Algunhas alteracións no xene BRCA1 están asociadas a un maior risco de desenvolver cancro de mama e ovario. Unha delas, denominada BRCA1: c.211A>G, ten unha especial incidencia nunha extensa área que abrangue as rías de Arousa e de Muros e Noia. Isto é o que revela un mapa esbozado polo xenetista Antonio Salas, catedrático da área de Medicina Legal e Forense da facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC). Na súa cartografía, o investigador localiza outras seis enfermidades xenéticas e sinala as zonas de Galicia con máis presenza de mutacións responsables desta doenzas. Falar de zonas de maior risco non sería axeitado, precisamente porque portar unha mutación non implica necesariamente que apareza a doenza, xa que a súa manifestación depende en ocasións doutros factores non estritamente xenéticos.
Os datos empregados para construír este mapa proceden do número escaso de publicacións científicas que describen a presenza desas mutacións nas zonas indicadas, algunha delas do grupo de investigación de Salas. Unha das incluídas no mapa está vinculada coa doenza de Leber, unha patoloxía mitocondrial caracterizada pola perda severa de visión, sobre todo en homes novos. Esta vez, a alteración asociada aparenta ter maior incidencia na Mariña lucense. Na área da Coruña e Ferrol hai outras mutacións que incrementan o risco da cardiomiopatía hipertrófica, unha enfermidade que causa o engrosamento anormal do músculo cardíaco. Tamén na costa coruñesa está identificada unha mutación no xene SCA36, asociada a un maior risco de desenvolver ataxia espinocerebelosa, unha enfermidade dexenerativa que afecta a fala e o aparello locomotor.
Hai outras grandes áreas sinaladas no mapa. Por exemplo, hai unha mutación que podería estar relacionada coa enfermidade de Wilson, que, tendo certa presenza en Galiza, non está localizada nun lugar concreto do mapa. Esta doenza está caracterizada por un exceso de cobre no corpo que pode provocar síntomas hepáticos e neurolóxicos. Finalmente, a comarca da Baixa Limia é a área vinculada coa lipodistrofia, unha enfermidade rara que causa perda de graxa, debido a unha maior prevalencia dunha mutación no xene LMNA.
Orixe galega?
“Hai forzas evolutivas que facilitan que determinadas mutacións sexan máis prevalentes nun sitio ca noutro, simplemente porque xurdiron aí ou porque non tiveron tempo de escapar ou expandirse cara a outros lugares”, sinala Salas, quen tamén dirixe o grupo de investigación de Xenética de Poboacións en Biomedicina (GenPoB) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O experto cre que a mutación c.211A>G do xene BRCA1, asociada ao cancro de mama e ovario, se orixinou en Galicia. E malia que aparece noutras partes do mundo, como Arxentina, Reino Unido e Suíza, isto pode explicarse pola historia demográfica do país. “Fomos emigrantes. Se trazamos a xenealoxía das familias estranxeiras con esta mutación probablemente estean maioritariamente vinculadas a Galicia”, sostén.
Este tipo de alteracións nos xenes adoitan agruparse en familias que teñen unha maior incidencia destas enfermidades. Non obstante, non todo se pode entender coa xenética: “A agregación familiar tamén pode ser ambiental. Algúns condicionantes, como tóxicos e augas contaminadas, poden aumentar a incidencia de determinadas enfermidades nunha familia concreta”, matiza Salas. Non obstante, o seu mapa tan só crea un esbozo das mutacións xenéticas máis prevalentes en Galicia. Non se trata dunha cartografía estanca nin exacta, senón dun coñecemento que pode axudar na detección precoz das enfermidades.
Detección precoz
“Se detectas un caso de cancro de mama e ovario en Galicia, unha das primeiras mutacións a comprobar é se a paciente ten a mutación BRCA1: c.211A>G”, sinala Salas. Isto é un exemplo que permite entender a utilidade de detectar mutacións e localización de mutacións nun mapa xeográfico, en xeral, de todos os estudos que afondan nas causas xenéticas das enfermidades. “Non só nos permite coñecer a natureza das mutacións, senón que nos axuda a facer predicións da evolución do paciente e a apostar pola prevención“, apunta. Se se detecta a mutación BRCA1: c.211A>G pódese facer un seguimento máis exhaustivo da doente. E, no caso de que desenvolva cancro, lograr detectalo precozmente.
“A tendencia actual na maioría dos laboratorios de diagnóstico molecular é realizar análises amplas do xenoma, mediante cribados xenómicos extensos, en lugar de limitar a investigación a mutacións concretas previamente coñecidas. Este enfoque permite detectar variantes xenéticas raras ou inesperadas, identificar combinacións de mutacións que poden contribuír á enfermidade e obter unha visión máis completa da base xenética dos procesos patolóxicos. Ademais, facilita diagnósticos máis precisos, reduce o risco de pasar por alto alteracións relevantes e contribúe a mellorar o coñecemento sobre a diversidade xenética das poboacións”, apunta o investigador.
Zonas illadas
No mapa de Salas aparecen varias mutacións asociadas con sete enfermidades xenéticas. A meirande parte delas concéntrase na costa e tan só unha claramente no interior. Nas montañas de Lugo e Ourense non aparece ningunha, pero isto non significa que non as haxa. “Sería tamén interesante estudar zonas xeográficas que historicamente estiveron máis illadas, como os Ancares e O Courel. Que non aparezan no mapa non significa que non haxa mutacións, senón que hai menos estudos e que a cantidade de pacientes que se pode trazar é menor que noutras áreas”, apunta. Por tanto, hai marxe para ampliar un mapa que pode servir como guía para a medicina personalizada.
O mapa, como mostra Salas, ten moitas limitacións e é susceptible de ser ampliado. Outra das trabas coas que se atopou á hora da súa elaboración é a dificultade que entraña descubrir a orixe dunha mutación concreta. Segundo os estudos dispoñibles ata a data e as investigacións que el desenvolveu nos últimos 30 anos no eido da xenética de poboacións, Salas cre que as mutacións do mapa asociadas co cancro de mama e ovario, coa ictiose conxénita e coa ataxia da Costa da Morte son as que teñen máis evidencias dunha orixe galega. É dicir, que xurdiron aquí e se espallaron polo mundo.
Unha cuestión de azar
O motivo polo que estas mutacións apareceron en Galicia e non noutras partes débese, en parte, ao azar. O catedrático da USC explica que é como tirar pintura sobre un lenzo en branco: pode haber patróns, pero non porque respondan a unha causa demográfica concreta. “Para empezar, o fenómeno mutacional e o destino dunha mutación teñen un compoñente aleatorio. Cando aparece unha, o seu destino mais probable é desaparecer xa que a súa presenza na poboación é rara por definición ao xurdir nun único individuo dentro dunha poboación grande. Con todo, nalgunhas ocasións estas mutacións poden verse favorecidas por procesos aleatorios; dito dun xeito sinxelo, poderíase dicir que teñen sorte na “lotería” da transmisión da mutación á descendencia”, explica Salas.
Por exemplo, ten máis probabilidades de prevalecer na poboación unha mutación asociada a unha enfermidade que se manifesta na idade posreprodutiva. É dicir, nunha etapa da vida na que xa non se ten descendencia ou na que esta xa se tivo, polo que a mutación non se ve sometida á selección natural durante o periodo reprodutivo.
Pode, tamén, que determinadas mutacións que hoxe están asociadas a enfermidades, no pasado tiveran efectos beneficiosos. “Aínda que non é habitual no caso de cambios no xenoma que son letais ou parcialmente letais, tamén pode acontecer que un proceso de selección natural positiva contribúa a que unha mutación aumente a súa presenza na poboación. Empregando un símil, a selección positiva sería como se un ciclista contase coa axuda dunha batería eléctrica”, exemplifica Salas.
Os motivos polos que unhas alteracións xenéticas prevalecen sobre outras non sempre están claros e responden a dinámicas con certo compoñente aleatorio. Pese ao azar que rexe os estudos de xenética das poboacións, verter luz sobre a distribución de mutacións asociadas a enfermidades sempre ten unha contrapartida positiva: ter máis información para responder a tempo. En resumidas contas, unha detección precoz que permita, ademais de salvar vidas, mellorar o benestar dos pacientes.













