“A proximidade de Galicia e Portugal converteu a Inés de Castro nunha cuestión política entre reinos”

A escritora Isabel Stilwell.

Por Víctor López

A figura de Inés de Castro, a raíña galega despois de morta, xera en Portugal multitude de manifestacións artísticas. Unha das últimas é a de Isabel Stilwell (Lisboa, 1960), xornalista, escritora de best seller con novela histórica como a que publicou sobres Inés de Castro o pasado ano, na que leva engadido ao título ‘Espía, amante e Raíña de Portugal’. A súa visión recolle os feitos da vida de Inés e ficciona o que puido ter acontecido naquel momento, chave para o posicionamento político de Galicia na península. 

Publicidade

—Canto é realidade e canto ficción na súa novela Inés de Castro?

—Eu son xornalista e, sexa no presente ou no pasado, a miña tarefa é buscar os feitos. Despois debo aplicar a eses feitos plausibilidade e para iso é preciso coñecer moi ben a época, porque se non aquilo que ficcionamos deixa de ser plausible. Así que daquilo que non atopo feitos podo establecer unha hipótese, unha teoría, pero non pode saír nunca do encadramento do tempo e da época.

—Que fontes históricas utilizou para a documentación da súa obra?

—O que non quería era falar do amor de Pedro I e Inés de Castro, nisto non estaba interesada. Por iso busquei fontes máis secas e non fun ler a Luís de Camões, nin poemas, nin todo o que se fixo de novela sobre Inés. Quería saber quen foi e por que sucedeu a súa morte naquel contexto e aquel tempo. As miñas primeiras fontes foron moi áridas. López de Ayala, as crónicas de Alfonso XI, moitas veces difíciles de ler. Pero quería encontrar aí e nas vidas paralelas á de Inés, como María de Padilla, que foi esposa de Pedro I de Castela, e tamén sobre Leonor de Guzmán, a famosa amante que vai dar orixe aos Trastámaras e que, ao contrario de Inés, era unha segunda raíña de Castela. Fun a fontes primarias e logo a todo o que todos os historiadores escribiron sobre Inés, Pedro, ou Alfonso XI, que é moi importante neste contexto.

—Vostede reivindica o papel principal de Inés de Castro, pero a novela reflicte como debe obedecer o que diferentes homes esperan dela: o seu curmán João Afonso, o seu pai Pedro Fernández de Castro, o rei Afonso IV e o propio infante Pedro. Realmente pódese dicir que Inés de Castro foi a protagonista e dona das súas decisións e da súa vida?

—As princesas non eran libres. Trataban de fuxir ao que estaba programado e facelo tiña riscos, como que o que teu marido decidise que che cortasen a cabeza. A liberdade era pois moi limitada, por iso no título do meu libro sobre Inés falo dela como amante e espía, porque eu penso que foi colocada no camiño do infante Pedro de Portugal tal e como María de Padilla foi situada no camiño do infante Pedro de Castela. Eran mulleres bonitas, intelixentes, que tiñan un proxecto propio. Inés queria ser raíña, pero para iso necesitaba do apoio dos seus irmáns e do seu curmán Joao Afonso, que era un home moi poderoso preto de Pedro o Cruel ou o Xusticeiro. Na miña interpretacion Inés tiña un proxecto persoal e escolleu o camiño, foi vítima porque foi asasinada, pero ela elixiu o que quería ser.

“A Inés de Castro matárona por decisións políticas importantes”

Isabel Stilwell, escritora e xornalista

—¿Que papel tivo no seu destino o feito de que Inés de Castro fose filla dun nobre galego?

—O feito de ser filla bastarda dun nobre galego é moi importante. Creceu na corte dos Alburquerque, pero o seu pai estivo sempre presente. Ela é Castro e o seu cartón de visita é sempre Castro. Serve á súa familia e sérvese da familia. Se non tivese á familia Castro ao seu carón non tería a protección que tiña, pero tampouco constituiría a ameza que foi. Non era o feito de ser concubina dun príncipe o que tiña importancia, nese tempo todos ou moitos dos señores tiñan unha amante. O que a fai importante é que ela se converteu en nai de fillos de Pedro que podían concorrer ao trono de Portugal. No fondo é unha repetición da película do que xa lle sucedera a Afonso IV, o pai de Pedro. Por tanto, quen manda matar a Inés é un home que vivira este drama. Ve á súa nora Constanza humillada por outra muller tal e como lle pasou á súa nai, a raíña santa. Galicia é moi importante. Se estivese lonxe, os nobres portugueses non se sentirían ameazados, pero imaxina o que eses nobres poderían perder se Inés chegaba a raíña, e que esas propiedades fronteirizas pasasen ao poder da familia Castro. E non lles faltaba razón nese medo, porque a pesar da morte de Inés, Pedro I de Portugal concedeu ao irmán de Inés, Alvar Pérez de Castro, os territorios dun dos asasinos de Inés. Esta proximidade entre Galicia e Portugal converteu esta situación nunha cuestión puramente política entre dous reinos.

—Que relevancia histórica tivo realmente Inés de Castro naquel momento?

—Eu penso que Inés só xurde nas crónicas a partir do momento en que é asasinada. Ela non é protagonista de fontes directas. Inés pasaría desapercibida na historia se non chega a ter un papel político relevante. Mandaron matar a Inés porque se puxo no camiño de decisións políticas importantes. A propia irmá de Pedro I mandou matar a Leonor de Guzmán, a amante do seu marido. María de Padilla tivo que ser protexida porque querían matala, o que significa que elas son influentes. Na cabeza de Afonso IV, cando manda matar a Inés, impide que os fillos que tivo co infante Pedro chegasen a ser lexitimados e ser reis de Portugal no futuro, se Pedro e Inés chegan a casar.

Pegada histórica

—¿Que pegada histórica hai hoxe de Inés de Castro?

—Para empezar temos unha pegada extraordinaria no Mosteiro de Alcobaça, onde hai dous túmulos que foron ordenados polo propio Pedro. El quería que a historia quedase contada neles coa imaxe que el tiña dela. Son unha marabilla por todos os detalles que conteñen. Na cabeceira do túmulo cóntanos a historia onde se ve que lle cortaron a cabeza a Inés, e ela no ceo e no inferno os seus asasinos. Logo contamos co Mosteiro de Santa Clara-a-velha en Coimbra, aínda que sabemos por López Ayala que ela non morreu no mosteiro, senón no pazo. Están os xardíns da Quinta das Bágoas, que son parte do pazo. Pedro e Inés teñen paseado moito por eses xardíns. En Monforte de Lemos podemos ver a torre símbolo do poder dos Castro, amais dunha rúa que leva o nome de Inés como homenaxe dos seus paisanos. E na fronteira con Extremadura atopamos o castelo de Lúa, o castelo de Alburquerque, onde poden estar as sementes do odio que levaron á morte de Inés.

Torre da Homenaxe de Monforte, símbolo do poder dos Castro.

—Como cre que tería continuado a relación entre Pedro e Inés se non a matan? Pode pensar que seguiría sendo concubina e se para Pedro se producise un matrimonio máis proveitoso, podería casar con outra muller e Inés nunca tería sido raíña?

—Inés tiña un proxecto claro, igual que a súa irmá Xoana co reino de Castela. Os irmáns de Inés eran moi novos, quen protexía a Inés, e quen tiña plans para ela, era Joao Afonso. Cando Joao Afonso morre, meses despois ela foi asasinada. Algunhas crónicas din que Afonso IV chegou a suxerir a Pedro que casase con Inés e que Pedro se negou porque era un escándalo público. Non sei se Pedro estaría esperando por un casamento máis favorable, mais creo que Inés conseguiría facer valer a súa influencia. Sabemos que a nai de Pedro incluíu aos fillos de Inés en igualdade cos que tivo con Constanza, así que semella que a súa nai xa daba a relación como lexitimada para un casamento. Eu creo que Pedro tería quedado con Inés, pero é xogar á futuroloxía.

O pai de Inés

—Cre que as recreacións de non ficción poden ser prexudiciais dende o punto de vista histórico, ou crear unha narración sen probar? Cales son os límites da ficción?

—Os cronistas da historia non son historiadores, porque lles pagaban por escribir. A única posibilidade de chegar a unha verdade é cruzando informacións, así podemos acercarnos aos feitos. Eu, como lectora de novela histórica, considero que unha boa novela é unha que me deixa entrar e sentir parte dese tempo, e que me recrea en tres dimesións as persoas daquela época, pero só me vale se eu aprendo historia lendo a novela. Hai que contar a historia dos personaxes, pero delimitar claramente onde empeza a ficción. Convén ofrecer a bibliografía para dar a posibilidade de poder descubrir máis. Unha novela histórica ben escrita é unha porta aberta á historia. A historiografía tamén é móbil con respecto a Inés. Se ti les libros de hai dez anos, todos din que foi na comitiva de Constanza Manuel como dama súa para Portugal. Pero cruzando os feitos iso non é posible. Tanto Joao Afonso, o seu valedor principal, como a familia Castro eran inimigos viscerais da familia de Constanza Manuel. Ademais, Constanza dicía que o peor perigo era poñer mulleres bonitas na comitiva dunha princesa. Entón, como é posible que vindo da familia do seu inimigo, e sendo fermosa, puidese chegar a Portugal como dama de Constanza? O pai de Inés tiña relacións moi fortes en Portugal, puido perfectamente ter entrado no país por outras formas, pero non pola historia da mellor amiga de Constanza, como se ten contado.

“Inés tiña un proxecto claro, igual que a súa irmá Xoana co reino de Castela”


BBR1. Un reino agochado
BBR2. Vellos líderes de tribo
BBR3.Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller

Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022