O teu intestino ten 100 billóns de habitantes: unha poboación tan numerosa como diversa que axuda a regular o sistema inmune. Entre as bacterias que conforman a microbiota intestinal está o xénero Lactobacillus, tamén coñecido por ser imprescindible na elaboración de iogures e outros produtos lácteos. Agora, un estudo da neurocientífica galega Sonia Villapol demostra que estes probióticos —máis especificamente sete cepas de Lactobacillus— axudan a recuperarse do dano cerebral. Para demostralo, administráronse este tipo de bacterias a ratos durante sete semanas e, despois, inducíronlles un traumatismo. “A composición da microbiota fíxose máis diversa e os metabolitos beneficiosos aumentaron, pero no cerebro tamén se reduciu a lesión cerebral e a inflamación e recuperaron mellor as funcións motoras”, explica Villapol.
O equipo do Hospital Methodist de Texas, onde a neurocientífica galega leva anos traballando, mesturou as cepas “máis beneficiosas” de Lactobacillus e diluíunas en auga, que posteriormente beberon os ratos. Segundo explica Villapol, escolleuse este xenéro de bacterias por dous motivos. O primeiro deles, en atención a un estudo que xa publicara o seu equipo en 2018 na revista Frontiers Inmunology e onde demostraron que despois dun dano cerebral prodúcese unha diminución drástica de varias especies de Lactobacillus. “Esa investigación marcou os antecedentes que afirmaban que o cerebro estaba conectado co intestino e que un traumatismo alteraba a composición do microbioma”, sostén a científica, facendo repaso dos últimos seis anos de investigación.
O segundo motivo polo que escolleron este xénero de bacterias responde a outros estudos publicados sobre a materia. En concreto, os que demostraron que os Lactobacillus son probióticos con efectos beneficiosos noutras enfermidades, dado que teñen propiedades antiinflamatorias e antioxidantes. No último estudo de Villapol, que se pode consultar en aberto no servidor bioRxiv pero que aínda non foi revisado por pares, demostraron que as sete cepas de Lactobacillus empregadas tamén axudan á recuperación neurolóxica despois dun dano cerebral. “Observamos redución da lesión do cerebro, da inflamación, da perda neuronal, melloras na función motora, e diminucións na ansiedade e os comportamentos depresivos”, sostén a neurocientífica, que tamén corroborou que a administración de probióticos contribuíu a xerar unha flora intestinal máis diversa.
Con todo, a investigación demostrou que o tratamento en ratos foi máis efectivo nos machos que nas femias, sen que se coñeza exactamente cal é o motivo. Segundo Villapol, este resultado demostra o importante que son os enfoques de xénero na investigación científica: “Sabemos que existen diferenzas nos cambios da microbiota que acontecen coa idade e tamén que eses cambios se trasladan dependendo do xénero á inmunidade, á microbiota e outros factores intrínsecos dos machos ou femias”. Polo tanto, este tipo de estudos ofrecen pistas para o deseño de probióticos personalizados, malia que aínda se precisen máis evidencias: hai que atopar os que teñen máis efecto nas femias ou, talvez, cando é o mellor momento para administrárllelos a elas.
Un enfoque prometedor
O tratamento baseado en probióticos, concretamente en Lactobacillus, considérase un “enfoque terapéutico prometedor” para abordar os traumatismos cerebrais. Así se deixa constancia no artigo publicado polo equipo do Hospital Methodist de Texas, que agarda comezar este verán un estudo clínico que poida corroborar os resultados da investigación. “O noso obxectivo é administrar estes probióticos aos xogadores de fútbol americano antes de que comece a tempada de liga, co fin de mitigar potencialmente a inflamación asociada ás contusións cerebrais”, apunta Villapol. Coa aplicación deste tratamento, búscase que os deportistas teñan menos deficiencias motoras e cognitivas das que habitualmente mostran, así como a diminución do impacto da perda de memoria, da ansiedade e da depresión vinculadas ás lesións cerebrais que reciben os xogadores no campo.
Villapol recoñece que, de momento, non se publicaron resultados de ensaios clínicos que apoien a tese da súa última investigación: que os probióticos axudan na recuperación motora e reducen o dano cerebral nas persoas con tramatismos. Porén, sinala varias investigacións que evidencian o beneficio da administración de probióticos na saúde humana. Por exemplo, un traballo que demostra como diminúen as infeccións cirúrxicas en pacientes con lesión cerebral. A neurocientífica galega tamén menciona un estudo clínico que publicou o seu equipo en 2022 e no que detectaron cambios na microbiota e marcadores inflamatorios no sangue despois de que os xogadores de fútbol americano sufriran unha contusión cerebral.
Os transplantes fecais son unha alternativa?
Máis alá da administración de probióticos, existen outros métodos para modular a microbiota, como é o caso dos transplantes fecais. Villapol recoñece que se trata dunha “terapia prometedora” e fai alusion a un estudo publicado recentemente no que se demostra que 12 meses despois de recibir un transplante fecal, os pacientes de párkinson experimentaron unha “mellora significativa” na súa puntación motora. Con todo, a neurocientífica galega cre que é preciso seguir investigando e que este tipo de transplantes poderían ser a base para o desenvolvemento dunha “pílula bacteriana”. É dicir, doutra forma de terapia dirixida á microbiota que podería ser unha boa substituta dos propios transplantes. De momento non hai nada claro, só as evidencias que achega Villapol a case 8.000 quilómetros de Galicia… Pero con selo galego.
Referencia: Probiotic treatment causes sex-specific neuroprotection after traumatic brain injury in mice (Prepint en bioXriv)
Moitas gazas! Vai polo bo camiño, excelentes estudos e conclusións!