Como inflúen as especies arbóreas no solo? Un estudo analiza os seus efectos en Rianxo

A investigación da USC mostra que os terreos baixo eucalipto teñen un contido de auga medio do 13%, significativamente menor que o das matogueiras

Os solos forestais son sumidoiros de carbono fundamentais, nos que as comunidades microbianas xogan un papel clave na estabilidade da materia orgánica e na provisión de numerosos servizos para o ecosistema. A vexetación, pola súa parte, inflúe de maneira decisiva nas propiedades fisicoquímicas e biolóxicas do solo. Co obxectivo de afondar no efecto que diferentes especies arbóreas exercen sobre estas propiedades, investigadores da Universidade de Santiago (USC) están a traballar para dar resposta a esta cuestión e así identificar as especies máis adecuadas para cada tipo de terreo.

O estudo enmárcase nun proxecto da Fundación Biodiversidade, financiado polo Plan de Recuperación, Transmisión e Resiliencia da Unión Europea dentro dos fondos Next Generation. A investigación desenvólvese en colaboración coa Plataforma pola Defensa do Monte que agrupa a varias comunidades de montes da área de Rianxo, afectadas polos incendios forestais de 2019. Tras aquela vaga de lumes, os propietarios mostraron un forte interese en previr futuros incendios e recuperar o valor ambiental e produtivo dos seus terreos.

Publicidade

Segundo explica Ana Barreiro, investigadora do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, estes propietarios están a explorar usos alternativos do territorio: “Están eliminando especies invasoras como as acacias ou substituíndo monocultivos de eucalipto por outras plantacións coma os castiñeiros”, indica. O obxectivo é crear descontinuidades na paisaxe que actúen como barreiras naturais fronte ao lume, contribuíndo á resiliencia dos ecosistemas forestais galegos.

Unha mostra da área de Rianxo

En colaboración coas comunidades de montes, o equipo responsable do estudo publicado no Spanish Journal of Soil Science procura avaliar o estado actual dos solos: o seu nivel de fertilidade, o grao de degradación e as posibles vías para a súa mellora. Para iso, seleccionáronse diferentes tipos de plantacións distribuídas ao longo da área de estudo.

Publicidade

“Recollemos un total de 54 parcelas nos distintos montes de Rianxo”, explica a investigadora. As comunidades de Campelo Vilar e Cerqueiras, Leiro, Isorna, Fieitoso de Taragoña e Araño foron as escollidas nesta parte do proxecto.

As especies de piñeiro (Pinus pinaster e Pinus radiata), moi representadas na área do estudo, concentraron o maior número de mostras, cun total de 30 solos estudados. Recolléronse tamén mostras sobre outras masas forestais: tres mostras baixo bidueiro (Betula spp.), tres baixo nogueira (Juglans regia), sete en castiñeiro (Castanea x hybrida), tres de eucalipto azul (Eucalyptus globulus), cinco en carballos (Quercus rubra e Quercus robur). Tamén se tomaron solos de tres zonas de matogueira, onde se identificaron varias especies, entre elas Ulex europaeus e Erica cinerea.

A selección destas especies arbóreas realizouse baseándose nas masas que están máis representadas nas comunidades de montes e ás que foi posible acceder para a toma de mostras.

Cales foron os principais resultados?

Os resultados do estudo mostran que os solos baixo eucaliptos e bidueiros presentan o máis baixo contido en auga, cunha media do 13% e 14% respectivamente. Esta cifra contrasta cos valores máis altos observados en solos de matogueira, que alcanzan o 27%, explica Ana Barreiro.

Con todo, este é un tema que xera debate. Mentres que varios autores destacan a elevada capacidade dos eucaliptos para extraer auga, outros sosteñen que o esgotamento hídrico desta especie é un mito. Ademais, a idade das plantacións tamén resulta determinante, e no estudo observouse un amplo rango de variabilidade neste aspecto.

