Algúns humanos herdaron narices máis altos dos neandertais

Un estudo internacional identifica un trazo que puido axudar os nosos antepasados a adaptarse a climas máis fríos

Os humanos herdamos dos neandertais material xenético que incide na forma do noso nariz, segundo un novo estudo dirixido por investigadores da University College de Londres (UCL) e publicado en Communications Biology.

Os resultados conclúen que un xene concreto, que dá lugar a un nariz máis alto (ou máis longo, medindo de arriba a abaixo), pode ser produto da selección natural cando os antigos humanos se adaptaron a climas máis fríos tras abandonar África.

Publicidade

En palabras de Kaustubh Adhikari, do departamento de Xenética, Evolución e Medio Ambiente na UCL, “nos últimos 15 anos, desde que se secuenciou o xenoma neandertal, puidemos saber que os nosos propios antepasados aparentemente se cruzaron con neandertais, deixándonos pequenos anacos do seu ADN”.

Os xenes neandertales inflúen na forma das actuais caras humanas

“Aquí descubrimos que parte do ADN herdado dos neandertais inflúe na forma das nosas caras. Isto podería ser útil para os nosos antepasados, xa que se transmitiu durante miles de xeracións”, engade o coautor da investigación, na que tamén participaron científicos de China, Francia, Arxentina, Chile, Perú, Colombia, México, Alemaña e Brasil.

Publicidade

O estudo avaliou datos de máis de 6.000 voluntarios de América Latina, de ascendencia mixta europea, nativa americana e africana, que forman parte do estudo CANDELA dirixido pola UCL, e que recrutou a persoas en Brasil, Colombia, Chile, México e Perú.

Os expertos compararon a información xenética dos participantes con fotografías dos seus rostros —observando especificamente as distancias entre puntos dos seus rostros, como a punta do nariz e o bordo dos beizos— para ver como os distintos trazos faciais se asociaban coa presenza de diferentes marcadores xenéticos.

Identificáronse, así, 33 rexións xenómicas asociadas á forma da cara, 26 das cales puideron compararse con datos doutras etnias, recollidos entre participantes procedentes de Asia oriental, Europa e África.

Nunha rexión concreta do xenoma, denominada ATF3, os investigadores descubriron que moitas persoas do seu estudo con ascendencia nativa americana (así como outras con ascendencia de Asia oriental doutra cohorte) tiñan material xenético neste xene herdado dos neandertais, o que contribuía a unha maior altura nasal. Tamén descubriron que esta rexión xenética presentaba signos de selección natural, o que suxire que confería unha vantaxe aos portadores do material xenético.

“Dado que o nariz permítenos regular a temperatura e a humidade do aire que respiramos é posible que as diferentes formas de nariz se adapten mellor aos distintos climas nos que vivían os nosos antepasados”, apunta Qing Li, primeiro autor do estudo. O xene identificado parece ser herdado polos humanos e púidolles axudar a migrar cara a climas máis fríos ao saír de África.

“Os portadores de material xenético neandertal teñen unha maior altura nasal”

QING LI, primeiro autor do estudo

“A maioría dos estudos xenéticos sobre a diversidade humana investigaron os xenes dos europeos”, afirma Andrés Ruiz-Linares, coautor do traballo. Esta vez, “a mostra diversa, grazas aos participantes latinoamericanos do noso estudo, amplía o alcance dos achados dos estudos xenéticos”, indica.

O achado é o segundo descubrimento de ADN de humanos arcaicos, distintos do Homo sapiens, que afecta á forma da nosa cara. O mesmo equipo publicou un artigo, en 2021, acerca dun xene que inflúe na forma dos beizos e que se herdou dos antigos denisovanos.


Referencia: Automatic landmarking identifies new loci associated with face morphology and implicates Neanderthal introgression in human nasal shape (Publicado en Communications Biology)

  1. Todo isto coido que está inda moi verde .

    Que pasou cos denisovanos ?
    Tamén o Homo sapiens ten xenética denisovana ?
    Con esa xenética resistiron mellor o frío ?…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que estudamos mutantes en bioloxía?

En bioloxía, usamos mutantes para entender como funcionan as células e que pasa cando algo falla

Un gran mapa xenético de Galicia localiza as mutacións máis frecuentes e asociadas a sete enfermidades

O catedrático da USC Antonio Salas esboza unha cartografía que pode servir como guía para a detección precoz, a prevención e a medicina personalizada

As Cíes perden biodiversidade: así destrúe o cambio climático as reservas mariñas

O autor do estudo do CSIC sobre as Illas Atlánticas advirte sobre o quentamento das augas e a acidificación como os principais factores de alteración ecolóxica

Un equipo galego crea un novo modelo celular para investigar unha doenza ultrarrara

A heteroplasia ósea progresiva trátase dunha enfermidade de orixe xenética que provoca a formación gradual de óso en tecidos onde non debería existir, como a pel ou os músculos