Así sería Galicia se subise o nivel do mar: o mapa que o simula en 3D

O proxecto Sea Level Rise 3D Map permite ver como o impacto do cambio climático podería transformar cidades costeiras de Galicia como Vigo e A Coruña

Os signos do cambio climático son cada vez máis evidentes no noso día a día: veráns que se alongan durante varios meses, cambios de temperatura bruscos e fenómenos meteorolóxicos cada vez máis intensos. A todo isto súmase un factor máis silencioso, pero igual de preocupante: o aumento do nivel do mar. Segundo o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), mesmo se se logra limitar o quentamento global a 1,5°C, o nivel do mar continuará subindo nos vindeiros anos. Pero, como afectará isto ás localidades costeiras de Galicia?

O proxecto Sea Level Rise 3D Map, desenvolvido por Akihiko Kusanagi, combina imaxes de Google Maps e técnicas avanzadas de renderizado para mostrar como o aumento do nivel do mar podería transformar vilas e cidades de todo o mundo.

Publicidade

Este fenómeno débese principalmente a dous factores: por unha banda, a expansión térmica da auga provocada polo exceso de calor absorbido polos océanos, e por outra, o derretemento das capas de xeo de Groenlandia, a Antártida e os glaciares de montaña. Así, o mapa en tres dimensións permite visualizar como o mar avanza progresivamente sobre o litoral a medida que se eleva o seu nivel.

De feito, por cada centímetro que sobe o mar, o litoral pode retroceder ata uns 100 metros, aínda que este efecto depende da topografía do terreo. Así, cidades como Vigo e A Coruña amósanse no modelo como espazos profundamente alterados polo mar se o nivel chegase a subir 20 metros.

Publicidade

Vigo: as vistas a Toralla

Se o nivel do mar se elevase 20 metros por enriba do actual, boa parte do centro de Vigo desaparecería baixo as augas. Zonas próximas á ría, como García Barbón ou o Centro Comercial A Laxe, quedarían completamente inundadas, deixando só á vista das súas cubertas. Mesmo espazos como a Alameda de Vigo pasarían a formar parte do fondo mariño, transformando a paisaxe urbana da cidade olívica.

Hai dous anos, Vigo rexistraba a maior subida do nivel do mar de toda a península, polo que esta situación non dista moito do que podería pasar no futuro. Porén, as zonas máis altas, como o Concello de Vigo, situado nas inmediacións do Monte do Castro, permanecerían a salvo da suba do mar. Algo semellante ocorrería en Teis, onde a rúa principal, Sanjurjo Badía, resistiría en boa medida, mentres áreas máis baixas como Guixar quedarían sepultadas.

Vistas de Vigo se o nivel do mar subise 20 metros. Imaxes extraídas de Sea Level Rise 3D Map.

As instalacións portuarias e industriais, motor económico da cidade, sufrirían un destino devastador. As terminais marítimas e os estaleiros de Beiramar desaparecerían baixo as augas, cos seus guindastres apenas visibles sobre a superficie. A actividade pesqueira e comercial esvaecería por completo baixo o avance do mar.

Cara ao interior, a subida do río Lagares provocaría a inundación do parque de Castrelos e do Estadio Municipal de Balaídos, afectando tamén ás instalacións de Stellantis. Pola súa banda, o tramo costeiro entre Samil e Cabo Estai desaparecería: praias como O Vao, Canido ou Fuchiños quedarían engulidas, e a auga alcanzaría a estrada de Ricardo Mella. Mentres, a de Camposancos quedaría salvada. Na distancia, fronte unhas illas Cíes somerxidas, só sobresairían os últimos pisos do icónico edificio de Toralla.

A Coruña: unha Torre de Hércules salvada

Ao norte de Galicia, A Coruña atópase rodeada case na súa totalidade polo océano Atlántico: ao oeste, a Enseada de Orzán-Riazor; ao leste, a ría da Coruña. Esta particular xeografía faría que praias e monumentos históricos da cidade herculina desaparecesen baixo as augas ante unha subida do mar de vinte metros.

As emblemáticas praias de Orzán e Riazor quedarían totalmente anegadas, xunto coas instalacións portuarias do Molle de Trasatlánticos e o Molle de Batería. Só sería visible, por exemplo, a parte superior da gran cúpula do Siloterminal de graneis, hoxe destinado ao almacenamento de carbón, cereais e minerais.

Vistas da Coruña se o nivel do mar subise 20 metros. Imaxes extraídas de Sea Level Rise 3D Map.

Na cidade antiga, desaparecería o Castelo de San Antón e os corredoiros do antigo Hospital Militar estarían cubertos de auga. Esta avanzaría ata a Rúa da Torre, onde o terreo elevado impediría que o mar seguise o seu curso. Así, a monumental Torre de Hércules manteríase en pé, convertida nun dos poucos testemuños que resistirían o embate do océano.

Non todos os símbolos coruñeses correrían a mesma sorte: o campo do Estadio de Riazor aparecería inundado, un recordo do corazón deportivo da cidade. Tamén o Real Club Náutico da Coruña afundiríase baixo o mar, e apenas sobresairían os teitos da recoñecida Sala Pelícano. Os xardíns de Méndez Núñez, pulmón verde do centro urbano, tamén quedarían sumerxidos. Así, esta ferramenta permítemos coñecer que o que hoxe é costa, mañá podería ser mar.


Podes consultar a ferramenta Sea Level Rise 3D Map na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Como defendernos dos mosquitos: que funciona e que non contra esta praga estival

Os repelentes con DEET e picaridina seguen as ser os máis eficaces, mentres que as velas de citronela, pulseiras ou ultrasóns carecen de respaldo científico

O verán galego é 1,8 graos máis cálido que hai 60 anos

O investigador do CSIC Dominic Royé explica que aumentou a temperatura media e cada vez hai máis eventos meteorolóxicos extremos como ondas de calor, secas ou alteracións nos patróns de choiva