Os institutos sanitarios de Galicia recollen a medalla Pardo Bazán ao fomento da igualdade

A Xunta entregou os galardóns aos tres centros por ser exemplo de incorporación da muller ao mundo da ciencia

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) recolleron esta mañá as medallas Emilia Pardo Bazán que concede a Xunta de Galicia a aquelas persoas ou entidades que traballan a prol da igualdade. Dos centros sanitarios galegos subliñouse o seu exemplo de incorporación da muller ao mundo da ciencia, xa que os tres están dirixidos por mulleres. Isto sitúa a Galicia na cabeza, dado que dos 32 institutos desta índole que hai en España, tan só 10 teñen liderado feminino. As medallas Pardo Bazán tamén condecoraron a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e a Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña.

O evento para a entrega das medallas celebrouse este mércores no Museo de Belas Artes da Coruña. Ao acto asistiron a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; entre outras personalidades. Durante o acto subliñouse a importancia de todas as persoas e entidades premiadas, dado que contribuíron e contribúen a lograr a igualdade efectiva en Galicia. Estes galardóns creáronse en 2019 e levan o nome da escritora Emilia Pardo Bazán, unha muller precursora na defensa dos dereitos da muller e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres.

Publicidade

Tres centros científicos

O IDIS, o INIBIC e o IISGS son considerados pola Xunta como un “referente nacional”. Ademais de estar liderados por mulleres, son “un exemplo da incorporación da perspectiva de xénero na investigación sanitaria“. O acto, no que participaron as directoras dos tres centros, puxo de manifesto o seu compromiso coa igualdade no ámbito da ciencia. “No IDIS entendemos que a igualdade non é só un principio ético, senón unha necesidade para o progreso de toda a sociedade; e co fin de conseguilo traballamos para construír un entorno onde se valore e respecte a diversidade”, sinalou a directora do IDIS, María Luz Couce, durante o discurso de entrega.

A asociación Acadar

Por outra banda, o recoñecemento a Acadar responde ao seu traballo “por todas as mulleres con discapacidade, pola defensa dos seus dereitos e pola mellora, en xeral, das súas vidas e benestar”. Esta entidade sen ánimo de lucro constituíuse no ano 2009 por un grupo de mulleres que tiñan como obxectivos comúns conseguir a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres galegas con discapacidade.

Publicidade

Rosa Celia Otero Graña

Por último, Rosa Celia Otero Graña, presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña recolleu a súa medalla. Nada en Santiago de Compostela en outubro de 1940, recoñécese o seu compromiso coa conquista de dereitos das mulleres, sobre todo as amas de casa. Ademais, participou activamente no Consello Galego das Mulleres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Un equipo da Coruña crea un modelo en 3D para entender a endometriose e mellorar o seu diagnóstico

O obxectivo é comprender as características moleculares da enfermidades para probar novas dianas terapéuticas e identificar biomarcadores que axuden na súa detección

A UDC propón unha combinación de fármacos contra unha das bacterias máis resistentes aos antibióticos

O equipo investigador identificou unha molécula como unha candidata prometedora para actuar contra infeccións intracelulares

Un equipo de Santiago revela patróns xenéticos compartidos entre oito trastornos mentais

Un novo estudo do IDIS aplica por primeira vez unha abordaxe estatística novidosa en psiquiatría co obxectivo de mellorar o diagnóstico e impulsar a medicina personalizada