Sábado 27 Abril 2024

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo

A investigadora galega Carla Guerra Tort elaborou a primeira reconstrución detallada de España do consumo de tabaco entre 1991 e 2020. Os datos que existían antes da súa investigación non valían para establecer unha relación pormenorizada entre as mortes por cancro de pulmón e o consumo de tabaquismo, co cal, a súa primeira tarefa foi “encher os ocos” que faltaban. Este era o primeiro obxectivo da súa tese e presentará os resultados esta semana no congreso internacional de bioestatística organizado pola Universidade de Vigo (UVigo). Neste senso, a investigadora sinala que a prevalencia de consumo de tabaco en España diminuíu entre 1991 e 2020 en ambos sexos. Con todo, en función dos grupos de idade, o tabaquismo aumentou en mulleres entre 55 e 74 anos e segue incrementando.

O traballo realízase na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública baixo a dirección de Mónica Pérez Ríos e Esther López Vizcaíno. A partir das enquisas nacionais de saúde e a enquisa europea de saúde en España, as investigadoras cubriron as eivas de información. En primeiro lugar, Guerra estimou o status de fumador para os anos nos que non tiñan datos. A continuación, calcularon as prevalencias de fumadores, exfumadores e nunca fumadores, por sexo e grupo idade, co obxectivo de “suavizar” e “mellorar a previsión das estimacións”. Despois aplicaron un “modelo loxístico multinomial mixto con efectos aleatorios de área e tempo”, e a partir de aí conseguiron o nivel detallado dos datos de tabaquismo neste período de 40 anos.

Publicidade

En canto ao incremento na prevalencia de consumo nas mulleres, Guerra explica que se focaliza fundamentalmente nos primeiros anos da serie reconstruída, que son os anos 90. Dende o seu punto de vista, isto pode deberse a unha cuestión sociolóxica. “Unha posible explicación poden ser os cambios sociais acontecidos na época e en anos previos que afectaron ao estilo de vida das mulleres, como a incorporación definitiva ao mundo laboral”, sostén. De feito, os últimos datos aportados polo Grupo Español de Cancro de Pulmón (GECP) alertan dun aumento do cancro de pulmón, un dos máis letais entre o conxunto dos españois: 22.413 persoas morreron en España pola enfermidade en 2021, aumentando un 2,4% con respecto ao ano anterior. O seu presidente, Mariano Provencio, apuntou que a mortalidade medrou un 0,9% en homes e un 6,9% en mulleres.

A eficacia das leis de control

A primeira parte da tese de Guerra, centrada en recompilar a maior cantidade de datos posible, era fundamental para poder abordar o segundo e terceiro obxectivo. Por unha banda, a investigadora e o seu equipo tratarán de establecer unha relación temporal entre o consumo de tabaco e a mortalidade por cancro de pulmón. Isto permitirá identificar conexións entre a exposición a esta substancia tan perigosa para a saúde e os efectos máis duros da enfermidade. E a continuación, tal cantidade de documentación permitirá elaborar proxeccións a curto, medio e longo prazo, en función dos distintos escenarios definidos polo grao de implementación das leis de control de tabaquismo. “Simulamos escenarios máis ou menos restritivos en relación co consumo de tabaco para ver como isto pode afectar ás prevalencias”, engade a investigadora. “A serie continua e os datos que recollimos nos vai facilitar facer moitas cousas”.

Que cada vez hai menos fumadores en xeral, pero máis mulleres que consumen tabaco en determinados rangos de idade, era unha tendencia coñecida, explica Guerra. Non obstante, o equipo da Universidade de Santiago (USC) dispón de máis datos para corroboralo. “Esperemos que esto poida constribuír á toma de decisións no ámbito da política sanitaria“, alega. Segundo ela, a Lei 28/2005 e a 42/2010 supuxeron un “gran paso no seu momento”, mais case 14 anos despois “seguimos á espera dunha nova lei máis restrictiva, especialmente en relación ao papel que comeza a xogar a maiores do consumo de tabaco a exposición ao fume ambiental”.

A normativa de 2005 prohibiu a publicidade, promoción e patrocinio dos produtos de tabaco; a implementación de advertencias sanitarias con imaxes no paquete dos cigarros; a prohibición de fumar en lugares de traballo interiores e lugares públicos pechados, así como no transporte público; e tamén, aumentou os impostos do tabaco e estableceu medidas para reducir o comercio ilegal. Con todo, os expertos insisten en que hai que ir un paso máis aló, como tamén no que ten que ver na toma de medidas para frear o uso de vapers en menores de idade e adolescentes. Xa que o seu líquido contén substancias que poden ser canceríxenas.

Encontro internacional de bioestatística

200 investigadores participan na UVigo nun encontro internacional: Foto: UVigo.

Sobre 200 investigadores do ámbito da bioestadística participan esta semana en Vigo na XIX Conferencia Española de Biometría co VIII Encontro Iberoamericano de Biometría, dúas xuntanzas organizadas polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e o grupo de investigación SiDOR, tamén da UVigo, por encargo da Sociedade Española de Bioestatística, a sección española da International Biometric Society, e coa “inestimable colaboración” de investigadores de rexións de Arxentina, Brasil, España, Centroamérica-Caribe, Chile e Ecuador.

Segundo explica a Universidade de Vigo nun comunicado, o obxectivo xeral da xuntanza é a difusión dos resultados obtidos no desenvolvemento e aplicación de métodos estatísticos e matemáticos en Bioloxía, Medicina, Psicoloxía, Farmacoloxía, Agricultura e outras ciencias afíns. Este congreso debuxará “un programa intenso e de enorme impacto científico”, destacan dende a organización, ao tempo que explican que se presentarán 150 presentacións orais e pósters. Intervirán relatoras de recoñecido prestixio, entre elas María Gabriela Cendoya, da Universidade Nacional de Mar del Plata, na Arxentina; Andreas Mayr, da Universidade Bonn, en Alemaña; e Anabel Forte Deltell, da Universidade de Valencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións