Xoves 28 Marzo 2024

As mortes por calor en Galicia aumentaron un 500% no último ano

Dende maio de 2022 rexistráronse máis de 230 falecementos polas altas temperaturas, segundo o Instituto de Salud Carlos III de Madrid

Galicia rexistrou 234 mortes atribuíbles á calor dende maio de 2022. O ano anterior, tan só se notificaran 47. Estas cifras revelan que nos últimos 12 meses, os falecementos debidos ás altas temperaturas aumentaron un 500%. Así o recolle MoMo, o sistema de monitorización da mortalidade diaria do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), que depende do Ministerio de Sanidade. Esta plataforma analiza o impacto de calquera evento de importancia na saúde pública e relaciónao coas series históricas de falecementos. E un dos acontecementos que máis atención e preocupación acapara nos últimos anos son, precisamente, os falecementos debidos á calor.

Os días nos que máis mortes se rexistraron en Galicia a causa das altas temperaturas coinciden co da vaga de calor máis extensa e intensa dos últimos anos, que se produciu a mediados de xullo de 2022. Sen ir máis lonxe, a estatística estima que o 16 de xullo se puideron producir 14 falecementos a causa da calor e, polo tanto, o día no que se notificaron un maior número de mortes. O exceso de mortalidade atribuíble á temperatura comeza a reducirse a partir de mediados de xullo, pero volve ascender a comezos e finais de agosto. Estes tres picos, xunto con outro na segunda quincena de xuño, sitúan en 234 mortes por calor o balance final do período que vai dende maio de 2022 a maio de 2023.

Publicidade

Gráfica das mortes atribuíbles ás temperaturas dos últimos cinco anos. Foto: MoMo

Estes datos quedan moi lonxe dos seus equivalentes en 2021-2022. Nese ano producíronse máis mortes por frío —125 en total— e 47 por calor. Ao respecto desta última cifra, os índices máis altos de mortalidade déronse tamén nos meses de verán, pero de forma menos continua e máis espallada que durante o 2022-2023. Por exemplo, entre o 13 e o 22 de xuño de 2021 producíronse ata dúas mortes por día a causa da calor. Algo semellante aconteceu a mediados de xullo dese mesmo ano. De novo, volve haber uns días de maior exceso de mortalidade atribuíble á temperatura en agosto e na primeira quincena de setembro. Pero o balance final, situado en 47, queda moi lonxe dos 234 falecidos do período seguinte.

A cifra de mortes a causa do calor dos últimos 12 meses está moi por enriba dos números rexistrados nos últimos cinco anos. Se nos retrotraemos ao período 2018-2019, acadáronse os 318 falecementos atribuídos á temperatura. Deles, 194 foron pola calor e 124 por frío. Unha cifra moi alta, pero lonxe das 234 mortes do último ano, nas que influíu decisivamente a vaga de xullo de 2022. Uns números que se reducen considerablemente entre os anos 2019 e 2020, que rexistran de maio a maio 93 falecidos a causa das temperaturas, dos que 80 son por calor e 13 por frío. Finalmente, no período 2020-2021 salientan especialmente as mortes debidas ás baixas temperaturas, concentradas sobre todo en xaneiro de 2021, o mesmo mes no que se produciu o histórico temporal Filomena. As mortes por frío ascenden a 231, lonxe das 132 que causou o calor nese ano.

Os falecementos e as temperaturas extremas

“Unha de cada 100 mortes cardiovasculares pode atribuírse a días con temperaturas extremas”. Esa é a conclusión dun estudo publicado a finais de 2022 e no que participara o investigador Dominic Royé durante a súa estadía na Universidade de Santiago. “Se ben non sabemos a razón de que a insuficiencia cardíaca sexa a patoloxía máis afectada, a súa natureza progresiva como enfermidade fai que os pacientes sexan susceptibles aos efectos da temperatura. Este é un descubrimento importante xa que unha de cada catro persoas con insuficiencia cardíaca é reingresada no hospital dentro dos 30 días posteriores á alta, e só o 20% dos pacientes con insuficiencia cardíaca sobreviven 10 anos despois do diagnóstico”, apuntaban no estudo.

Royé, xunto á súa compañeira Margarita Taracido, tamén desenvolveu un índice biometeorolóxico para coñecer a magnitude das vagas de calor. Durante as ondas, pasar dun día de baixa intensidade a outro de intensidade extrema pode incrementar o risco de mortalidade nun 173% en cidades coma Sevilla. No contexto de cambio climático, fenómenos meteorolóxicos coma este supoñen un perigo para a saúde humana que pode ser letal. Así o reflictía o estudo publicado en 2020 por un equipo interdisciplinar da USC, no que interviran profesionais das áreas de Xeografía Física e Saúde Pública, e que relacionaba a intensidade das ondas de calor coa mortalidade diaria por causas naturais, cardiovasculares ou respiratorias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde