Unha sucesión de frontes deixará chuvias “inusualmente altas” en Galicia toda a semana

O desprazamento dunha potente borrasca atlántica deixará abundantes precipitacións, sobre todo a partir deste mércores 18

Volven as chuvias a Galicia e, segundo os últimos prognósticos, regarán o territorio durante toda a semana. Unha potente borrasca situada ao oeste da Península, sobre as Azores, irase desprazando cara ás illas Británicas. Como consecuencia do seu movemento, unha sucesión de frontes chegará ao oeste peninsular, deixando abundantes precipitacións en Galicia. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a borrasca atlántica achegarase máis á península a partir do mércores e do xoves, enviando “frontes bastante activas que regarán xenerosamente o oeste”. Engaden, ademais, que a acumulación de chuvia nesta zona pode ser “inusualmente alta”.

De todas formas, os servizos de meteoroloxía informan de que é preciso manterse atento ás actualizacións das predicións, posto que aínda hai “certa incerteza”. Dende Meteogalicia confirman estes prognósticos, asegurando que haberá chuvias durante toda a semana como consecuencia dunha sucesiva chegada de frontes. De feito, para mañá martes declarouse a alerta amarela por precipitacións para a provincia de Pontevedra. A advertencia manterase o mércores 18 na provincia de Pontevedra e ampliarase ao oeste, suroeste e interior da Coruña.

Publicidade

A este respecto, a AEMET prognostica que no oeste de Galicia e na contorna occidental do sistema central se superen os 100 litros por m3. E engade que as frontes virán cargadas de humidade debido á achega de vapor de auga dun río atmosférico. “Trátase dunha franxa atmosférica estreita que transportará grandes cantidades de vapor de auga dende o Atlántico subtropical”, indica a axencia meteorolóxica. Os expertos tamén apuntan a que as temperaturas serán “elevadas” polo efecto da borrasca atlántica, que enviará ventos do sur e axudará a manter os termómetros.

Os tons cor salmón e vermello indican altas cantidades de vapor de auga, que se traducirán en chuvias no oeste da península. Crédito. AEMET

Máis precipitacións a partir do mércores

En relación á predición de cara aos próximos días, Meteogalicia prognostica que a principios de semana haberá ceos con nubes e claros e con precipitacións diarias. As temperatruas serán altas para as mínimas e normais para as máximas respecto ao habitual nesta época do ano. No que respecta á segunda metade de semana, Galicia seguirá na influencia das baixas presións con ventos que manterán a probabilidade de precipitacións “significativamente altas”, especialmente nas provincias atlánticas. Pola súa parte, as temperaturas non experimentarán grandes cambios.

Publicidade

A incerteza aumenta á hora de predicir o tempo de cara á fin de semana, pero a AEMET espera que a península continúe baixo a acción da borrasca atlántica e as súas frontes asociadas, con ceos con nubes e claros e precipitacións, “máis intesas e persistentes en zonas de Galicia” e outros puntos da península. A partir do luns 24 de outubro espérase que diminúa a intensidade e a frecuencia das precipitacións en xeral, malia que poderán seguir sendo persistentes no oeste e sur de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla