Cinco científicos da USC, UVigo e CSIC reciben as Medallas de Investigación

A condecoración da Real Academia Galega de Ciencias premia a Antonio Figueras, Santiago Lago, Pedro Arias, Alberto Bugarín e Diego Peña

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (UVigo) e do CSIC. Esta distinción, que cumpre a súa sexta edición, valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas celebrarase o Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro no Paraninfo da USC, en Santiago.  

Antonio Figueras, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde

Antonio Figueras Huerta, do IIM-CSIC.

Antonio Figueras Huerta (Vigo, 1957) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. É investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), con sede en Vigo, onde dirixe o grupo de Inmunoloxía e Xenómica e é colaborador en GCiencia dende a súa fundación. É un referente internacional en patoloxía de organismos mariños, especialmente moluscos.

Publicidade

A súa experiencia en estudos xenómicos, bioinformáticos e de secuenciación masiva permitiulle ampliar a súa investigación a moitos campos da bioloxía mariña e conseguir fitos moi relevantes como a secuenciación do xenoma completo do rodaballo e do mexillón, importantes especies para a acuicultura galega e española. O resultado da súa actividade científica tradúcese nun inxente número de artigos e libros cun índice H de 67 (Web of Sciences), estando incluído no ranking Stanford entre o 2% dos investigadores máis influentes do mundo. Na actualidade dirixe o Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermedades de Moluscos e a Asociación Europea de Patólogos de Peixes.

“Estou moi agradecido á Real Academia Galega de Ciencias por esta Medalla, para min é unha verdadeira honra. Este recoñecemento motívanos a seguir investigando con paixón no campo da acuicultura e en proxectos tan interesantes como o xenoma do mexillón. Quero darlle as grazas á RAGC por impulsar a ciencia mariña e por destacar a importancia de coidar os nosos mares”, manifesta Figueras.

Publicidade

Santiago Lago, premiado en Ciencias Económicas e Sociais

Santiago Lago Peñas, da USC.

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria do economista Santiago Lago Peñas (Vigo, 1971), catedrático de Economía Aplicada da USC. É un referente internacional no campo do federalismo fiscal e a descentralización. Traballou como asesor para organismos internacionais como o Banco Mundial, a OCDE ou o Banco Interamericano de Desenvolvemento; e participou no deseño de políticas públicas en España e Galicia.

Tamén formou parte dos equipos redactores dos últimos Libros Blancos do Goberno de España nos ámbitos do financiamento autonómico e reforma fiscal. Participou en comisións parlamentarias autonómicas e nacionais, ao tempo que asesorou a distintos gobernos sobre a implantación de políticas fiscais e económicas. En 2010 fundou o Foro Económico de Galicia, unha plataforma que fomenta o diálogo entre o sector empresarial, o académico e o político. Está considerado un dos economistas máis influentes de España no ámbito da economía pública.

“Síntome moi honrado e moi feliz, sobre todo polo que supón de recoñecemento da orientación do meu traballo de investigación dende hai tempo, no que sempre tento combinar a análise rigorosa e cuantitativa coa selección de asuntos de política pública relevantes para a contorna galega, española e mesmo europea”, salienta Lago.

Pedro Arias, recoñecido no campo das Ciencias Técnicas

Pedro Arias Sánchez, da UVigo.

Pedro Arias Sánchez (Lugo, 1965), catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, e investigador principal do grupo de investigación Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo, foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. A RAGC destaca o seu brillante labor investigador, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial.

Tamén se valorou que aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos. “Recibir a Medalla de Investigación en Ciencias Técnicas é un privilexio e supón un recoñecemento por parte da RAGC, polo que estou moi agradecido. Este premio non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo e de todas as persoas que me teñen apoiado o longo deste camiño”, resalta Arias.

Alberto Bugarín, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

Alberto Bugarín Diz, do CiTIUS.

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle ao catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC Alberto Bugarín Diz (Caracas, 1967). É investigador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, onde coordina o Grupo de Sistemas Intelixentes, recoñecido como grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia.

A súa investigación céntrase en diferentes áreas da intelixencia artificial e as súas aplicacións, como a xeración de linguaxe natural, intelixencia artificial fiable, computación flexible, aprendizaxe automática e a representación do coñecemento e razoamento aproximados. É coautor de máis de 200 traballos científicos nestes temas e participou en máis de 60 proxectos de I+D e contratos de innovación e transferencia. Ademais, coordina o Grao en Intelixencia Artificial, impartido conxuntamente polas tres universidades galegas. É vogal da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e secretario da Sociedade Española para o Procesamento da Linguaxe Natural.

“É un gran honor recibir esta medalla, que lle agradezo enormemente aos académicos e académicas da RAGC. Para min non é un recoñecemento individual, senón colectivo ao bo traballo feito polas investigadoras e investigadores do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS da USC nos 35 anos que estamos a piques de facer. Esta medalla é tan deles e delas coma miña, e quero agradecerlles o seu esforzo por investigar a un moi alto nivel internacional e por crear aplicacións de grande impacto, que son unha magnífica mostra da elevada calidade da intelixencia artificial que desenvolvemos desde Galicia”, salienta Bugarín.

Diego Peña, medalla na sección de Química e Xeoloxía

Diego Peña Gil, do CiQUS.

O catedrático Diego Peña Gil (Santiago de Compostela, 1974), investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía, pola súa gran traxectoria científica. É un investigador cun gran recoñecemento internacional, que abriu unha nova área de investigación en Química Orgánica, tratando de resolver problemas químicos mediante a combinación da química e a ciencia de superficies, que leva á manipulación de moléculas individuais.

Os seus traballos, realizados en colaboración con físicos de distintos países, publicáronse en revistas de alto impacto como Science ou Nature, e abriron novos campos de investigación na fronteira entre a química e a física. Tal como resalta a Academia, “trátase, sen dúbida, dun dos investigadores con maior proxección en Galicia no estudo da Química”.

“Síntome moi ditoso pola concesión da Medalla da RAGC, que ademais leva o nome dun dos meus ídolos científicos, pioneiro da investigación en Galicia e referente para os químicos galegos, o profesor Antonio Casares. Moi agradecido aos académicos e académicas por considerarme merecedor desta distinción, que en realidade premia o traballo de todo un grupo de investigación e colaboradores”, manifesta Peña.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto liderado pola USC alimentará vehículos espaciais con enerxía láser

Un equipo do CiTIUS recibe 4,7 millóns de euros de Europa para unha tecnoloxía que tamén terá aplicacións na agricultura e na industria

O sofisticado (e sorprendente) sistema inmune do mexillón

Algúns bivalvos teñen o maior e máis diverso número de sensores para detectar patóxenos de todo o reino animal

Investigadores do CiQUS deseñan vehículos moleculares versátiles para transportar material xenético

Científicos de Santiago baséanse nun tipo concreto de química para fabricar nanopartículas que poderían empregarse para tratar e curar enfermidades

Mascareñas, nomeado presidente dun dos congresos máis prestixiosos en química

O director do CiQUS é o terceiro español en recibir o recoñecemento e debe realizar a programación científica e seleccionar os relatores