Na Península, as temperaturas estivais están a adiantarse. Convivimos coa sensación de que xa non hai primavera e os termómetros marcan cifras inusuais cada vez con máis frecuencia. Pero se hai unha provincia que destaque sobre as demais neste sentido é Sevilla: en xullo de 1995 rexistrou a temperatura máis alta desde que hai rexistros, 46,6 graos.
Para que a alerta por calor se estenda á poboación, o proxecto ProMETEO, co profesor da Universidade de Sevilla José María Martín Olalla (Ourense, 53 anos) como voceiro, propón reproducir o que se fai con outros fenómenos meteorolóxicos extremos, como os furacáns, e poñerlles nome. En 2023 serán: Yago Sevilla e Xenia Sevilla. “Trátase dun compromiso para protexer a cidadanía e os sectores económicos clave do municipio da calor extrema”, explican na súa web.
Nela tamén destacan que calquera pode ser vulnerable a este fenómeno, aínda que considere que non está dentro do grupo de risco. “Ninguén é alleo para os efectos da calor e calquera persoa, independentemente da súa idade, xénero ou condición física, pode verse afectada. Algunhas das circunstancias que che rodean fan que non debas subestimar o perigo da calor extrema. Procura modificar os teus hábitos ou rutinas nos días máis calorosos”, subliñan.
—De que forma xorde este proxecto internacional?
—O proxecto é unha iniciativa da Alianza para a Resiliencia á Calor Extrema (EHRA, polas súas siglas en inglés) da Adrienne Arsht-Rockefeller Foundation Resilience Center. A EHRA está a implementar un sistema de categorización de eventos de calor extrema baseados no seu impacto na vida social. Xa se emprega en catro cidades estadounidenses (Kansas City, Los Ángeles, Miami, Milwaukee) e estano exportando a cidades doutros países como Atenas, Santiago de Chile e Sevilla.
A Alianza para a Resiliencia está a implementar un sistema de categorización de eventos de calor extrema baseados no seu impacto na vida social
—Como contactan con vostedes para facer o piloto en España?
—Na procura de operadores locais que acheguen sinerxias, a Fundación contactou co Concello de Sevilla, que se sumou á iniciativa como patrocinador, e, á súa vez, contactou coas universidades da cidade para unirse ao proxecto.
—Decidíronse xa os nomes das próximas ondas de calor Yago e Xenia. De que forma se elixen —ademais de pola orde alfabética— e que valor ten darlles un nome?
—A idea é replicar o protocolo de tormentas e furacáns: usar nomes de persoas, alternar masculinos e femininos; usar a orde alfabética, aínda que nós o estamos empregando no sentido inverso.
O obxectivo principal é que a identificación do fenómeno, ao poñerlle nome, axude a que a poboación teña máis conciencia da súa existencia, os riscos que implica e que tomen medidas preventivas. Isto é algo que xa se demostrou coa categorización doutro tipo de fenómenos meteorolóxicos adversos como furacáns ou tormentas.
—Falan dentro do proxecto de medidas temperás fronte á calor que nos espera. Cales serían e en que momento deben implantarse?
Un dos obxectivos esenciais do proxecto é poder avisar á cidadanía para que se prepare ante a chegada das altas temperaturas. Por iso, o sistema monitoriza as previsións meteorolóxicas na cidade con entre tres e cinco días de antelación, o que permite tanto avisar a autoridades locais (concello de Sevilla) e emitir mensaxes de aviso á poboación xeral para que tome precaucións.
O sistema monitoriza as previsións meteorolóxicas na cidade con entre tres e cinco días de antelación
—Como fan chegar esas alertas?
—Cando detectamos a chegada dun fenómeno meteorolóxico extremo trasladamos a valoración do impacto da onda de calor ao Concello de Sevilla para que adopte as medidas que considere dentro do ámbito das súas competencias. Ademais utilizamos as redes sociais e os medios de comunicación convencionais para enviar mensaxes de prevención á poboación xeral.
—Crearon un algoritmo sobre os episodios de calor. Que parámetros ten en conta?
—Desde a previsión de temperatura, á previsión de humidade, presión ambiental e de ausencia ou presenza de nubes. Combinamos estes factores para obter a temperatura aparente media. Posteriormente, construímos un factor de exceso de calor que ten en conta como de cálido é o episodio en relación cos rexistros climáticos da cidade. É dicir, comparamos a temperatura media aparente en tres días co valor do percentil 95 da temperatura media aparente en Sevilla. Despois comparámolo con como de cálido é o episodio en relación coa media do mes anterior.
—E coa saúde humana?
—O primeiro índice relaciónase coa frecuencia con que a poboación da cidade estivo exposta ás condicións previstas e denomínase factor climático: centramos a atención se a temperatura aparente media de tres días é superior ao 5% das temperaturas medias máis altas da cidade. O segundo índice relaciónase co pasado próximo (un mes anterior) e apunta á aclimatación do corpo humano ás condicións do verán.
O produto destes dous índices é o índice global que categorizamos en cinco niveles segundo o seu perigo: analizamos variables meteorolóxicas e mortalidade desde o ano 1995.
Este índice categorízase en varios niveis segundo o perigo que mostrou no pasado
—Está a falarse estes días da previsión do fenómeno de El Niño. Teñen en conta o seu nivel de severidade e consecuencias neste algoritmo?
—No proxecto non temos previsións específicas para este evento pero, obviamente, é unha preocupación que, en definitiva, dá lugar a este tipo de iniciativas.
—Xa existen predicións meteorolóxicas diarias. Como as complementa este proxecto?
—Efectivamente somos complementarios aos tradicionais prognósticos do tempo. Ao estar centrados na cidade de Sevilla, o noso obxectivo é proporcionar información adicional ao concello para que poida implementar as medidas de prevención que considere dentro das súas competencias e, tamén, aos veciños da cidade.
—Hai varios niveis de ondas de calor segundo o perigo que supoñen. Que características teñen da máis á menos extrema?
—Para que entremos en modo de preocupación tense que superar o percentil 95 da temperatura da cidade (41,2 graos en Sevilla, se falamos de temperatura máxima) durante polo menos tres días consecutivos. Isto é un fenómeno infrecuente, pero non estraño. Así que falamos de tres días con temperaturas superiores a 41 graos para que ProMETEO Sevilla empece a mostrar signos de alerta.
Somos complementarios aos tradicionais prognósticos do tempo
Ademais, canto máis alta sexa a temperatura, maior será a nosa preocupación. Se a temperatura creceu moito no último mes, iso engade máis preocupación ao noso sistema. Por citar un exemplo, o verán pasado cando lanzamos o nome da onda de calor Zoe, concorrían de maneira sostida temperaturas medias 3 graos superiores ao percentil 95 e 6 graos superiores á media do mes anterior.
Os factores recollidos polo sistema de monitorización deste proxecto piloto clasifícanse atendendo a cinco niveis: risco moi elevado, risco elevado, impacto medio, impacto medio-baixo e sen impacto. Cada nivel de risco correspóndese cun sistema visual de información e cunha serie de recomendacións que envían á poboación.














