MetBioCat, un grupo pioneiro que actúa na fronteira entre a química e a biomedicina

O equipo foi o gañador dos Premios GCiencia Galicia Spin-off na categoría de Grupos de Investigación e está dirixido por José Luis Mascareñas

O grupo MetBioCat da Universidade de Santiago (USC), dirixido polo seu fundador o profesor José Luis Mascareñas, é sen dúbida un dos estandartes da investigación na comunidade autónoma nun campo pouco explorado ata o momento mesmo no ámbito internacional como é a fronteira entre a química e a biomedicina. O seu traballo dende hai máis de 20 anos levou ao xurado dos premios GCiencia Galicia Spin-Off a concederlle o galardón de 2025 dentro do apartado de Grupos de Investigación. 

Mascareñas explica que o grupo naceu co dobre obxectivo de inventar e desenvolver novas transformacións química catalizadas por metais de transición e, ademais, deseñar métodos moleculares para interaccionar co ADN e interferir con procesos biolóxicos e celulares. “A concesión da ERC Advanced Grant ao grupo no ano 2014 foi fundamental para poder afondar nesta liña multidisciplinar de traballo entre a química e a bioloxía celular”, engade. 

Publicidade

Entre os principais fitos acadados polo grupo dende o seu nacemento atópase o descubrimento de que os metais baseados en ouro podían catalizar reaccións químicas que doutro xeito non eran posibles, e que permitían acelerar a síntese de compostos relevantes, como foi o caso da Englerina, un produto antitumoral que ata ese momento era moi complicado de preparar no laboratorio. 

No ámbito da química biolóxica, o resultado inicial que indicaba a viabilidade da idea de facer química catalítica artificial en células vivas publicouse en 2014, e permitiu activar dentro das células moléculas que interaccionaban co ADN. Posteriormente, en 2016, demostrouse que era incluso posible dirixir estas reaccións químicas artificiais a zonas especificas das células, por exemplo ás mitocondrias, que son órganos fundamentais para a respiración celular.

Publicidade

Mascareñas apunta tamén que outro fito importante foi o descubrimento dun composto de rutenio que interaccionaba de forma selectiva con ADN, e que sentou as bases para que se desenvolvera un novo produto anticanceríxeno que mereceu recentemente a concesión dun proxecto Transition do European Innovation Council (MEDICS). En total, o grupo foi que de acadar financiamento por un total de 4 millóns de euros e presentou 26 patentes. 

Na procura de novas reaccións catalíticas

Na actualidade o grupo segue a traballar no descubrimento de novas reaccións catalíticas, tanto polo interese intelectual e conceptual que isto supón, como polo súa relevancia para simplificar a preparación de moléculas de alto interese biolóxico ou tecnolóxico.  

“Unha parte importante do grupo segue a traballar neste campo fronteirizo entre a química e a biomedicina, para implementar reaccións químicas catalíticas artificiais —non presentes na natureza— en sistemas vivos. Isto é relevante dende un punto básico e conceptual, para crear novo coñecemento na fronteira da ciencia, e por suposto polas posibles aplicacións para activar fármacos in situ usando ditos procesos catalíticos”, explica Mascareñas, quen tamén destaca que hai un subgrupo que está a traballar en levar adiante o produto anticancro descuberto no propio laboratorio de MetBioCat e que está a ser financiado por Europa.

Investigadores de diversas procedencias

MetBIoCat conta na actualidade cun total de 26 persoas traballando, con investigadores procedentes de Italia, Holanda, India, Francia e de distintas partes de España, dos que un 30% son galegos. 

Cara ao futuro o obxectivo principal do grupo é, segundo Mascareñas, consolidar “este campo de investigación no que somos pioneiros, situado na fronteira entre a catálise e a bioloxía celular, e demostrar que estas tecnoloxías poden ter aplicacións en biomedicina”. Ademais, MetBioCat seguirá a tratar de crear novos conceptos para ampliar o rango de transformacións catalíticas que se poden realizar en sistemas e células vivas. “En concreto, estamos a traballar nunha nova liña baseada no uso da luz para iniciar estes procesos catalíticos”, sinala Mascareñas. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos