Estamos cantando mal o himno galego? Estes son os “erros” que unha iniciativa lexislativa quere corrixir

As plataformas Vía Galega e Galiza Cultura presentan 16.000 sinaturas no Parlamento para modificar o texto recollido na Lei de Símbolos

Non o sabías? Levas toda a vida cantando mal o himno galego, un dos símbolos indiscutibles da nosa cultura: o poema Os Pinos de Eduardo Pondal musicado por Pascual Veiga. O texto está cheo de castelanismos e deturpacións da lingua das que xa advertiu o seu autor en 1913, pero que un século despois seguen sen corrixirse. Iso é o que denuncian as plataformas Vía Galega e Galiza Cultura, que presentaron esta mañá 15.857 sinaturas no rexistro do Parlamento galego co obxectivo de “restaurar o himno”. “O que aparece na Lei de Símbolos non é o que Pondal escribiu e publicou”, asegura o voceiro de Vía Galega, Anxo Louzao. E explica que dende que o himno se difundiu na Habana, coa súa primeira interpretación en 1907, “o texto apareceu con erros que se foron transmitindo”.

Os factores polos que o poema foi modificado, alterando a escrita orixinal de Pondal, son moi diversos. Os colectivos asinantes apuntan, entre outros, aos linotipistas da prensa cubana, que non coñecían o idioma e comeron grallas á hora de compoñelo e difundilo. Aseguran, ademais, que hai “moitas probas” que demostran que a letra orixinal non coincide coa recollida na lexislación. Así o é a versión orixinal do texto de Pondal, datada en 1890, onde non constan correccións. Tamén as versións manuscritas previas e, incluso, unha carta do propio autor e dirixida a Xosé Fontenla Leal —o gran difusor do himno na Habana—, na que recoñece que o texto ten moitos erros e que é preciso corrixilos.

Publicidade

Como quedaría?

O voceiro de Vía Galega sinalou algúns dos “erros” que convén corrixir no texto. “Se Pondal puxo férridos, non podemos dicir féridos, que é unha palabra que non existe. E se Pondal puxo ignorantes, a ver por que hai que establecer no texto un hiperenxebrismo, unha forma allea ao galego como iñorantes, do mesmo xeito que sós ou clan”, explica. Estas non son as únicas formas que Vía Galega e Galiza Cultura piden corrixir. A continuación, podes comprobar todos os cambios que se aplicarían á letra do himno galego:

A presentación de case 16.000 sinaturas é, para os colectivos impulsores da recollida de firmas, “unha evidencia da necesidade e interese de facer oficial o texto orixinal” do himno. A comisión que promove esta iniciativa, formada por 30 persoas, conseguiu reunir un número moi superior de sinaturas ás que se esixen para que o proxecto se poida tramitar; un límite situado en 10.000. “É unha cuestión de dignidade colectiva, porque ningún país normal pode consentir que o seu himno, a expresión cantada da nación que nos une e que nos identifica para dentro e para fóra, non teña o texto correcto”, conclúe Louzao.

Como soaría?

A plataforma Vía Galega tamén gravou en xuño de 2022 unha versión do himno galego coa letra restaurada. Fíxose no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo. Podes escoitala aquí:

    • Eu como arraiano sei bem do valor que as palavras teim, do muto que importam e achegam ó conjunto dum colectivo e do empenho que os asimilacionistas poin por aniquila-las …por algo será!

      Si queremos continuar vivxs como povo debemos lutar, os bois e xenerosos, por manter viva a memória e a língua… o demais virá só!

  1. Pois tamén terían que corrixir edades por “idades” e des por “deas” . O correcto sería “mais só os ignorantes” e non “mas sós os ignorantes” e sería nación e redención. E postos a corrixir, corrixir tamén o propio título “Os piñeiros”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Efervesciencia visita O Couto coa Fundación Eduardo Pondal

Paxaros, estrelas e ciencia cidadá centran unha nova entrega do programa de divulgación científica

O Banquete de Conxo, unha revolución “poética” en pleno século XIX

O xantar de confraternización entre obreros e estudantes de 1856 volve á actualidade como unha referencia do progresismo en Galicia