O 2 de xaneiro de 2011 entrou en vigor a reforma da lei antitabaco que prohibiu fumar en espazos colectivos pechados. Por aquel entón, arredor do 90% da poboación galega estaba exposta, fumadora ou non. Doce anos despois, e tras unha década sen artigos científicos que estudasen a mortalidade provocada por fume ambiental, un estudo recentemente publicado demostra que as medidas preventivas fixeron caer a exposición a valores por debaixo do 20% en 2020. Con todo, estas cifras preocupan á comunidade médica e constitúen un problema de saúde pública: en España, 747 mortes de persoas de 35 anos ou máis foron orixinadas pola exposición ao fume de tabaco ambiental. O Goberno contempla reformar a norma antibaco para implementar novas prohibicións, por iso, explica a investigadora Mónica Pérez, “é o momento idóneo para actualizar os datos sobre tabaquismo”.
Unha gran parte da mortalidade atribuíbel ao fume ambiental sucede en persoas non fumadoras. En 2020, 747 persoas morreron por exposición. Conforman o 1,5% do total de todos os falecementos por cancro de pulmón (279) e cardiopatía isquémica (468). Estatísticamente, seis de cada dez falecementos ocorreron en non fumadores. O 75,1% foron homes, con 561 defuncións fronte a 185 mulleres. “Este tipo de estimacións son moi necesarias. Vése que o impacto na saúde da poboación non fumadora é moi alto e é evitable”, explica Pérez, que é unha das coautoras do estudo e profesora de medicina preventiva na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os resultados do traballo reflicten que o 11,5% da poboación española de 35 anos ou máis declara estar exposta ao tabaco en interiores; a prevalencia é maior nas mulleres fumadoras de 35 a 64 anos, cunha exposición do 33,9%.
O fume do tabaco contén miles de substancias químicas. Segundo informa a Sociedade Americana contra o Cancro, 70 delas son canceríxenas. Estes químicos son carcinóxenos e o fume do tabaco é de tipo A: nicotina, ácido cianhídrico, aldehído fórmico, chumbo, arsénico, amoníaco ou monóxido de carbono son algúns dos elementos que se atopan no tabaco e que poden entrar no noso corpo aínda que nós non fumemos. “Moitas veces as terrazas tal e como están establecidas son espazos interiores porque están en compartimentos. Hai lugares nos que as exposicións son continuadas e pensamos que son seguros, pero non é así”, engade Mónica Pérez.
Segundo a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), esta exposición aumenta ata un 30% o risco de sufrir enfermidades cardíacas ou pode desenvolver unha enfermidade pulmonar crónica. As persoas non fumadoras duplican o risco de padecer cancro de pulmón en comparación con aquelas que non o inhalan de maneira pasiva. España atópase entre os países con máis fumadores da Unión Europea (UE), cun 19,7% de poboación que fuma todos os días, segundo a Oficina Europea de Estatística. “España é o país da UE onde máis aumentou o consumo de interiores na hostalaría. Igual habería que potenciar o labor de inspección en todo o que está relacionado coas terrazas. Ás veces non acaba de quedar claro que é unha terraza e o interior dun local”, comenta a investigadora.
EPOC e máis causas de morte
O estudo “Mortalidade atribuíbel á exposición de fume de tabaco ambiental en España en 2020” foi publicado na revista Archivos de Bronconeumología e céntrase exclusivamente nos falecementos por cancro de pulmón e cardiopatía isquémica. Con todo, hai evidencia científica que relaciona tamén a inhalación co cancro de larinxe e farinxe, incluso co risco de padecer cancro de mama ou aumentar as probabilidades de contraer leucemia. “Hai evidencia suxerente de que o fume ambiental está asociado coa enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), que ten unha carga de mortalidade moi alta, ou tamén coa enfermidade vascular cerebral (EVC). A medida que vai aumentando o tempo, vanse establecendo conexións con máis causas de morte, aínda que o estudo das relacións causais é moi complexo”, explica Pérez. Na súa opinión, isto débese a que as metodoloxías foron mudando, e é moi difícil distinguir se as enfermidades en población fumadora veñen derivadas do consumo de tabaco ou do propio fume que respiran.
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), 700 millóns de nenos do mundo respiran aire contaminado por fume de tabaco. Un estudo no que tamén Mónica Pérez é autora, afirma que a prevalencia de exposición dos nenos é de 29,2% no ámbito privado e de 42,5% no público. Os menores son un dos colectivos máis vulnerables aos efectos do tabaco, e segundo explica a OMS, poden sufrir un 50% máis de otitis, un 20% máis de crises asmáticas e un 30% máis de infeccións respiratorias. Por todos estes motivos, Pérez cre que é momento de que o Goberno avance nas prevencións. A última enquisa realizada pola Sociedade Española de Medicina Familiar e Comunitaria reflicte que un 85,5% da poboación está a favor de ampliar a lexislación sobre os espazos libres de fume; un 73% das persoas séntense expostas ao fume nas terrazas dos bares e restaurantes e un 72% está a favor de prohibir o consumo de tabaco nestes lugares públicos.
Nas súas conclusións, o estudo sinala a necesidade de que as autoridades sanitarias se centren na redución da exposición do fume de tabaco en todas as contornas. Actualmente, os investigadores están traballando para extraer a información por comunidades autónomas, xa que existen diferencias importantes entre os territorios. Por exemplo, Andalucía é unha das comunidades con máis prevalencia de exposición. “Aí a mortalidade será moito máis alta que noutras zonas, por exemplo, que Asturias”, sinala investigadora. Preguntada sobre a situación de Galicia ao respecto, Mónica Pérez alega que os resultados todavía non están listos, mais afirma que se atopa “no medio” e que non é a comunidade cos peores datos, pero tampouco cos mellores.