A temperatura media da provincia da Coruña aumentou 0,7ºC nos últimos 30 anos

Analizan os efectos do cambio climático recente ao abeiro do proxecto ClimaCO, desenvolvido pola fundación Matrix en colaboración coa Deputación

Os efectos do cambio climático xa se deixan notar. Así o establece un estudo desenvolvido pola Fundación Matrix en colaboración coa Deputación da Coruña, onde se determina que a temperatura media anual da provincia incrementouse en 0,7ºC nos últimos 30 anos. A investigación recolleu datos de diferentes concellos e analizou as temperaturas en dous grandes períodos climáticos: o primeiro entre 1961 e 1989; o segundo entre 1991 e 2019. Se unha se detén a analizar os aumentos nas mínimas e nas máximas, verá que as primeiras experimentaron un incremento máis pronunciado (+0,8ºC) fronte ás segundas (+0,6ºC).

Este estudo realizouse ao abeiro do proxecto ClimaCO, unha iniciativa que busca concienciar acerca do cambio climático á xente máis nova. Entre outras actividades, impartiranse charlas ao alumnado de Bacharelato da provincia da Coruña. O seu relator será o investigador especialista en Climatoloxía da Fundación Matrix, Alberto González. O seu principal obxectivo será transmitir ao alumnado cal é o estado actual do clima na área de estudo e cales son os seus cambios máis recentes. Estas conferencias, que xa se están impartindo e se darán por vía telemática, tamén se celebrarán ao longo do mes de decembro.

Publicidade

Concienciar do cambio climático

Segundo indican dende a Fundación Matrix, unha das súas metas principais é que “os alumnos sexan conscientes da realidade do cambio climático dende unha perspectiva local”. Así, búscase fomentar neles os comportamentos sostibles como o coidado do medio ambiente e a redución das emisións de dióxido de carbono. Dende Matrix apuntan que só na provincia coruñesa, as emisións deste gas superan os 2,8 millóns de toneladas de CO2 ao ano.

Infografía dos cambios nas temperaturas na provincia da Coruña. Foto: Fundación Matrix
Infografía dos cambios nas temperaturas na provincia da Coruña. Foto: Fundación Matrix

Outra das iniciativas que teñen previstas nesta nova fase do proxecto ClimaCO é a ampliación do Atlas do cambio climático recente. Unha ferramenta na que a Fundación Matrix recompila todos os datos relativos a este fenómeno e os seus efectos sobre a provincia da Coruña. A nova información cuantitativa que se incorporará a este recurso será a unha escala espacial moi concreta: a parroquial.

Publicidade

“O cambio climático é unha realidade incuestionable e a provincia da Coruña non é unha excepción. Queremos levar os resultados desta investigación local aos máximos centros educativos e institutos posibles, para concienciar aos mozos e mozas da importancia de comprometerse na loita contra o cambio climático“, sinala o investigador Alberto González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana

Glaciares sacros e plantas rituais: o que o cambio climático está levando por diante

O fenómeno ameaza culturas de todo o mundo que teñen moi pouca responsabilidade nas súas causas e que ás veces o ven como un "castigo divino"

Betanzos rende homenaxe ao seu pasado como capital galega do lúpulo

A segunda edición da festa, impulsada pola Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 13 de setembro a tradición con catas, 'showcookings', concertos e visitas aos campos de cultivo

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas