa, unha muller que vive en Francia. Coñecéronse en persoa e levouna ao cemiterio, ao lugar onde é posible que se atope a súa avoa. Unha muller á que tamén levaba buscando anos.

A memoria histórica

Hai tantas historias como asasinados. E tantas familias desexosas de recuperar a memoria. É o caso dos descendentes de Avelino Fuentes. O seu bisneto é o alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, quen declarou o seguinte: “É importantísimo para a memoria histórica, para quen estaba intentando vivir a súa vida con normalidade. Esperamos que se atope ao meu bisavó e por fin o poidamos traer para A Illa“, sinala Iglesias. Os labores e a esperanza continúan.

“Esperamos que se atope ao meu bisavó e por fin o poidamos traer para A Illa”

Está previsto que esta non sexa a única foxa común sobre a que se actúe e espérase que os traballos de exhumación continúen en Crecente. Alí hai unha de cadáveres que, seguramente, viñan de Arnoia e chegaron polo río. Así o describe Fernández Prieto. “Hai dous que sabemos que están debaixo do río porque cambiou o seu curso e outro está soterrado no cemiterio. Tamén queremos colaborar cos que escavaron a foxa de Aranga. Aí sería facer só as análises de ADN”, apunta o historiador.

Recoñecer as vítimas

Polo de pronto, os traballos continúan en Vilagarcía, coa esperanza de atopar o que un día foi soterrado. O escenario é complicado, pero as familias manteñen un raio de luz, esperando que se faga a xustiza da que fala Serrulla. Teijeiro segue esperando que se atopen os restos, coas expectativas baixas, tratando de darlle o mellor colofón a unha investigación de anos. E Fernández Prieto insiste en que esta actuación serve para recoñecelos, porque dignos foron sempre. Talvez, mentres non se atopen, poidamos repetir os seus nomes. Por iso de non esquecelos. Josefina, Antonio, Rodrigo, Pilar, Manolo, Avelino. E todos os demais.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Ángel Carracedo: “O Proxecto Xenoma Galicia é o máis ambicioso do mundo”

A iniciativa recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco e para anticiparse ás enfermidades

Ángel Carracedo: “Divulgar na miña terra? Teño claro que en galego”

O xenetista fai un repaso da súa traxectoria como líder dun laboratorio que é referencia internacional en Ciencias Legais en Forenses

Un novo relato da Guerra Civil en Galicia: “Nada facía pensar que o golpe triunfaría aquí”

Científicos das tres universidades galegas propoñen un novo relato da guerra e da ditadura baseado na memoria soterrada dos vencidos