A capacidade do bidueiro para extraer auga, en cambio, está mellor descrita na literatura científica. No estudo, ambas as especies analizáronse en rodais sobre solos pouco profundos, que tamén sufriron o impacto da vaga de lumes de 2019. O número reducido de mostras limita as conclusións obtidas, pero xa se está traballando con máis masas forestais de distintas especies para ver se se mantén este comportamento.

“Se temos unha zona queimada previamente, o impacto a longo prazo pode traducirse nun menor contido de auga no solo“, debido principalmente a perda de materia orgánica, explica Barreiro. No caso dos piñeiros, algunhas plantacións resultaron afectadas polos incendios e outras non, polo que o efecto destes lumes pode ser relevante nas cifras obtidas. Ademais, a investigadora da USC sinala que os resultados parecen depender do manexo da plantación e da forma na que foron establecidas.

Menos materia orgánica e respiración

A partir dos resultados obtidos, os investigadores da USC analizaron parámetros adicionais para describir o impacto das distintas especies vexetais nos solos. Por exemplo, os solos baixo bidueiros e eucaliptos mostraron os valores máis baixos en materia orgánica do solo (MOS), con porcentaxes de 12,1% e 12,9%, respectivamente fronte ao rango de 15% a 21% obtido no resto das especies. Estas cifras máis reducidas poderían ser consecuencia dos incendios sufridos previamente, do manexo do solo ou dunha maior retención de auga baixo outras especies.

En relación coa actividade microbiana, as taxas de respiración máis altas rexístranse en especies caducifolias, como bidueiros, castiñeiros, nogais e carballos. En contraste, nos piñeiros, matogueiras e, especialmente, nos eucaliptais, estas taxas son máis baixas. Segundo os investigadores, isto pode deberse a unha modificación da estrutura da comunidade microbiana nestas plantacións, concretamente a unha diminución no predominio de fungos. Ademais, como sinala Ana Barreiro: “Isto seguramente estea relacionado coa cantidade de materia orgánica e a de humidade do solo: canta máis materia orgánica, máis humidade e maior respiración microbiana“.

Un condicionante: o historial previo do solo

“A nosa hipótese inicial era que as diferentes especies arbóreas terían un efecto importante nas propiedades biolóxicas do solo“, explica Ana Barreiro. Con todo, non se observaron todas as diferenzas destacables que esperaban nas taxas de respiración ou nas actividades enzimáticas do solo.

Isto pode estar relacionado co historial previo destes terreos. As áreas de plantación de eucaliptos e bidueiros sufriron incendios, e, como apunta a investigadora, “un incendio fai que se perda materia orgánica, polo que estes solos teñen menos capacidade para reter a auga“. Ademais, a falta de diferenzas destacables tamén pode estar relacionada co limitado número de mostras recollidas baixo algunhas especies.

Futuras liñas de investigación

Debido ás consecuencias ecolóxicas que poden derivar de determinadas plantacións de especies inflamables, como o eucalipto, Ana Barreiro sinala que a primeira medida debería ser coñecer o historial previo do terreo antes de plantar, para anticipar posibles efectos a longo prazo. Moitas veces, isto depende das características do solo: “Os máis areosos reteñen menos auga, e os máis arxilosos máis”, explica.

É importante considerar aspectos como incendios anteriores, especies plantadas previamente ou se a zona pasou de ser agrícola a ser forestal. “É un factor moi común debido ao abandono rural“, engade a investigadora da USC. No caso de terreos afectados por incendios, Barreiro recomenda esperar un tempo antes de realizar novas plantacións para que o solo se recupere. “Pisotear o solo ou facer escavacións non sería favorable”, aclara.

A partir desta primeira aproximación, o seguinte obxectivo é ampliar a investigación. “Son resultados preliminares, cun tamaño de mostra moi pequeno”, sinala Ana Barreiro. Nun futuro, a investigadora espera analizar un maior número de mostras, con idades diversas, localizadas en distintas altitudes e con historias previas variadas, co obxectivo de obter unha visión máis ampla e xeral do fenómeno.


Referencia: Effect of Different Tree Plantations on the Chemical Properties and Microbial Activity in Galician Forests Soils (Publicado en Spanish Journal of Soil Science)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE