Alfonso I da Amazonía, o galego que “reinou” sobre os xíbaros

Fanse 90 anos da xesta que o converteu en heroe do Perú: o rescate do corpo do piloto Alfredo Rodríguez Ballón, estrelado na selva durante a guerra con Colombia

Dunha intelixencia natural excepcional, autodidacta, humanista, aventureiro e… tocado pola fortuna. Así define a Alfonso Graña —Alfonso I da Amazonía ou Alfonso Rei dos Xíbaros—  quen o coñeceu, como o seu paisano Cesáreo Mosquera; quen o admirou na distancia como o xornalista e historiador Víctor de la Serna ou aqueles que investigaron a súa traxectoria vital, como o seu biógrafo, Maximino Fernández Sendín.

Idelfonso (Alfonso) Graña Cortizo, nacido en Amiudal-Avión (Ourense) en 1878, emigra a Brasil con 18 anos, fuxindo da miseria da súa Galicia natal, e acaba convertido no apu (xefe) de máis de 5.000 xíbaros —huambisas e aguarunas—  e “reinando” sobre un territorio de 250.000 quilómetros cadrados na selva peruana durante os últimos 12 anos dunha vida que se apagou en 1934.

Publicidade

Fanse 90 anos dunha xesta que o elevou á categoría de heroe. O 4 de xuño de 1933 arribaban a Iquitos dúas barcazas co corpo embalsamado do piloto Alfredo Rodríguez Ballón e os restos de dous hidroavións de Forzas Aéreas Peruanas caídos, meses antes, nos dominios de Graña, no alto Marañón, cando sobrevoaban a zona no marco do conflito bélico que este país mantiña con Colombia.

A proeza aplaudida polos habitantes de Iquitos e as autoridades militares tivo compensación: unha importante dotación económica (en diñeiro, combustible e mercadorías) e o nomeamento simbólico do goberno peruano como Alfonso I, Rei da Amazonía, que o dotaba  “oficialmente” de soberanía sobre o territorio que controlaba  “de facto” desde unha década antes.

Publicidade

O acontecido chegou a este lado do Atlántico grazas ao testemuño recollido por Cesáreo Mosquera do propio Graña e que remitiu ao xornalista Víctor de la Serna, quen no diario “Ya” glosaba o sucedido nos seguintes termos: “… un día, polo Amazonas, descendeu, unha balsa estraña. No seu centro, unha especie de túmulo, cuberto de follaxe. A popa as bandeiras de Perú e España a medio mastro (…). Graña atopara o cadáver do aviador, embalsamárao, metérao nun rico cadaleito de olorosas madeiras da xungla e devolvíao á súa patria. Marabilloso xesto de señor, polo que o Goberno de Perú confirmoulle o goce exclusivo e perpetuo das salinas do seu reino e autorizouno para seguir dominando a zona”.

“É a súa unha historia apaixonante, só falta unha película baseada neste galego único e irrepetíbel”.

MAXIMINO FERNÁNDEZ SENDÍN, biógrafo

Ao ano seguinte, en 1934, Alfonso Graña falecía dun cancro de estómago no interior da selva amazónica na que teceu a súa lenda e na que quedou para sempre.

“É a súa unha historia apaixonante, só falta unha película baseada neste galego único e irrepetíbel” subliña Maximino Fernández Sendín, autor da biografía Alfonso I da Amazonía. Rei dos Xíbaros (2005). O relato e a extensa documentación que o sustenta suscitou o interese da Real Academia da Historia, que solicitou a Sendín unha recensión para incluílo na listaxe dos 40.000 personaxes máis importantes da historia hispana.

Como explica Fernández Sendín, tres persoas foron determinantes para coñecer a historia de Alfonso Graña: o seu amigo Cesáreo Mosquera, propietario da librería “Amigos do País” de Iquitos, punto de encontro da colonia española, quen recolleu con entrevistas o testemuño da vida e os coñecementos de Graña, así como a dos indios que o acompañaban nas súas visitas comerciais á cidade. Víctor de la Serna o historiador e xornalista do diario Ya, receptor das cartas e informacións de Mosquera e quen o alcumou por vez primeira como “Rei da Amazonía” e  o capitán Francisco Iglesias Brage, quen de maneira indirecta puxo o foco sobre este home ao promover a iniciativa Expedición Iglesias ao Amazonas, e que ía ser o “proxecto científico máis relevante de España”, abortado pola Guerra Civil.

A súa historia

Alfonso Graña, co seu fillo. Foto. Fernández Sendín

Alfredo Graña, un dos tantos fillos da emigración da Galicia, chegou a Brasil a finais do século XIX e tras recalar en Belém de Para e Manaos, trasládase a Iquitos (Perú) en 1910 atraído polo ouro e a febre do caucho. Alí coñece e establece amizade co tamén ourensán Cesáreo Mosquera, fundamental na divulgación das súas actividades.

En 1922 após da crise do caucho decide deixar atrás “a civilización” e adentrarse río arriba, xunto a un amigo, na procura de oportunidades. O seu destino: o territorio dos temidos xíbaros, coñecidos pola práctica de redución de cabezas, os seus ritos caníbales e o seu odio aos brancos.

Segundo nos relata Maximino Fernández Sendín, cando se atoparon cos indios, os exploradores tiveron desigual fortuna. Mentres que ao seu amigo o matan de inmediato, a Graña respéctanlle a vida “porque se encapricha con el a filla do rei dos xíbaros” coa que casa. Cando morre o sogro sucédelle como “apu” (xefe) da tribo.

O audaz Alfonso Graña asenta o seu poder sobre os xíbaros, aos que seduce coa súa valentía e con actuacións que permiten mellorar a súa calidade de vida, por exemplo, constrúe pequenos muíños de auga, incrementa a produción de sal extraído do río etc.  Ademais, explica Fernández Sendín, “consegue pacificar a relación entre os huambisas e os aguarunas e gaña o respecto duns e outros ao comprar as mulleres e nenos que os propios xíbaros vendían a cambio de armas, para devolvelos ás súas familias”. 

Pasara tempo desde a súa “desaparición” en territorio indio, cando chega a Iquitos unha “xangada” (partida) de xíbaros nas súas canoas cheas de mercadoría para vender na cidade (peixe en salgadura, carne curada e afumada, macacos, sal… e ata exemplares das súas cabezas reducidas). Os iquiteños ven atónitos á fronte da expedición a Alfonso Graña, que é recibido con gran entusiasmo polo seu amigo Mosquera, convertido a partir de entón no “escribidor” da súa vida.

Graña (esquerda) nunha entrevista con Mosquera. Foto. Fernández Sendín

As “viaxes comerciais” repetiríanse un par de veces ao ano e cada estancia na urbe (duns 10 días) deixaba escenas insólitas xa que Alfonso Graña levaba aos indios para curar as úlceras, a comer xeados, a cortar o pelo ou mesmo ao cine. Tamén a eles entrevistaba Cesáreo Mosquera, preguntáballes sobre a flora, a fauna, os seus métodos de curación, costumes…, Información “de utilidade” que remite periodicamente ao capitán ferrolán Francisco Iglesias Brage, para axudarlle a montar a “non nata” Expedición Iglesias á Amazonía. Unhas entrevistas para as que contaba coa axuda como tradutor “dun neno mestizo que falaba unha mestura de español e galego e que podería ser o fillo de Graña” sinala Sendín.

Autoridade “oficial”

Propios e alleos recoñecían o “reinado” de Alfonso Graña no alto Marañón. Foi o caso dos responsables da Standard Oil que en 1926 pactaron con el unha expedición para sondar a existencia de posibles pozos de petróleo nos seus “dominios”, xa que era o único que podía  garantir que os indios non atentarían contras as súas vidas. 

En 1932 tamén recorren a Graña en busca de auxilio os integrantes da Latin Expedition American, unha misión científica cuxos expedicionarios sufriron unha serie de contratempos na selva que os deixou sen víveres e esgotados. El rescatounos e devolveunos á civilización. E en 1933 son as Forzas Aéreas Peruanas as que lle piden que rescate o cadáver do seu piloto. Alfredo Rodríguez Ballón, dá nome, hoxe en día, ao aeroporto de Arequipa, a segunda cidade máis importante de Perú.

Malia escasamente coñecido e recoñecido no noso país, unha placa na que foi a súa casa familiar en Avión (Ourense) lembra que alí naceu Alfonso Graña, quen fuxindo da miseria chegou a ser o Rei dos Xíbaros. Tamén o seu recordo está vivo na Casa Museo Pazo da Cruz, en Covelo (Pontevedra), un museo etnográfico impulsado polo seu biógrafo Maximino Fernández Sendín, no que hai unha sala dedicada a Alfonso I Rei da Amazonía.

  1. Mi agradecimiento a Begoña Márquez por éste artículo tan completo e interesante sobre Alfonso Graña, que contribuirá de forma destacable a la difusión de la vida del gallego rey de los jibaros y con el anhelo de una película..

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea

Da Gallaecia á Galicia contemporánea: coñece a historia a través dun mapa interactivo

A aplicación Time Travel permite explorar personaxes, reinos, fronteiras e acontecementos dende a Antigüidade ata o século XXI mediante un percorrido visual e temporal

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular